jueves, febrero 05, 2009

A síndrome de San Caetano

Cóntanme que, na contorna de Touriño, houbo xa máis dunha persoa que se foi do seu lado por non aguantar o extraordinario cambio persoal que experimentou o presidente da Xunta dende que se despraza en coches blindados máis caros cos que usa Barack Obama. Mesmo me din que a “síndrome de San Caetano” que padece comenza a ser tan preocupante que a súa doenza pode acabar pasando factura nos comicios do próximo 1 de marzo. Adiántome a proclamar que eu non celebro de ningunha forma tal circunstancia, senón todo o contrario.
Dende logo, algo está pasando no PSOE e non só en Galicia, país no que Touriño non está demostrando estar en absoluto á altura das circunstancias, como moi ben lle acaba de lembrar El País. Ata me pregunto se non lle queda ninguén ao seu lado para dicirlle que se equivoca e que non é polo camiño da soberbia persoal como tén que dirixir os pasos dos galegos. Cada vez que a oposición, reducida agora mesmo practicamente ás hostes da dereita, lle larga unha andanada, o líder socialista galego responde case como respondía Franco cando calificaba de “masóns” e “comunistas" a todo quisque, aínda que se referise a Dionisio Ridruejo ou a Manuel Cantarero del Castillo. Touriño interiorizou perigosa e excesivamente o sentimento de que o que non está con el está contra el, e esa é unha tendencia que o pode levar a un solipsismo preocupante no que, segundo todos os sintomas, xa está inmerso.
Pero o problema non remata aí, senón que abrangue tamén a unha parte importantísima do actual comportamento dos socialistas a nivel do Estado. En Estados Unidos, poderoso emporio da economía e da política liberal, acaba de tomar as rendas un presidente, Barack Obama, que non lle doe a man en limitar os salarios dos altos directivos daquelas empresas que foron socorridas con fondos públicos polas circunstancias da crise. Algo que nos pode parecer totalmente lóxico aos que aínda pensamos que o mundo podería ser rexido senón por Descartes polo menos pola lóxica borrosa. É normal que un pida contas á empresa á que lles presta cartos e, sobre todo, se eses cartos non son privados senón públicos. Ou non?
Pois aquí ocórreselle a Miguel Sebastian, ministro de Industria, insinuar que os banqueiros están empezando a pasarse dúas aldeas e xa tén que vir Pepiño Blanco, que aínda non forma parte do Goberno senón dun partido máis, a enmendarlle a plana. Se cadra é porque Blanco sabe que tamén lle van chegar el as brasas da campaña electoral galega por esa manía que teñen os novos ricos de comprar casa na praia. Vaia por Deus, que igualiña é case sempre algunha forma de gobernar.