Imaxine o lector que o goberno que presidiu Emilio Pérez Touriño fixese unha enquisa preguntándolle aos pais dos alumnos en que idioma queren que reciban o ensino os seus fillos, e pasasen logo semanas e semanas sen que a Consellería de Educación dese a coñecer os resultados. O PP de Feijóo, daquela na oposición, estaría botando lume pola boca, fume polas orellas e raios e centellas polos ollos, e o espelido Ruíz Rivas non pararía de preguntar que clase de amaño estaría facendo a daquela conselleira Laura Sánchez Piñón.
Instalados en San Caetano e no pazo de Raxoi –a Feijóo, coma Fraga, non lle abonda cun só despacho–, un mexeriqueiro conselleiro de Educación que se chama Xesús Vázquez –como o presentador de televisión– leva a cabo esa singular consulta, sen as máis mínimas garantías de control da enquisa, garda logo os resultados nalgún caixón do seu departamento e limítase a dicir que facer o cómputo está resultando máis complicado do que se previu inicialmente. Ou sexa, que parece o escrutinio electoral dunha república bananeira das que xa, por sorte, case non existen.
Pois non será por falta de cadro de persoal, porque hoxe mesmo La Voz de Galicia dá conta de que Educación xa supera o cento de asesores, a maioría elixidos a dedo, que nalgún caso nen sequera teñen a “cualificación acaída”, segundo denuncia o Movemento pola Igualdade no Emprego Público, que sitúa entre estes asesores a “docentes que cansos de traballar nas aulas deciden cambiar de aires por unha temporada, unha modalidade especial de excedencia voluntaria pero pagada”.
Se os modos e os tempos desta famosa enquisa correspondesen a unha consulta electoral de Ganditolandia de Arriba, medios de comunicación e políticos de Ganditolandia de Abaixo –no caso de que esta fose libre e democrática– estarían sospeitando do cocido que se estaría facendo en Lalín coas respostas dos consultados. Aquí, que ven sendo Ganditolandia do Medio, o caso vai camiño de converterse simplemente nunha máis das chocalladas que se lle ocorreu a Feijóo poñer en marcha para inaugurar o seu mandato. ¿Ou equivócome moito?
6 comentarios:
Non señor, non se equivoca nadiña.
E mentres todo isto e máis acontece, a oposición (socialistas e nacionalistas) parece que esta de vacacións perpétuas. Unha oposión inane, incapaz de plantear batalla e debate político, sumida na súa propia incomptencia. Temos PP para rato, por moitas falcatruadas que cometan. Lamentable.
Copio un comentario que lin en galiciaconfidencial:
Debe lerse hoxe “La Voz de Galicia”: Educación supera ya el centenar de asesores, la mayoría elegidos a dedo
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/07/17/0003_7852624.htm
Están reducindo e agrupando nenos en infantil e primaria, en ESO, bacharelato, nas EOI, … perxudicando a calidade do ensino, suprimindo profesorado e incumprindo a promesa electoral de 15 alumnos por aula en primaria, … e están metendo a todo deus de asesor, co que o aforro, onde vai?
Paréceme que esta noticia era merecedora dunha entrada neste espazo, e noutros tamén.
Hai maneiras de aforrar cartos sen perxudicar a calidade do ensino: unificando centros pegados (Viveiro, Betanzos, Boiro, …) co que se aforran cartos en cargos directivos, xefaturas de departamento e, sobre todo, se optimiza o transporte escolar (que é 0 5.8% do orzamento de educación), os comedores escolares, … e se melloran servicios, con máis especialistas e material a disposición do alumnado.
Pode optimizarse o gasto usando software libre no ensino (millóns de euros en licencias), eliminando os concertos educativos onde hai suficiente capacidade de atención pública, … reducindo o horario de relixión, co que se aforrarian os comedores escolares na ESO (e o transporte de mediodía), …
Pero o único que fai o xefe é machacar aos alumnos, ao profesorado e ás familias.
Menos mal que é unha consellería mandada por “técnicos”.
O tremendo do inquérito é que, para além do resto, demonstra uma ignorância absoluta das sócio-linguística ou querer tomar-lhe a cabeleira à gente. Inclino-me por isto último já que Anxo Lourenzo não pode ser tão burro, que é, logo?
Abusando da amabilidade de Perfecto Conde atrévome a incluír un comentario extenso, enviado anteriormente, sen éxito, a redacción dalgún xornal.
A voltas co Enxendro Vázquez
Moi pouco partido debeu tirar o Sr. Vázquez das asignaturas de estatística que cursou durante a carreira. Calquera alumno, mesmo de bacharelato, que tivera un mínimo contacto coa estatística debe distinguir ben entre o que é unha operación censual e unha mostraxe. En calquera dos dous casos, a poboación obxectivo mais o marco son o punto de partida, e ambos os dous deben quedar perfectamente etablecidos, sen ningún tipo de ambigüidade, para ter acceso potencial a todas ás unidades investigadas. Por moito que se dixera que a enquisa (ou censo?) ía dirixida aos pais, na práctica a listaxe utilizada foi a de alumnos, tendo a posibilidade cada pai de cumprimentar tantos cuestionarios como fillos tiver; pensou alguén, poñamos por caso, na capacidade de distorsionar o resultado dos titores de alumnos que viven en residencias colectivas (pisos de acollioda, etc.)?
O responsábel dunha consellaría, un de cuxos obxectivos fundamentais é facer partícipes do coñecemento actual aos nosos nenos e adolescentes, non pode ignorar os rigorosos protocolos consubstanciais a calquera operación estátistica que pretenda ser homologábel. Tamén sabe todo aquel minimamente iniciado no tema, que por moi ben deseñada que estea a operación –que non é este caso-, se falla a recollida de información, máis vale deitar para o lixo todos os cuestionarios (no seu peculiar percorrido, quen pode garantir a integridade deles?).
O que fixo o conselleiro foi levar a cabo unha operación partidista que máis ben lle valería terlla encargado á FAES ou aos siareiros de Intereconomía, micro en man. Para que a investigación estatística, por chamarlle dalgún xeito, fose declarada de interese tería que sometela á lei 9/1 988, de Estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, que establece “o marco legal que regula e desenvolve a actividade estatística en Galicia co obxecto de obter información suficiente, fiable e comparábel da realidade económica, social e demográfica da Comunidade Autónoma”, e daquela, se o Consello de Estatística lle dese o visto bo, o IGE a incluiría no seu plano, dando conta polo miúdo do seu custo -até o extremo de cada dixitalización-, prazos de execución e presentación de resultados.
Jesús Vázquez é moi libre de querer buscar informacións á marxe do coñecimento hoxe consolidado sobre o que queira, pode indagar a opinión dos pais sobre a lei da gravidade ou a teoría da relatividade, ou tamén sobre a telepatía, o creacionismo ou as bondades da homeopatía, mais se o que pretende o conselleiro Vázquez é elaborar unha estatística oficial (censo ou enquisa) non lle queda outra que someterse a unha lei que para máis inri foi establecida con maioría absoluta do PP no Parlamento, e se mal non lembro unanimemente votada.
En resumo, o consellerio incumpre as leis das que non gosta, demostrando ademais un absoluto desprezo por unha materia indispensábel na área de coñecemento na que imparte docencia, e da que os seus contidos infestan os curriculos das ensinanzas que dirixe.
A pseudociencia non só se manifesta nas falacias creacionistas e chamánicas, e é por iso que non deixa de chamarme a atención que nin o IGE, nin o Consello de Estatística -polo menos algún dos membros non pertencentes ao PP-, nin ningún dos departamentos de estátistica das universidades galegas denunciasen este enxendro.
Ao Anónimo que tan ben analiza o caso da enquisa do ensino:
Estea tranquilo. Non só non abusou para nada da miña amabilidade senón que vostede nos fixo o favor, a min e a todos os que len este blog, de axudarnos a comprender en que consiste a chocallada esa do conselleiro Vázquez.
Polo menos eu, fícolle moi agradecido.
Publicar un comentario