viernes, agosto 31, 2007
Rentrée quente, logo dun verán de pan e circo
Os franceses chamanlle rentrée a reanudación das actividades que proseguen o remate das vacacións de verán de cada ano. Refírense a rentrée scolaire (reapertura do curso escolar), á rentrée de vacances (a volta das vacacións) ou á rentrée politique e parlementaire (reanudación das tareas políticas). Seguindo a terminoloxía dos nosos veciños –déixenme presumir de afrancesado e consideralos así aínda que os teñamos a 600 quilómetros–, coido que en Galicia imos ter unha rentrée chaude, é dicir quente e axitada.
Os recentes zarrapiques, ía dicir dialécticos pero quizais só foron dialectais ata agora, intercambiados entre os respectivos líderes das dúas forzas que compoñen o goberno e a que conforma a oposición, fan pensar na inminencia dun outono de tronadas políticas. Da serpente de verán que puido ser a polémica levantada por unha información estupidizante que publicou o xornal El Mundo sobre esa estrofa do himno galego que a algúns nos pode parecer perigosamente xenófoba e mesmo aínda ben reaccionaria, Touriño, Quintana e, sobre todo Mariano Rajoy, empeñáronse en convertela no leit motiv dun enfrontamento case radical sobre o actual sistema educativo. ¿Debe un neno de cero a tres anos aprender a letra do poema de Eduardo Pondal e a música de Pascual Veiga que constitúen o Himno Galego?, foi a pregunta máis importante que se lles ocorreu aos nosos políticos este verán.
Eu aínda gardo a sospeita de que esta cobra de verán puido ata ser produto subliminal dalgún mecanismo de defensa do que botasen man todas e cada unha das tres gandes forzas políticas galegas para subministrarnos o pan e o circo co que os do común nos esquenceramos dos grandes problemas que están abertos e que non van camiño de solucionarse ou que se solucionan na dirección contraria á que a xente pode querer que se siga. Lonxe de pasarmos un verán no que non pasase nada e a pesar de que a natureza nos librou este ano dunha posíbel e calamitosa vaga de incendios, a estación que está a piques de rematar foi polo menos calorosa política e socialmente. Aí están aínda os veciños de Mugardos pechados na súa Casa do Concello para protestar pola ubicación de Reganosa. O Courel percatouse por fin de que se está a estragar a súa verdadeira alma, e veciños da Costa da Morte e ecoloxistas xuntos ergueron a voz de alarma sobre a desfeita que pode conlevar un plano acuícola que foi quen de botar a Pescanova do cabo Touriñán, pero pon en perigo outras zonas non menos dignas de protección ambiental, paisaxística e patrimonial. Se lle engadimos a todo isto, o procaz desenvolvemento que tivo ata agora o deseño e construcción da escandalosa Cidade da Cultura, sobre todo dende que o Consello de Contas deu a coñecer o seu informe, o panorama que presentou a actualidade galega, nos tres últimos meses, non é precisamente o dunha paradisíaca illa do Caribe.
E tampouco hai que esquecer que a socidade galega ficou realmente abraiada polas consecuencias que se van tirar de que a nova Lei da Función Pública entronizase os funcionarios que exerzan cargos públicos co dereito de pernada de cobraren o famoso “aguinaldo” dos 15.000 euros. Nestas circunstancias, repito a pregunta de se PSOE, BNG e PP non viron na polémica do himno ocasión propicia para desvíar a atención pública. Mentres pensabamos nos imbéciles e nos escuros, se cadra non tiñamos tempo de ocupármonos dos eventos consuetudinarios que acontecen na rúa. O pan e o circo dos romanos. O fútbol e as touradas de Franco.
E logo está iso da Televisión Galega. Agora resulta que nos enteramos oficialmente de que hai dúas telegaitas. A de Touriño, con Fernando Salgado de muñidor, e a de Quintana, con Antón Losada de Rasputin. ¡Pero, home, se era o que xa sabiamos todos os que perdémolo tempo vendo as emisións e que coñecemos aínda mellor os que algunha vez fomos chamados para participar nela e logo botados á papeleira en canto se percataron que nos lles levabamos a auga ao seu rego como querían! ¿Tiveron que pasar dous anos para que a parte do goberno que lle toca ao BNG descubrira que Touriño sae nos telexornais como saía antes Fraga e como saía Franco no No-Do? ¿Que pensaba Quintana, que lle ía abondar con Piñeiro? O malo é que, mentres tanto, temos a TVG que temos, que non é precisamente a BBC. ¿Por que seguen sen cumprir a promesa de estruturar legalmente unha televisión pública galega que deixe de ser a caixa de resonancia dos gobernos turnantes? A todo isto non se responde só con pan e circo. A xente quere compango.
De aquí tiro eu a consecuencia de que imos ter unha rentrée quente, que boa falta nos fai. Se os que prometeron remover ata os cimentos da sociedade galega para modernizala e facela máis xusta, solidaria e acolledora non o fan como debían, teremos que sermos todos os que nos poñamos man á obra. Quedan aínda dous anos de lexislatura e, se queremos, podemos facerlles sentar a cabeza na realidade. Son, ou polo menos eran, os nosos e algo terán que facernos caso.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Como puños, señor Conde, como puños as verdades que di hoxe. Que Touriño e Quinatna se poñan as pilas e que se deixen de gaitas. Non terán perdón de Deus se no gobernan de maneira que este país resolva os seus problemas como é debido e necesario. Pídolles por favor que non nos fagan botar de menos a Fraga.
Anda, Angustiado, vai rañala. En vez de contar verdades o que fai o autor deste blog é facerlle o caldo a Feixóo e a todo o PP. Parece mentira que un xornalista que trunfou na súa profesión con senibilidade de esquerdas remate facendo o parvo e converténdose no Jiémenez Losantos galego. Que lle dean! Deberían botalo de A Nosa Terra, pero non só do xornal senón de Galiza.
Buscando información en Google sobre el pazo de Meirás entré de casualidad en este blog y leí varias entrdas y algunos de los comentarios. No soy gallega y mucho menos aún de izquierdas. Toda mi vida he votado al PP. Sin embargo, los comentarios que acabo de leer en este sitio no me parecen a mí precisamente favorables al PP ni a Alberto Núñez Feijóo.
Realmente, ¿no andarán ustedes los gallegos un poco despistados en esto de la política? Me preocupa, además, ese afán cainita que muestra Daniel, por ejemplo, cuando invita a que echen al autor del blog de no se donde y, además, de Galicia. Pero bueno, ¿a dónde quieren llegar? Insisto en que soy de derechas y en que me alarmo al observar determinadas tendencias controladoras.
En fin, perdonen que me metiera en asuntos que me quedan algo lejos. Que haya suerte.
Ai meu Daniel,¡cómo che sae a vea xa non totalitaria, senon nidiamente feixista!
Mírate no espello da túa xenreira: se cadra daráste de conta que sodes vos os que sobrades nesta e en calquera terra que arele outro futuro
Este Daniel é parvo de nacemento.
Publicar un comentario