viernes, julio 20, 2007
Del Olmo, os Príncipes e a revista El Jueves
Chuzar sobre cada unha das follas do documento para ver o auto ditado polo xuíz Del Olmo contra El Jueves.
O xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo, que xa estivo a piques de dar a volta ao "ruedo" e cortar dúas orellas e rabo cando lle tocou torear partes importantes do proceso conseguinte ao atentado do 11M, acaba de asegurar para si mesmo o número 1 da inmediata actualidade española ordenando secuestrar a última edición da revista El Jueves por publicar na portada unha caricatura dos príncipes Felipe e Leticia de Borbón, na que aparecen facendo algo que todos facemos cando podemos –algúns cada vez menos– e que moitas veces dá como resultado que aumente o censo de poboación.
Supón o togado que a publicación, emblemática dentro do humor español dende hai varias décadas, inxuriou ao sucesor da Coroa e considera "denigrantes" as imaxes que aparecen na primeira páxina de El Jueves. A min, que me tocou vivir épocas do franquismo e da transición nas que o secuestro e persecución diversa de revistas e xornais era algo co que case había que tomar a parva –os que daquela traballabamos en Interviú sabemos moito disto–, a noticia que acaba de desencadear o xuíz Del Olmo non me acaba de entrar no maxín. Tan mal andamos para que se poda considerar "claramente denigrante e obxectivamente infamanate" pintar a parella principal facendo algo que sen dúbida fixeron máis dunha vez, na súa intimidade, claro está? O que é infamante e denigrante? Botar un caliqueño? Habería, logo, que prendernos a todos e non colleriamos nos cárceres. Ou eo escribir no "bocadillo" caricaturesco do Príncipe que o que está a facer vai ser o máis parecido a traballar de todo o que fixo na súa vida, por aquilo dos 2.500 euros por neno?
Este país de países que aínda lle chama alguén España debería ter outros problemas máis importantes a resolver. Erguer outra vez a estaca do secuestro de publicacións é como se de pronto espertaran algunhas pantasmas do pasado. Non abondaría con someter aos tribunais de forma ordinaria a quen puidera supoñerse que cometeu delicto co que se publicou en El Jueves? E aínda hai algo que me preocupa máis. O Julgado Central de Instrucción número 5 da Audiencia Nacional, que rexenta o xuíz Del Olmo, non se conformou con ordear o secuestro da publicación. Tamén lle esixíu ao director da revista satírica que identifique os autores da caricatura. E todo isto, según indicou o fiscal actuante neste caso, Miguel Ángel Carballo, a instancias da Fiscalía Xeral do Estado que, como se sabe, está gobernada polo galego Cándido Conde-Pumpido. Estamos bos! Calquera día haberá quen mande prender a Alfred Nobel porque inventou a pólvora e agora con ela está machacando Bush os pobres habitantes de Bagdad, e os pobres bagdadeños devolvéndolla ao vaqueiro nortemaericano.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Imaxinemos a mesma caricatura pero desta vez os protagonistas serán Zapatero e señora, ou Quintana e señora... ¿como pensa vostede que se comportarían os retratados e os seus partidos? ¿Pediría vostede o secustro da publicación se fose vostede e señora os quen aparecesen na portada?
Publicar un comentario