viernes, agosto 31, 2007

Algúns gardas civís precisan que os poñan firmes


O director xeral da Garda Civil, o ministro de Interior, alguén debería pararlle algo os pés a esa autodenomi-
nada Unión Federal de Gardas Civís (UFGS) que se atreve, segundo un despacho de Europa Press que acabo de ler, a desafíar en plan pistoleiro de salón a un deputado do BNG que foi democraticamente elixido e que goza de todos os dereitos e obrigas que lle otorga a institución pública á que pertence.
E, cando digo parárllelos pés utilizo o verbo no sentido que lle dan os castelanfalantes de Latinoamérica. Quero dicir que os paren, que os poñan de pé, firmes, ¡ar! Din os mentados sindicalistas dun corpo armado, referíndose a Bieito Lobeira, que xa "se pode poñer (a) facer o pino" porque eles "seguirán, se así o queren, usando o castelán". Polo visto, é todo o que se lles ocorre comentar sobre a iniciativa tomada polo parlamentario do Bloque para que se estabrezan convenios de formación lingüística destinados a policías e gardas civís de Galicia e acordos co Ministerio de Interior para traducir ao galego programas informáticos e formularios de uso común nas comisarías e cuarteis.
¡Pois estamos aviados! Na letra e no espírito desta peculiar e irresponsabel resposta dunha parte minoritaria da Garda Civil agóchase unha preocupante insidia que puidera ter orixe nos rescoldos autoritaristas e totalizadores, por non chamarlle doutra maneira, que ás veces agroman na forza pública á que pertenceu o tristemente célebre coronel Tejero. Son lector afervoado das memorias do noso paisano Portela Valladares, nas que sobrancea o execelente cmportamento que case sempre tivo a Garda Civil cando lle tocou e soubo defender a orde democraticamente estabrecida, pero non podo esquecer que no corpo fundado por Ahumada cólanse con demasiada frecuencia anceios pouco ou nada respectuosos coa civilidade mínima que debía haber en calquera sociedade avanzada.
Vir agora, como veñen estes gardas civís da UFGS, a tentar desafíar con linguaxe tabernaria a calquera lexislador, sexa da orientación política que sexa, pode resultar, alén de extemporáneo, altamente significativo de que aínda non vivimos na democracia que todos aspiramos disfrutar. A estes gardas civís, que parecen máis propios de tempos pasado que dos nosos días, habería que dicirlles aquilo que respondeu Margaret Thatcher, sendo xefa do goberno inglés, cando un milico se lle foi queixar por algo que ocorrera en Xibraltar. "Señor coronel –dixo ela– se non lle gusta a miña política, non vote por min nas próximas eleccións".
¿Que queren os da UFGS? ¿Desacatar a lexislación que estea vixente en cada momento? ¿Faceren eles as leis? A miña dúbida é a de como se van comportar o día no que, por casualidade, se lles aplicase a eles –funcionarios despois de todo– a obrigación de faceren o seu traballo en galego en Galicia, en catalán en Catalunya ou en euskera en Euskadi. ¿Desbotarían neses casos a obediencia debida que tanto invocan noutras circunstancias? ¿Indisciplinaríanse contra a orde estabrecida ata o límite de convertérense eles mesmos en delincuentes? Polo que di a UFGS, podía temerse algo parecido.
En resume, que resulta chocante observar como algúns encargados de cumpriren e faceren cumprir as leis son os primeiros en proclamar a insubmisión. Que alguén lles pare os pés. Ou sexa, que os poña firmes na defensa do estado de dereito.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Soberbio, tío, simplemente soberbio. Que aprendan moitos dos lumbreras do columnismo campante.

Anónimo dijo...

Por favor, que ninguén pense que todos os gardas civís pensamos e actuamos coma UFGC. A maioría de nós sabemos e queremos respectar todas e cada unha das catro linguas de España e mesmo procuramos aprendelas cando a ocasión tercia.

Anónimo dijo...

Ás veces máis dun arrogase a representación dun colectivo, só e unicamente porque teñen un suposto cargo, neste caso sindical, e aproveitan o carguiño para dar a súa opinión persoal agochándose tras el.
Eu, que levo 27 anos no CNP, fago os meus escritos persoais solicitando permisos, vacacións e outras cousas en galego, e nunca tiven o máis mínimo problema nelo. Tamén só faltaría iso.
Como pasa no meu colectivo, o señor que da esa opinión aproveita o carguiño para dar a súa persoal e non a do colectivo.
Tamén é certo, hai algúns membros das FF.CC.SS. que cando lles falas nunha lingua que non é o castelán mírante de esguello; ten que haber de todo en tódolos lados aínda que, felizmente, son os menos.
Carqueixa.
Un saúdo.

Anónimo dijo...

Excelente exemplo e magnífico comportamento o que nos mostra o experimentado membro do CNP Carqueixa. Iso si que é a normalidade democrática e civilizada. Policías así son os que se precisan, que comprendan e participen na sociedade na que viven. Saúde, Carqueixa, moita saúde e longa vida profesional e persoal.