Evidentemente, Núñez Feijóo non superou a súa primeira proba do algodón en materia da rexeneración democrática que tanto promete e non cumpre. Para aprobar este exame tería que observar un comportamento moi diferente ao que está mostrando no caso da directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, que xa vai camiño de bater o récord do cinismo institucional do novo réxime.
Díaz López foi condenada por despedir improcedentemente unha traballadora do seu fogar que non estaba dada de alta na Seguridade Social e agora hai outras dúas mulleres que tamén a demandaron por idéntico motivo e que lle reclaman, ademais, o pago de salarios atrasados. A directora xeral dun departamento da Xunta que se encarga do cumprimento da lexislación vixente en materia de relacións laborais nin sequera asistiu ao acto de conciliación para o que, como demandada, foi convocada polo Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación que depende da Consellería de Traballo na que ela exerce un alto cargo.
Lonxe de calquera medida correctora, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, enrochouse nunha defensa da súa subordinada que resulta claramente irrespectuosa dunha sentencia que xa é firme e que non foi recorrida pola directora xeral. Seguramente a única verdade que dixo, en relación a este caso, é que sabía que “non houbo ningunha relación contractual entre esta persoa e a demandante”, referíndose ao caso da sentencia. Relación contractual escrita e asinada non a había, dende logo, precisamente esa foi unha das irregularidades cometidas por quen cobra do erario público para salvagardar a legalidade laboral, pero a relación laboral do caso aparece nidiamente estabrecida pola sentencia xudicial.
¿Por qué permite Feijóo que lle empecen a medrar os ananos? El saberá. Xa non é a primeira vez que lle pasa isto e o político que empezou prometendo rexeneración e novos usos e costumes da gobernanza xa non é máis ca un usuario típico do poder. Joaquín Costa parou pouco onda el.
2 comentarios:
Esta Antnia Losada do PP vai facer máis por socavar o réxime de Feijóo que toda a oposición xunta. De momento, o dos Peares fixo como o de Allariz: non cesar a interfecta. Sons os mesmos cans con distintos colares.
Tampouco é para tanto, co Franco xa pasaba!
Publicar un comentario