miércoles, agosto 29, 2007

Tiranos e feudais




A cousa xa pasa de castiñeiro escuro, e refírome á política de privilexios que está aplicando o bipartito aos funcionarios que provisoria-
mente desempeñan cargos públicos. A Lei da Función Pública que está a piques de entrar en vigor, no seu artigo 53, acolleu algo que aínda fai máis escandalosa a súa xa célebre Disposición Adicional 17: "A Administración pública velará para que non haxa menoscabo no dereito á carreira profesional dos funcionarios públicos que fosen nomeados altos cargos, membros do poder xudicial ou doutros órganos constitucionais ou estatutarios ou que fosen elixidos alcaldes, retribuídos e con dedicación exclusiva, presidentes de deputacións ou institucións equivalentes, deputados ou senadores das Cortes Xerais e membros das asambleas lexislativas das comunidades autónomas. Como mínimo, estes funcionarios recibirán o mesmo tratamento na consolidación do grao e no conxunto de complementos que o que se estableza para os que fosen directores xerais e outros cargos equivalentes ou superiores da correspondente Administración pública".
Xa non só os 2.000 beneficiados funcionarios da Xunta. Hai que engadir agora o número que corresponda á aplicación desta prerrogativa aos alcaldes, deputados, senadores, etc. que tamén van ter dereito a cobrar ese ignominioso sobresoldo de 14.721 euros anuais que Touriño, Quintana e Núñez Feixóo, coa vergoñenta unanimidade do Parlamento, lles brindaron. Agora si que se chegou a un ponto sen retorno no preocupante proceso de descrédito da política profesional. Miña amiga Encarna Otero, aviseite, non só non che ían facer caso senón que han facer todo o que estea ao seu alcance para demonizarte a ti a túa dignidade pública! Verás como todo se andará.
Claro que leva razón Bautista Vega Tato, secretario confederal de Relacións Institucionais da CIG, cando afirma que "aprobar por unanimidade no Parlamento Galego unha enmenda do Grupo Popular que introduce na modificación da Lei da Función Pública un 'aguinaldo' de 15.000 euros anuais para toda avida, a maiores do salario ao que teñan dereito polo posto que ocupen, é, a mairores dun privilexio, un acto propio de reximes tiranos e feudais".
Vega Tato tampouco anda errado cando sostén que "nun país como Galiza, con moi graves problemas a solucionar, empezar por deixarse ben apañada a facenda propia, a parte de ser un mal exemplo, supón unha deixadez nas obrigas que debería ter calquera servidor público". A el, e a min tamén, parécelle "un despropósito sen ningún tipo de xustificación que o atual bipartito da Xunta gaste 30 millóns de euros ao ano en premiar a uns 'sufridos' altos cargos que, dende un posto de traballo seguro como o que teñen de funcionarios, nos fan ao resto dos cidadáns o grandísimo favor de arriesgarse a ocupar un posto político. Aínda non lles chegan retribucións que multiplican por 10 o salario mínimo e ter á súa disposición coches oficiais e conta aberta en restaurantes de postín".
Engado eu que dificilmente se podía caer máis baixo na perversión de confundir a democracia, predominio do pobo no goberno político, coa demagoxía para defender intereses particulares e corporativos auténticamente noxentos. Manuel Portela Valladares, no libro de Memorias que tan ben lle editou José Antonio Durán (Alianza Editorial, Madrid 1988), ao botar á vista atrás sobre a experiencia da II República, fala da "política dos literatos" da seguinte maneira: "Son os chamados inteletuais –que moitas veces non pasan de simples literatos– os que , por descoñecer esta verdade, acarrean os maiores danos cando, entre seduccións de oropel, ocupan función de goberno. Acostumados á facilidade coa que os personaxes de ficción van a onde o autor quere, e entrando e saíndo as ideas no seu maxín segundo lles chegan dos libros (e este é o máis estimábel caso), pechados e obsesionados pola súa especialización técnica, adoitan carecer de interior firmeza ideolóxica, contentándose con seren consecuentes na etiqueta e faltándolles a amplitude e o dominio da visión e o contraste da experiencia". Pode alguén asegurarme que non sexa aplicábel esta análise a unha parte das cousas que están pasando agora entre nós?
Polo camiño que imos só os electricistas, albaneis, labregos, obreiros en xeral e, se acaso, algún xornalista, poderán saír da política tan pobres como entren nela. A recua de funcionarios (parouse alguén a reparar en por que hai tantos profesores ocupando cargos públicos de alta responsabilidade?) compórtanse como se só pensaran neles cando nos gobernan. Incríbel, pero certo. Haberá que ir pensando en defendérmonos deles.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Respetado Sr. D. Perfecto Conde Muruais:
Parece que, efectivamente, "hasta aquí hemos llegado".
Aquella preocupación inicial, resumida en las palabras -cínicamente certeras- de D. Alberto Moravia (La política es el arte de obtener el dinero de los ricos con el voto de los pobres, para después defender a aquéllos de las reclamaciones de éstos), parece tomar aquí carta de naturaleza ante la cotidiana contundencia de los hechos.
Como me gustaría creer que es demasiado pronto para acogerse a la desesperanza, y aunque uno ya dude de en qué bote, cuente conmigo para seguir remando mientras siga "lloviendo".
Saludos afectuosos a Oki y Florita.
Cordialmente suyo.
Manuel Lara Coira

Anónimo dijo...

Entre a cita de Portela Valladares que fai o Perfecto e a de Moravia que nos trae Manuel Lara,a verdade é que só se quedará sen ter nada que pensar o que teña a cabeza chea de serrín. O tempora, oh mores!
Cadaquén deberiamos empezar a averiguar cara a onde nos levan os nosos. Seguramente ao mesmo lado que nos levaban os outros. Eu, por non saber, xa non sei onde está o nemigo. E menos aínda, o amigo que pensaba que tiña.

Anónimo dijo...

Vaiche boa, Vilaboa! Vivir para ver. O goberniño facendo que fai que non fai, e o Perfecto Conde prendéndolle mecha. Pero non era un progre este escribidor? O mundo sempre foi a revés, pero agora é que vai de cú.

Anónimo dijo...

Hai dúas clases de periodistas e tamén dúas clases de periódicos: os que escollen o partido da información e os que escollen a información do partido. O Sr Conde é dos primeiros; o sr MalH. obviamente é dos segundos.
Ega

Anónimo dijo...

É de auténtica vergonza. Que faga isto o PP, sería de esperar. Pero que atropellen así a xustiza social PSOE e BNG resulta de pena. ¿E os beneficiados? ¿Onde é que están? Caladiños como mortos. Eles resolveron o seu. E o resto, que nos parta un raio.

Anónimo dijo...

Xa está ben! Confundir sufridos funcionarios, que son os que realmente facemos posible o funcionamento diario do ensino, a sanidade e a administración en xeral, coa recua de recomendados dos partidos turnantes é, cando menos, unha mostra de total descaro intelectual e político.
Os 4.000 benefiacdos dos 15.000 euros non é que sexan funcionarios, son aproveitados da política aproveitada coa que os profesionais da retórica viven a conta do noso traballo.
Xa era hora de dicilo.

Anónimo dijo...

É un auténtico escándalo que non podemos consentir.