lunes, agosto 06, 2007

A Cidade da Cultura servirá para os que son libres, republicáns e iberoamericanos


César Antonio Molina, poeta, plaxiador de entrevistas de Cunqueiro e ministro de Cultura dun Estado que tén outros dazesete taberneiros do mesmo bistrot, quitoume un peso de enriba. Estaba eu preocupado coa idea de que non ía servir para nada esa custosísima Cidade da Cultura que nos deixou Fraga, e que herdaron encantados os que o sucederon, aínda que digan en público o contrario, e chegou el, agarrou da man a Touriño –iso si, sen que a conselleira do ramo se enterara de nada– e buscoulle acomodo ao ladrillazo de Peter Eisenman. A Cidade da Cultura acáelle como anelo no dedo á celebración do bicentenario da independencia das repúblicas iberoamericanas.
Non está mal. Os galegos nin temos república nin somos independentes nin rabos de gaitas, pero temos que pagar a sede na que eles van celebrar o seren republicáns e libres. Mire vostede por onde o mausoleo de Fraga vai servir para algo. Esta noite vou durmir tranquilo. Pensaba que Eisenman tirara polo monte Gaiás abaixo a porrada de millóns que nunca se investíu en ningunha outra cousa en Galicia. Só me queda unha mágoa. A de que Ánxela Bugallo non lucira algún dos seus vestidiños a cores acompañando o ministro-poeta-plaxiario e bendecindo a futura chegada a Compostela dos que son libres, republicáns e iberoamericanos. Tivo que conformarse, polo que se ve nas fotos, con que estivera presente o seu querido presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, que por algo el si é amigo do ministro. Sería, para min, a felicidade total, vela sorrir diante dun ministro poeta. Sen ela, aínda hei ter que seguir pensando que Fraga, Pérez Varela e Eisenman metéreronnola dobrada e a Touriño e a Quintana só se lles ocorre dicirnos que poñamos vaselina para que nos doa menos. Quosque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? Quam diu etiam furor iste nos eludet, qued ad finem sese effrenata iactabit audacia?

2 comentarios:

Anónimo dijo...

A Villares quen o ningunea é Touriño, como ocurríu nunha visita a Brasil.

Anónimo dijo...

Non sempre pode un chamar o vehículo oficial para que te recolla...