jueves, julio 16, 2009

A "rentrée" de Quintana

Pois debe ser verdade que volve Anxo Quintana. A unha recente entrevista con el, publicada en Xornal de Galicia, sucédea outra que aparece hoxe nas páxinas de El Correo Gallego, asinada por Xaime Leiro. Nela manifesta o ex líder do nacionalismo galego que se sente “moi ilusionado para traballar ao servizo de Galicia e do BNG”.
Estaba claro que Quintana nunca tivo a itención de abandonar definitivamente a política activa. A estas alturas da súa vida, o ex alcalde de Allariz e ex vicepresidente da Xunta –no seu caso, eu estaría máis satisfeito polo primeiro rol que polo segundo– xa non sabe ser máis ca un político profesional. Superados, pois, parte dos problemas de saúde que padeceu ultimamente e os atafegos que se derivaron para el da derrota electoral do 1 de marzo, Quintana está disposto a seguir facendo o que máis lle gusta: política. Non todos os traballadores teñen esa sorte de facer o que máis lles gusta. Hai que felicitalo, polo tanto.
Dito isto, a min ocórrenseme algunhas reflexións sobre a súa volta. A primeira é que boto de menos, en todo o contido das súas últimas manifestacións, a máis leve mostra de autocrítica porque non se pode tomar por tal que se limite a dicir que “cometemos o erro político de non saber interpretar a realidade do país e non darlle á crise a dimensión real para o cambio na apreciación dos electores” cando, só unha columna máis atrás, sostén que “despois de tres anos e medio o capital político do nacionalismo queda multiplicado por cen”. Xa será en ilusións porque, o que é en votos, o que ficou é baldado.
Tamén di que lle queda o desgusto de “non poder culminar un labor que estaba sendo moi positivo para Galicia e moi positivo para nacionalismo”, advertencia que non casa nin de lonxe co resultado das últimas eleccións e que fai pensar que Anxo Quintana non foi quen de aprender case nada das últimas experiencias políticas rexistradas en Galicia, porque reducir a explicación do fracaso electoral nacionalista a que se debe "a algunhos erros políticos nosos e tamén a acertos dos nosos adversarios, aínda que ises acertos foran executados con algunhas mañas pouco recomendables”, non é máis ca unha preguizosa maneira de voar enriba das cousas sen pousar nunca nelas, algo que non fan as bolboretas aínda que gocen de vidas moi cortas.
Xa que logo, non me sorprende en absoluto o desexo de voltar que mostra Anxo Quintana, un político ao que se lle meteu na cabeza que pode ser o Felipe González da “transición” galega que agora está a facerse. O que me sorprende enormemente é que poda pensar que a súa volta é posíbel coa bagaxe política que está mostrando. A xulgar polo que está a dicir nas entrevistas da súa rentrée, non hai nada novo na súa mensaxe. Nin sequera nas formas coas que se expresa, que son outra vez as dun pragmatismo de baixo nivel que é de supoñer que non vaian despertar grandes entusiasmos –nin sequera pequenos– arredor da súa figura.
Está claro que o BNG segue orfo de líderes que podan erguelo do lameiro ao que foi arrastrado polo fracaso do bipartito. En realidade, carece deses líderes a xeito dende que a formación nacionalista botou pola borda a experiencia acumulada polo histórico Xosé Manuel Beiras. Agora, ou Quintana carga unhas pilas que de momento non usou, ou é probábel que non teña diante de si mesmo un percorrido político moi importante. Se cadra, ha ter ocasión de pensar nisto no laboratorio de ideas que vai montar dirixindo o Instituto Galego de Estudios Europeos e Autonómicos.

8 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Non podía dicirse mellor. A entrevista do outro día era a máis insulsa e sen substancia que vin en moito tempo. Tanto cálculo, tanta exquisitez con todo leva ao baleiro político.

Carlos dijo...

Pode un político valorado cunha nota de 3 sobre 10 nas cidades galegas volver al iderar nada? Independentemente das filias e fobias de cada quen e da valía política e persoal de Quintana calquera proxecto, corrente, partido que o poña en escena está condenado ao fracaso. E aí segue o BNG, mais ben "máis" que menos polo camiño da continuidade.

detective crepuscular dijo...

Arume, permíteme corrixirche a última frase: "Tanto cálculo, tanto baleiro político, tanta politiquería barata, levan ao coche oficial da Xunnta, ao IGEEA." Sen esquisitez.

Anónimo dijo...

Ai, canta razón ten, don Perfeuto!

Fuco de Esteiro dijo...

Supoño que o cholliño ese no IGEEA vai estar ben retribuido...cos nosos cartos, ou quizáis con aqueles que os nachiños de Vieiros non queren saber ú foron...e que tamén eran de todos... (auga pasada...!)

E, xa que estamos a falar dun home que procede do eido sanitario, podería él contarnos por que raio estáse a ocultar á cidadanía a crecente incidencia da gripe esa do demo?, xa que só na área de Compostela leva enganchados a máis de medio cento de doentes.

E os periodistas, por qué non lle preguntades ó doutor Juan Gestal Otero, responsable do asunto na sanidade pública que ante a gravidade da situación por primeira vez na súa vida está a facer guardias no traballo.

Fuco de Esteiro

Anónimo dijo...

Fuco, que conto é ese dos cartos de Vieiros? ¡Infórmanos!

Anónimo dijo...

É realmente preocupante que a 'factoría de ideas' do nacionalismo vaia ser dirixida por Quintana.

Que malita está la cosa

Analista sen carné dijo...

Un país no que o nacionalismo prescinde de Beiras, tense que sentar un momento a reflexionar.