Hoxe fun de rebaixas e percateime de que o que está realmente rebaixado é o idioma galego. Na tenda de Adolfo Dominguez no centro de Santiago nin unha soa dependenta me respondeu en galego cando eu me dirixen a elas neste idioma. Na que ten este modisto un pouco máis abaixo, só unha se dirixiu a min na lingoa na que lle falei de entrada. No Corte Inglés, un desastre. Á parte de que un vendedor se empeñou en dicirme que eu era moi pequeno para atopar a prenda que buscaba na súa sección de tallas grandes, á que previamente me mandaran as dependentas que atendían as estanterías de Burberry, non atopei a ninguén que me contestase en galego unha soa vez. Menos mal que no restaurante deste estabrecemento comercial os camareiros son xente distinta. Alí daba gusto. Das tres ou catro persoas que me atenderon, todas me falaron en galego. E moi amablemente, por certo.
Xa me ten pasado máis veces isto no Corte Inglés. Se un vai mercar un perfume, unha escuma de afeitar, un after shave ou un vestido de marca, o normal é que a dependenta ou dependente mire o cliente por riba do ollo cando lle fala en galego. Nesta rede comercial aínda deben pensar que os que falamos nesta lingua somos algunha especie de atrasados que baixamos do Courel ou da Fonsagrada (ai, se soubesen como son os de por alí enriba, nótase que non len a Novoneira) sen decatármonos de que existe a civilización harmónica que preconiza o presidente da Xunta. No tocante a isto do idioma propio, debe ser o único no que o cliente nunca leva razón. Aínda hei ter que ir ao Corte Inglés de Lisboa para que me respondan en galego.
En fin, que se todo isto é o bilingüismo amábel de Feixóo, eu xa rezo para que volva o bilingüismo simplemente bilingüe do bipartito.
5 comentarios:
Curioso o do Corte Inglés. Vas comprar roupa e atenden en castelán. Vas tomar unha caña na cafetería do mesmo centro comercial e atenden en galego. Isto debe ser o que o Feijóo chama "bilingüismo cordial".
Eu chámolle clasismo. Non é o mesmo (nin gaña o mesmo) o vendedor encorbatado con acento madrileño da sección de "caballeros" que o camareiro descamisado da cafetería.
Si só ocurrise isto que contan no Corte Inglés.....
Pero é a tónica xeral.
Notase ata para anunciar as rebaixas con carteis en galego que tanto exito tivo anos atrás e que agora non é doado velos
Pois se tiveran instruccións de non falar galego xa se sabería, polo que temos que concluír que seguen a pensar que somos da aldea. Que ben acaído queda o que o amigo Julio Medela dí dalgunha xentiña da Coruña.
Bo verán a todos.
Se vai á ferretería tamén o atenden en galego. Hai un estudio sociolingüístico (de clase, con pretensións modestas) dedicado aos distintos departamentos do Corte Inglés. E hai resultados entre esperables e sorprendentes.
Tamén hai que sinalar que no de Vigo e na parte precisamente de marcas célebres falan un galego que dá gusto escoitar, para atenderen, iso si, aos visitantes portugueses de alto standing.
No Corte Inglés sonche moi elitistas. Ese cursiño que lles dan aos empregados é co que nos atopamos despois moitos aos que non nos queda máis remedio que ir. Por outra banda ás veces prodúcense situacións curiosas pq a maioría dos dependentes na súa intimidade falan ou proveñen de contornas galegofalantes. A min un día dixéronme: "Lo sentimos, lo tenemos tenido, pero ahora no". :). A culpa é dos xestores que perden clientes por clasismo. Eu iría se cambiasen de política, agora remiro antes de acabar alí.
Publicar un comentario