viernes, agosto 24, 2007

Quintana trata os vellos igual que Fraga


Non me extraña nada que Ricardo Varela, como secretario de organización do PSdeG-PSOE, saíra ao paso do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no canto da súa obsesión de emular a Fraga na utilización partidista da terceira idade mediante a organización de todo tipo de merendiñas e saraos disfrazados de encontros, reencontros e encontronazos. A min, que xa me queda pouco para incorporarme ao estado mal chamado xubilar, pode ata darme noxo pensar en que alguén me queira incorporar a ese mostrenco uso político da vellez. A verdade é que non me imaxino comendo empanada debaixo dun carballo a cambio de que me espeten un discurso político de circunstancia por moi da miña corda que poidera resultarme. Se ao chegarmos aos 65 non sabemos aínda cales son as nosas ideas nin a quen temos que votar, se cadra sería mellor que nos levara o demo.
Á terceira idade o que había que darlle son pensións de xubilación decentes, servizos médicos e sociais desenvolvidos, promoción pública das súas inquedanzas e ocasión propicia para vivir como Deus manda. Tratala, como facía Fraga e como parece que fai Quintana, igual que se fora unha mercancía electoral calquera, non é máis ca unha perversa desconsideración das persoas cando chegan precisamente á etapa das súas vidas na que só deberían merecer respecto, solidarieradade e agradecemento. Converter os maiores en obxecto de calquera tipo de manipulación política ou de proceso de adoctrinamento que conleve xogar coa súa escasa capacidade de gozar da vida que lles queda seguramente só é propio dos que conciben a organización social como instrumento ao servizo dos seus intereses políticos e non como un conxunto de ferramentas e de medios para librármonos da dependencia e da falta de liberdade. Debe ser, ademais, algo abondo inútil dende o punto de vista da táctica política porque se un non chega a conservador, nacionalista, socialista ou o que sexa antes da terceira idade, hase facer despois porque llo pidan Manuel Fraga ou Anxo Quintana? Esta vez ten razón Ricardo Varela. O que facía Fraga e o que fai Quintana son cousas moi parecidas, se non son semellantes.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Quizá el Sr. Quintana, por su formación profesional, se aproxime a las personas mayores con un mayor conocimiento de las humillaciones físicas que nos trae el tiempo. En cualquier caso, ambos políticos parecen buenos conocedores de las humillaciones que nos traen ciertas formas de entender la política...
(Por favor: recupéreme el signo de interrogación al inicio de las frases interrogativas)

Anónimo dijo...

Estimado Si transit gloria mundi:
Despois de ler con atención o que me indicou xa varias veces sobre a utilización do signo de interrogación no comenzo das frases interrogativas, teño que dicirlle que me deixou vostede pensativo e preocupado.
Confésolle que eu tampouco entendo moi ben por que os normativistas atuais do galego tomaron a decisión de suprimilo. Se cadra foi unha vontade máis de aproximármonos ao portugués. Xa ve, algúns fuxen do castelán como se fora o demo imperialista e devecen por ser acollidos no colo do idioma de Camoens, que non era mellor ca Cervantes.
Recoñezo que o uso de tal signo interrogativo inicial axuda a comprender e a ler e pronunciar a frase, pero tamén é verdade que hai moitos outros idiomas (o francés e o portugués, só por poñer dous exemplos moi próximos) que non fan uso del e funcionan perfectamente.
En fin, que terei que pensar se lle fago caso e volvo a escribir, como sempre o fixen, o tal signo interrotativo inicial. Co permiso dos "comisarios" da lingua, of course!