O caso podería chegar mesmo a ser abafante. Estou a referirme ao famoso contrato das galescolas que rompeu unilateral-
mente o vicepresidente da Xunta (para asuntos de galescolas, non para finan-
zamentos procedentes do Estado) con oito alcaldes do PP.
Unha intelixente aportadora de comentarios a este blog, Hildegard Canido, dixo hai só dous días que non lle extrañaría nada que Quintana e os alcaldes do PP escenificaran pronto calquera escena de sofá botando “pelillos a la mar” e dicindo que aquí paz e despois gloria. Pois xa se acaba de producir o primeiro capítulo desa representación freudiana coa comparecencia pública de tres deses oito alcaldes conservadores, concretamente os de Antas de Ulla (Lugo), Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e O Rosal (Pontevedra).
O primeiro deles, Xavier Varela, precisamente o que tentou comparar a Quintana con algún Corleone á galega, deuse presa en meter o rabo entre as pernas para dicirlle por carta ao vicepresidente nacionalista que o que quería manifestar cando lle chamou mafioso siciliano era que a oferta que lle fixo polas galescolas era tan boa que resultaba “absolutamente irrechazábel”, e que o convida á Festa dos Maiores que terá lugar en antas de Ulla o próximo día 15 (ata onde eu sei, na carta non se indica que o vicepresidente teña que ir acompañado polo televisivo Piñeiro). Non sei se este señor está de coña, se estaba borracho cando lle chamou mafioso a Quintana e sobrio cando lle escribíu a carta de agora ou se pensa que a inmensa maioría dos contribuíntes somos unha panda de parvos. Porque non quero imaxinar que este tal Varela identifique a mafia siciliana con algo tan bo que non se pode rechazar.
O do Rosal opina agora que firmou “sen ningún tipo de coacción” e pídelle a Quintana que manteña a vixencia do convenio. A ver, señor rexidor dunha das zonas produtoras do mellor viño de Galicia: non era preciso que vostede se axoenllase para que tal contrato seguira en vixencia, abondaba con que esixise o seu cumprimento. Ou é que unha rescisión unilateral coma que executou o vicepresidente abondoulle para sentirse perdedor?
Máis lonxe chegou aínda o de Vilamartín, Manuel Candal*, mostrando que só ten “alabanza e agradecemento” para a política de Quintana e todo canto representa. Segundo el, a única culpa existente neste caso é a do seu propio partido, o PP, e o líder do BNG é a “unica persoa que pode presidir os destinos de Galicia”. Se non fose porque é só unha brincadeira, podería parecer que acabásemos de trasladármonos no túnel do tempo a aqueles costumes que se lle atruibuíron á Unión Soviética e á Cuba de Fidel Castro de promoveren as célebres autocríticas coas que máis de un remataron confesando que mataron a Cristo, pero non mediante a crucifixión senón a goteira chinesa.
Claro que o papelón que lles están facendo cumprir estes alcaldes ao chiripitifláutico Núñez Feijóo e ao seu lugartenente Rueda tamén é de campionato. Xa pasaron demasiadas horas sen que ningún dos dous desen sinais de vida política e, por moitísmo menos co destes alcaldes, botaron do BNG a Gómez Valadé. Haberá que seguir de preto o sainete, e mirar onde rematan os alcaldes de Antas de Ulla, O Rosal, e Vilamartín de Valdeorras, outra boa terra de viños. Serán futuros candidatos do BNG? Do Partido Galeguista? De Terra Galega? Dos tres a un tempo? Que país, Miquelarena!
*Quen queira ver como se explica o alcalde de Vilamartín, Manuel Candal, pode premer aquí.
8 comentarios:
Don Perfeuto, non sei se saberá que o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, o inclito D. Manuel Candal, ademáis de levar máis de 30 anos de mandamáis no concello, é o Presidente da Fundació Valdegodos, o maior emporio privado de Residencias para a 3ª Idade e de Centros de Día.
Xa pode imaxinar que ademáis de Presidente na realidade é o dono. Xa ve a pela é a pela e cos cartos non se xoga.
Resulta evidente que Núñez Feijóo e/ou Rueda teñen que dar a cara e explicar que está a pasar no seu partido con estes alcaldes. Escoitar as palabras e verlle a cara ao alcalde de Vilamarín, ademais de patético, pode ser un exercicio de relaxión humorística máis eficaz que ver dúas películas de Manquiña seguidas nas que repita que o mesmo que lle di unha cousa podería dicirlle a outra.
Estas son cousas que aceleran aínda máis o descreto dos políticos e que afunden o PP na súa imaparable crise interna. Onde está agora Baltar que non controla estas chocheces dos seus alcaldes? Ou é que está el mesmo favorecendo estes cambios de chaqueta? Alguén puxo en marcha un campo de experimentación do que dicía o outro día Xosé Luís Barreiro no seu artigo de "La Voz de Galicia"?.
Hai que averigualo, don Perfeuto, hai que averigualo.
Interesantísima a aportación que acaba de facer Carqueixa. Manuel Candal, alcalde de Vilamartín dende hai 30 anos, dende moito antes de que morerra o comunista galego natural dese Concello Santiago Álvarez, resulta que preside unha tal Fundación Valdegodos, emporio privado de residencias para a terceira idade e centros de día.
Vaia, vaia! Quizais así empeza a entenderse o asunto. Que pillabán este paisaniño de Vilamartín de Valdeorras que hasta dí "oija" que non on confundan a el.
Definitivamente, señor Conde, abandone as tetas oblongas da sobriña de Rouco Varela e averigüe que se esconde neste "affaire" das galescolas. Averigüeoo e cóntenolo, naturalmente.
Ou seña que Manuel Candal é un dos importantes clientes da Vicepresidencia de Igualdade. Caramba Quintana cómo te lo montas!
Coincido totalmente con Canido
Imos ver. O Vice asina un convenio con alcaldes; algúns alcaldes pasan ao contra-ataque e insultan ao Vice; o Vice anula o convenio e alguns alcaldes recúan e pasan do insulto á gabanza máis dócilmente canina.
E con negocios privados polo medio, medio.
Sí, que país.
Mais hai que ollar a xogada paseniñamente: un dos insultos ao Vice Kim foi o de "mafioso". Éo realmente?. Pode un político usar a administración pública así?. Poden unas alcaldes sen palabra andar a marear?.
E non crea, caro director, que os alcaldes de referencia van optar por iren en outras listas que non sexan as do Partido Popular de repeiteado Núñez... hai moito frío fóra e Terra Galega e o Partido Galeguista aínda non trincaron nengunha localidade galega que teña un Plano Xeral de Ordeación Urbana en tramitación, que iso é o que mola e onde se pode recualificar terreos previa adquisición a prezo de penedo esquecido.
Imos ver nada. O único que fixo o vice foi incumplir un contrato firmado con oito alcaldes e eses rexedores muncipais, no canto de porse de xoenellos, o que tiñan que facer é reclamar o que lles corresponde mediante o convenio e reservarse, eso si, o dereito de opinión con todas as súas consecuencias.
Que ocorre para que isto non sexa así? Pois, como na profesión máis antiga do mundo, que tanto tes tanto vales. O asunto das galescolas queda definitivamente reducido a un caso máis de caciquismo galego inveterado.
O único que fixo o Vicepresidente foi liberalos deste convenio se pensan existiu presión mafiosa para facelo e pedirlles que se aclarasen e sexan coerentes coa súa escolla. Hai dúas posibilidades:
Se queren convenio asinan e outorgan.
Se non o queren non asinan e critican o que queiran.
E calquera que sexa a escolla, previa consulta a Feijoo e Rueda, que sexan consecuentes e non pasen dun día asinar a rexeitalo ao seguinte a reclamalo ao terceiro.
Resulta abraiante que un asunto tan sinxelo dea para tanto.
O vicepresidente rachou unilateralmente un convenio firmado por dúas partes e os alcaldes fixeron unhas manifestacións que son presuntamente inxuriosas.
Penso que teño descrito os feitos tal como foron.
No canto de actuaren racionalmente, as cousas foron así e a actitude do vicepresidente e impropia dunha autoridade, porque non estaba firmando un convenio co alcalde, senon acordando un servicio para os cidadáns.
Os alcaldes teñen o dereito de expresión do que fixeron uso, pero ese dereito ten uns límites que, ao meu entender, excederon, polo que o vicepresidente debería terlles exixido unha rectificación ou levado o asunto aos tribunais de Xustiza, que é onde se resolven estes conflictos.
Probablemente, agora os alcaldes, á súa vez, poderían acodir tamén á Xustiza por ter rachazo o contrato o señor Quintana. Así vai a Xustiza.
Outra das cuestións de fondo que subxace neste asunto e o patrimonialismo do poder, do que o señor Quintana, ao meu entender, tamén é culpabel.
Sentencia (os tipos delictivos poden non axustarse ao Código, que descoñezo):
Señor Quintana, culpabel xudicialmente de rachar unilateralmente un contrato e culpabel políticamente de pensar que a administración é súa, no canto de ser dos cidadáns.
Señores alcaldes, culpabeis, xudicialmente, de inxurias ou calumnias contra o vicepresidente e, políticamente, uns "cagaos" por "defenderen" así os dereitos dos seus veciños.
Publicar un comentario