Apóstolles o que queiran a que acerto o tema do que non se vai falar nesta campaña electoral: a preocupante situación da xustiza. Nin os de acó nin os de acolá lle van dedicar un só minuto a algo que leva renqueando dende os lonxanos tempos do franquismo.
Hoxe La Voz de Galicia publica a reacción da fiscala xefa da Coruña, Esther Fernández, contra os funcionarios que lle fixeron chegar unha carta solicitando máis persoal para as quendas de garda por entenderen que sobrepasan “o máximo de horas legalmente estabrecidas que un traballador pode realizar sen efectuar descansos regramentarios”. Á citada autoridade xudicial non se lle ocorreu mellor cousa que abrir dilixencias preprocesais e mandarlles aos reclamantes unha citación, para o 4 de marzo, “a fin de ratificárense nas manifestacións contidas no escrito presentado o 28 de xaneiro, e a fin de recibirlle declaración a respecto dos feitos concretos nos que se fundamenta a súa petición”. O caso sería anecdótico ou simplemente pintoresco se non fose que transcorre nun contexto laboral, profesional e social que pode rematar alporizando a unha boa parte da sociedade que comenza a non entender o retraso e, nalgún caso, incompetencia da administración de xustiza.
Hai poucos días, o mesmo xornal daba conta de cómo un xulgado da provincia de Pontevedra pasou máis dun mes sen dispoñer de línea telefónica nin servizo de fax. A carencia de persoal é tan notoria en xeral que cada vez se acumula máis retraso enriba das mesas dos xuíces encargados de instruir causas e tamén nos tribunais que deben emitir sentenzas. Á administración de xustiza non chegou aínda con todas as súas potencialidades, nin moito menos, a modernidade tecnolóxica que representa a informática. Hoxe en día, podería axilizarse enormemente o funcionamento da xustiza aplicando como é debido, hardware e software que os fabricantes e distribuidores de informática teñen no mercado. E que pasa? Pois que, en moitos xulgados, se hai un non hai o outro. Ou ningún. Dase con frecuencia, por exemplo, que poda haber programas que permitan levar a cabo intercambio de información ou toma de declaracións a distancia, pero que non se podan aplicar porque os ordenadores disponíbeis son de hai sete ou oito anos, e tal período de tempo xa se sabe o que significa na evolución informática.
Infraestruturas e persoal dedicados a esta administración dependen das autonomías e do Estado, segundo para que cousas, e nin unha nin outra instancia acaban nunca acometendo reformas e dotacións orzamentarias que melloren os imprescindíbeis servizos que recibe o cidadán por parte da Xustiza. O ministro do ramo pode que cace corzos cun rifle ou cunha escopeta de última tecnoloxía, pero goberna un Ministerio que non parece percatarse dos problemas cada vez máis acuciantes do que pasa nos xulgados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario