jueves, agosto 09, 2007

A Garda Civil non é española porque non quere saber as catro linguas de España

A Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS) está disposta a pedir aos seus afiliados que desobedezan a normativa legal "se o lexislador decide facer caso aos criterios políticos dun partido que non representa nin de lonxe a maioría dos galegos". Con estas palabras respondeu o citado sindicato á petición do parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez de que as denuncias da Garda Civil sexan emitidas en galego e en todas as linguas do Estado.
Segundo a UFGCS, "a Garda Civil é un corpo que ten carácter estatal e cuxos membros atópanse sometidos a mobilidade xeográfica, polo que dificilmente se lles pode esixir a todos os gardas civís que coñezan todas as linguas do Estado". Pide, polo tanto, "un pouco de sentido común" e defende que a ningún cidadán se lle prohíba presentar unha denuncia en galego de paso que "o BNG non pretenda impoñer o uso da lingua galega aos funcionarios da Garda Civil". Nesta dirección avisa de que "a Unión Federal defenderá aos axentes no uso do castelán e participará activamente en campañas de desobediencia á norma se é que o lixislador decide facer caso aos criterios políticos dun partido que non representa nin de lonxe á maioría dos galegos e que está empeñado en facer da Constitución Española un texto á carta dos seus intereses partidistas".
Boa a fixo Paco Rodríguez. Coa súa intención de que se respecte e normalice o uso oficial do idioma máis propio de Galicia colocou unha parte dos gardas civís onde xa estiveron outras veces. No desafío e irrespecto da lexislación democrática. Fixérono contra a República legalmente instituída e a favor dun ditador que asoballou España durante máis de catro décadas, por exemplo. Non ten agora nada que dicir o conselleiro da Presidencia da Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu? Qué é maís grave que chame a insubmisión Encarna Otero ou que o faga todo un sindicato de axentes da autoridade? Por que non aprenderon aínda os beneméritos fillos do duque de Ahumada que só é español quen sabe as catro linguas de España?.
Para que vaian adiantando algo, ofrézolles cinco versos do poema que lle adicou a Tomás Meabe o poeta vasco Gabriel Aresti:
Pecha os ollos moi suave,
Meabe,

pestaña contra pestaña.

Só é español quen sabe

as catro linguas de España.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Vaia cos gardiñas do sindicato ese. Dispostos a desobedecer a lexislación vixente se chegase a implantarse a obrigación de exercer o seu cometido en galego. Esquécense de que compañeiros de corpo seus botaron man da obediencia debida para defendérense de ter tomado por asalto o Congreso dos Deputados? Alguén terá que lembrarlles que, como axentes da autoridade que son, están para cumprir e facer cumprir as leis e non para facelas. O caso é moito máis grave do que en principio poda parecer.