Non fun capaz de entender moi ben por que o PSdeG-PSOE se empeñou en encabezar dúas das súas listas municipais (Vilagarcía de Arousa e Cortegada) con sendos policías que podían rematar con problemas legais derivados das súas respectivas situacións profesionais. Menos comprensíbel aínda me resultou o caso de Enrique León, agora alcalde dimisionario da vila arousá. Se os de Touriño pretendían "barrer" electoralmente, non se lle ocorreu a ninguén pensar en que no censo vilagarcián hai unha participación indesdeñábel de votantes concernidos precisamente polo labor que mellor desempeñou o policía agora alcalde dimisionario na vila que algunha vez foi alcumada como o Medellín galego? Dende este último punto de vista, algo diferente podía ser o caso de Avelino de Francisco, ex xefe superior de Policía de Galicia e ex alto cargo policial en diferentes cidades galegas e do norte de España e agora alcalde de Cortegada (Ourense), aínda que dende a legalidade vixente poda gardar certa relación co que acaba de pasar en Vilagarcía.
E o que xa non entendo nin poñéndome de cara ao monte Lobeira é a actitude resistente que protagonizou Enrique León. Acabou facendo de Gary Cooper en High Noon sen percatarse de que a Vilagarcía non acababa de chegar a banda de bandidos perigosos que apeou en Hadleyville. Non estivo moi atinado, por exemplo, cando lles respondeu aos do PP que os de Núñez Feixóo o que pretendían era gañar nos despachos o que non foron quen de lograr nas urnas. Despois de todo, el tampouco conseguíu igualar o teito electoral do seu antecesor Gago. De aí, probabelmente, que agora lles bote tantas frores aos concelleiros do Bloque que lle axudaron a ser o alcalde menos perdurábel do mandato municipal que acaba de empezar.
Por que tiña tanto interese este home en rexir os próximos catro anos da vila na que exerceu tanto tempo a súa carreira policial? Quería ser quizais o Rudolf Giuliani da ría de Arousa? A súa teimosía en deixar un cargo que lle foi legalmente rebatido pola Xunta Electoral Central pode que non indique precisamente unha disposición meridianamente respectuosa das boas costumes democráticas. En política está ben que ún reclame todo o que teña que reclamar, pero habería que conxugar máis o verbo dimitir cando os indicios racionais de que algo pode estar pasando asombran o rol de quen ocupa un cargo público. Máis aínda cando o seu propio partido lle estaba indicando que a única saída era a de marchar para a casa.
E non vale de nada botarlle a culpa á oposición. Neste caso, o PP, organización política que non fixo máis que exercer un dereito que lle asistía non só a ela senón a calquera cidadán mesmamente. Ou é que cando protesta a esquerda pode ter razón e se o fai a dereita carece dela? Mal andamos cando se recorre a estas estrataxemas.
O que acaba de pasar en Vilagarcía non é, por outra parte, dramático. Polo que me contan, a sucesora de León pode ser unha muller de probada experiencia administrativa, Dolores García Dorgambide, a quen coñezo e aprezo dende que empezou a traballar na preautonomía cando mandaba o falecido Antonio Rosón. E isto non quere dicir que me alegre polo trance persoal e político polo que está pasando o alcalde dimisionario, que merecía ter a oportunidade de demostrar que podía ser u bo rexidor de Vilagarcía de Arousa. Pero a política, xa se sabe, tén estas cousas. Ou pensaba Enrique León que era igual que gobernar unha comisaría?
3 comentarios:
Meu querido amigo: Tes un blog magnífico, magnífico...!
Parabéns por todo...!
Almiral Mouchez
Mon cher amiral (ou almiral) Mouchez, à vos ordres! (é un dicir).
Vaia pseudónimo que foi escoller o gachó. Fóra coñas,moito lle agradezo o seu post de parabéns. E, insisto,faime graza que vostede se fixara na figura de Ernest Amédée Barthélemy Mouchez, un contraalmirante francés do século XIX, creador do Observatorio de París, entre outras cousas, que foi quen de conciliar excelentemente a milicia e a ciencia, particularmemte a Astronomía. Non hai moitos cibernatutas que saiban escoller tan ben os nicks coma vostede.
Saúdos.
Perfecto Conde
Como ti non ignoras, meu euruditísimo amigo, o Almiral Mouchez fou autor dun moi celebrado mapa das estrelas...!
En fin, alégrame sempre saber que andas por aí.
Es un gran periodista, vaia se o es...!
(O xornalismo é iso)
Almiral Mouchez
Publicar un comentario