Somos un país condenado a aturar gobernantes revisionistas, e que me perdonen Antonio Gramsci, Palmiro Togliatti, Enrico Berlinguer e Santiago Carrillo que non vai por eles senón pola desenfreada afección que está mostrando todo o equipo que preside Alberto Núñez Feijóo. Aínda non levan tres meses na Xunta e xa puxeron patas parra riba case todo o que –ben, regular ou mal– fixo o bipartito.
Primeiro foi a cuestión do idioma, logo a a ordenación do territorio, despois a pesca e as famosas piscifactorías, a enerxía hidroeléctrica e varias cousas máis, e agora a revisión das concesións eólicas. Todo é revisábel dende que chegou o bulldogzer destrutivo do PP a Raxoi-San Caetano. O único que non lles parece revisábel senón simplemente desculpante, é o aparato de loita contra os incendios, que xa andan dicindo que é unha herencia dos gobernantes anteriores. Debe ser unha maneira de porse o casco ante unha previsíbel oleada de lumes favorecidos pola lóxica canícula de agosto. Pois que non se queixen, que ata gora choveulles abondo ao seu favor.
Postos a revisar, revisan papeis, contas, contratos, encomendas e todo o que se lles pon por diante. A última revisión, a do conselleiro de Cultura que descubre agora que a Xunta comproulle libros a Alonso Montero e a non sei cantos máis, pero oculta que tamén llos comprou a Basilio Losada e a algún outro. E non foron precisamente os do bipartito os que fixeron esas compras, boas ou malas, senón os da súa propia corda política, é dicir, aqueles gobernantes que staban mandados por Fraga Iribarne, entre os que non só estaba Pérez Varela senón tamén Núñez Feijóo.
Dentro dese andazo revisionista ata ameaza o sucesor de Ánxela Bugallo con tirar da manta e levar ao Parlamento convenios, encargos e contratacións levados a cabo polo bipartito en condicións que a el lle parecen sospeitosas. Está no seu dereito sempre e cando non remate confundindo o seu papel de gobernante da cultura galega co que lle podería resultar máis acaído ao Consello de Contas que a el mesmo. Xa puxo un exemplo, a edición en galego do Codice Calixtino contratada á editorial d’A Nosa Terra por 178.000 euros. Unha edición, segundo di o diplomático metido a conselleiro, que ía saír a 118,7 euros por cada exemplar publicado. El que é un home cultivado nos cosmpolitismos neoiorkinos, non sei por que se alarma tanto. Dependerá do tipo de edición que lle fose encargada a A Nosa Terra, que despois de todo tamén comprende a traducción e que, tratándose do que se trata, non se lle iría encargar a un manzanillo de 20 euros a folla traducida, digo eu. Ademais, como se fose a primeira vez que lle saen a ese prezo os libros á Xunta... En fin, está ben que investigue o conselleiro Maigret, pero veremos senón queda en fume de carozo a súa pescuda.
A min o que me parece é que xa empeza a cheirar a podre tanto revisionismo ideolóxico, histórico e, polo camiño que vamos rematará sendo tamén revisionismo ficcional. Menos mal que non temos Holocausto, que senón… O perigo de certos revivisionistas é que adoitan caer doadamente no puro negacionismo case por deporte. Habería que dicirlles que se fixesen algo máis situacionistas e que se puxesen, dunha vez, a crear situacións en vez de negalas. A ver se agora van ser eles os do non, e non os do Bloque.
5 comentarios:
E, mentres tanto, o país escarallándose. Empresas, que antes foron case modélicas, deixándolles sen pagar as pagas extras e os incrementos anuais aos seus traballadores sen preaviso nin explicación de ningún tipo. Sometemento a cambios de horarios según lle compre ao executivo de quenda, malas maneiras, badoquismo a eito...
ERES e máis ERES, todo o que lles convén aos patróns. Para iso teñen a Feijóo entretido con perseguir o galego, montar piscifactorías e matar ríos galegos. Se non se fai algo, o país vaise á merda.
Nos andeis dos sotos dos pazos de moitas institucións, nomeadamente as deputacións galegas,apodrecen moreas e moreas de libros en edicións de luxo e sobre temas do maís variopinto.
Algúns sen o máis mínimo interés. Moitos deles nunca chegaron a distribuírse.
Cando a oposición foi chegando ao poder, ao descubrir semellante tesouro, puxo en práctica unha fórmula para irse desfacendo del: facer lotes de temas diversos, metelos en caixas e distribuilos por centros de ensino e asociacións culturais. Esta práctica foi bautizada polo meu querido amigo E. como "SENTINAZO".
"Chegou un sentinazo da Xunta", oíase dicir polos corredores.
Era un xeito radical e efectivo de limpar os andeis.
Póde que o conselleiro de Cultura tivera que investigar estes feitos, ou será cousa do de Medio Ambiente?
Home, o mais rechamante do caso é mais ben que un contrato de 178.000 euros fora adxudicado a dedo, sen concurso nin publicidade, e precisamente para A Nosa Terra. Cheira un pouco. E que os demais tamén o fagan non resolve nada.
No crea, señor director, que hai tanto revisonismo no PP.
Hoxe publica a prensa que o novo director da Biblioteca da Cidade da Cultura é don Daniel Buján, experto en banda deseñada e colaborador, tamén, da revista "Galegos/Gallegos".
Pois don Daniel foi, canto menos durante unha boa tempada, o responsábel das adquisicións de documentos para a Biblioteca do Gaiás, esas compras que tantos problemas dan.
Lamento decirvos que o encargo aA Nosa Terra non foi de 178 euros como di o Conselleiro, senón de tan solo 70.000 e iso incluie as letras capitulares e ilustraciónq ue fixo leiro e que están valoradas en máis de 50.000 euros e que quedarán en propiedade da Xunta. A maquetación e a tradución fixerona outras empresas.
Publicar un comentario