martes, junio 16, 2009

De Ramón Piñeiro, Alonso Montero e Basilio Losada


Cada vez comprendo menos a conversión “piñeirista” de Xesús Alonso Montero, devotamente mostrada no seu recente libro Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega (Editorial Galaxia). E enténdoa menos aínda despois de ler outro importante libro galego que acaba de aparecer: Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), tamén de Galaxia, que dá a coñecer as cartas cruzadas entre Piñeiro e Basilio Losada, editadas por María Xesús Lama e Helena González.

Que un comunista irredento, como é Alonso, remate adorando a figura do que quizais foi o anticomunista máis metódico que deu a intelectualidade galega semella, de entrada, non ter moito xeito e, de saída, polo menos unha boa sorpresa. E non lle nego, con isto, ningún dereito ao converso de mudar de opinión. Os que me len decote saben que acostumo referirme a aquel dito francés de que “il n’y a pas que les imbéciles que ne changent pas”.
Se digo o que digo é polo que vou mostrar a continuación. O 31 de marzo de 1969, Losada escríbelle a Piñeiro unha carta da que entresaco este comentario: “Estando en Madrid desencadenouse unha ofensiva contra un grupo de rapaces galegos de tendencia inxenuamente marxista. Ramón Ramos está na cadea. Os cárregos que lle fan non os sei esactamente, pero polo que me dixeron pilláronlle octavillas –non sei de que partido– no seu apartamento. O Ramón é un bon rapaz, intelixente e inxenuo a un tempo, con mentalidade de conspirador paraguayo e unha imprudencia atroz. Non é do partido comunista, por máis que ese vai ser o cárrego que lle fagan, e vaille costar desfacerse del. Unha pena. O rapaz perdeu trece anos da súa vida nun noviciado agustino e agora saiu como todos: cunha inxenuidade política que sólo ten parello coa súa inxenuidade sentimental. Poida que ese incidente o tempere un pouco e o faga madurecer. ¿Soltaron xa ao Ferrín? O malo que teñen estas cousas é que despois da represión a xente muitas veces sale máis encerretada”.
Piñeiro non lle respondeu sobre este asunto. Ou, polo menos, non aparece nada no libro. Quizais porque, en mes e medio, viuse no trance de ter que enterrar primeiro á súa nai e logo ao seu pai e por marchar tamén pouco despois a Middlebury, para dar un dos varios cursos que profesou en Estados Unidos. Dende este lugar escríbelle a Losada, o 4 de xullo de 1969, unha carta na que aparece unhas das moitas andanadas que lle tirou a Xesús Alonso: “Na cultura, por ser un patrimonio coleitivo, cómpre ser serios, responsables. I o Alonso nono é, como está ben documentado con ise libro (refírese a un libro de Alonso sobre Curros, se non llembro mal, ao que Piñeiro lle fixo unha crítica dura en Grial). Nistes casos, a benevolencia equivale á complicidade”. Que Piñeiro, ás veces, non era nada benevolente vese neste párrafo que figura na carta que lle mandou a Losada, o 10 de decembro de 1969, sobre o daquela maxistrado, presidente do Centro Galego de Barcelona e escritor Manuel Casado Nieto, primeiro tradutor da Biblia ao galego: “Comprendo que trates de ser xeneroso co Casado na valoración das súas cualidades literarias. O que ocurre é que, coa túa xenerosidade ou sin ela, as cousas non cambian; todas cantas novelas escriba non valerán un pimento. Mellor sería que empregase o tempo en cousas de máis proveito. Non hai qué lle facer, pro iste home non é un verdadeiro literato. Non pasa de ser unha manía mimética, sin raíz e sin verdadeiro pulo”.
O 17 de novembro de 1970, Piñeiro volve cargar contra Alonso Montero na carta que lle escribe ese día a Losada incluíndo a seguinte frase: “Por outra banda, o Xesús será sempre incorrexiblemente tendencioso, ora por vaídade ora por sectarismo”. Claro que por esa época Basilio Losada tampouco se corta moito cando fala, por exemplo, dos discípulos de Manuel María. En carta a Piñeiro do 24 de maio de 1971, opina o seguinte: “Estou espantado do malos que son os poetas de camada de Manuel María: Cabana, Margarita Ledo, e demais. Non vexo xente nova boa”. A isto respóndelle Piñeiro, tres días despois, dicíndolle que “hai xente nova que val, pro non forman parte da rolada Alonso-Manuel María”.

Piñeiro e a Gran Enciclopedia Galega
As teimas de Piñeiro e Basilio Losada contra Alonso Montero tamén están presentes cando intercambian por carta ideas sobre a Gran Enciclopedia Gallega, que editou os asturiano Silverio Cañada. “Eu faleilles de facela en galego –escribe Losada o 25 de agosto de 1971–, pero claro: non lles interesou. Por outra parte, e atendendo á nosa circunstancia, poida que sexa tamén máis comenente facela en castelán. En castelán pero dende unha perspeitiva netamente galega”. Piñeiro respóndelle, o 14 do mes seguinte, dicíndolle que “Cañada estivo por Galicia e falou co Alonso e co Paco (refírese a Francisco Fernández del Riego), e quizais con outros". Nesa mesma carta figura o seguinte párrafo: “Non estou moi seguro de que un eclectismo sobexo sexa realmente eficaz, pero a dilixencia e o siso do Cañada seguramente poderán compensar eses riscos”.
O derradeiro día de setembro de 1971, Losada mándalle a Piñeiro unha carta falándolle outra vez da Enciclopedia. “O da Enciclopedia –pódese ler nela– parece que vai en marcha. O interesante sería constituír en Galicia un equipo de xente, non necesariamente moi brillante pero sí traballadora, xente ben pagada i eficaz. Díxome o Cañada que quere facer unha xuntanza en Santiago ou Vigo o día 11. Si se fai irei. Será unha viaxe tremenda, porque dispoño sólo de tres día. Eso contando ir, vir e a estadía”.
O 4 de outubro do mesmo ano, Piñeiro exprésalle por carta a Losada o seguinte criterio: “Se atinades a constituír un equipo eficiente de traballo, a cousa poderá ir adiante. Debe ser xente nova, máis ben. O mellor e máis serio equipo xuvenil que hoxe funciona é o do Instituto P. Sarmiento. Hai alí media ducia de rapaces –algúns xa profesores– que traballan ben”. Nesa carta, Piñeiro tamén inclúe a frase seguinte: “O Cañada debería darche a ti a dirección efectiva”.
Un mes máis tarde, o 12 de novembro de 1971, Piñeiro vólvelle a falar da Enciclopedia a Losada. “En Lugo batín co Xesús Alonso nunha librería e falamos un pouco. Contoume a vosa xuntanza compostelana e os seus puntos de vista idiomáticos 'non secundados por ti e por Paco'". Once días despois, o 23 de novembro, Basilio Losada móstrase anoxado por este tema: “Do da Enciclopedia non teño máis noticias. A actitude de Alonso non me sorprende, pero me irrita. El xa tiña chegado a un acordo cos de Gijón para facer a obra en castelán, por máis que na xuntanza prantexara de novo –e sólo a efectos de manter a facuada– a custión da lingua. Por outra parte, o primeiro que dixo Cañada na xuntanza (e xa mo tiña dito a min por adiantado) é que en galego non a facían, e que de seguir teimando na cousa da lingoa, eles retirábanse. A min pareceume moi ben que o Alonso queira manter a súa postura exterior de pureza insobornable, pero para os que coñecemos a cousa dende dentro resulta ridículo. Eu lembro moi ben o que dixo Del Riego: ‘A Enciclopedia en galego pódese facer –pódese vender, mellor dito– dentro de dez anos, polo de agora aínda non’. I esto o Alonso teno ben sabido como nós todos. A min abóndame co exemplo da Enciclopedia catalana, e o contesto catalán é muito máis favorábel que o noso para aventuras deste xeito”.
Pasados case catro meses, o 12 de marzo de 1972, Losada volve escribirlle a Piñeiro falando deste asunto: “Estou esperando por ver si ca cousa da Enciclopedia orgaízase unha xuntanza como a de hai meses e dou unha volta por Sant-Yago”. Pola maneira de expresárese, a Losada parecía interesarlle tanto o turimo e a ocasión de falar cos amigos como o propio negocio da publicación de Cañada.
Xa na primavera do 72, nunha carta escrita o 18 de de abril, Piñeiro pregúntalle a Losada: “¿Qué foi da Enciclopedia galega? ¿Está parada? Non se fala dela”. Sete días despois, o 25 do mes das augas mil, respóndelle o interpelado: “Do da Enciclopedia non sei nada. Hai un tempo estivo por acó Cañada, e sigue co mesmo interés. Téñolle que escribir decíndolle que convén outra xuntanza para poñer a máquina en marcha”.
Case a volta de correo, o 29 de abril de 1972, Ramón Piñeiro faille saber o seu parecer a Losada: “Resulta curioso que o Paco e mais ti non sabedes nada da Enciclopedia Gallega a non ser as cartas do Cañada, mentres que o Alonso está perfectamente enterado e activo pois asegura que eso vai moi ben e xa está nomeado un secretario que se encarregará de coordinar todo (dato curioso: o secretario tal é, polo visto, o Muruais, ou seña un incondicional de Alonso). Polo que se bota a ver, Otero Pedrayo, Paco e mais ti sodes ornamento decorativo”. (Chegado a este punto, quero facer un apunte: o tal Muruais debo ser eu, me parece. Quizais é a única vez que Ramón Piñeiro escribíu o meu nome. Se estivese vivo, preguntarialle que carallo sabía el das miñas incondicionalidades, se eu só me sentei no seu braseiro unha vez e foi para que Luís Seoane me fixese o retrato que publicou na súa serie Figuraciós).
Case un ano despois, o 2 de marzo de 1973, Basilio Losada volve a escribirlle a Piñeiro sobre o mesmo tema: “Ando cabreado co asunto da Enciclopedia. O grupiño de Ramos fixo unha carta imbécil decindo que facer a Enciclopedia en castelán ‘é unha traición ao pobo galego’, etc. En realidade, todos quixéramos que se fixera en galego. E a mellor maneira sería non andar con cartas impertinentes e presentarlle ao Cañada unha lista de 10.000 nomes de suscriptores condicionados a que se faga en galego. Nestas condiciós, o mesmo Cañada o dixo, está diposto a facela 'en galego ou en sánscrito'”.
Nese ambiente, Ramón Piñeiro aínda volve a arremeter contra Alonso Montero nunha carta que lle escribiu a Losada o 28 de novembro de 1973: “O Alonso Montero diagnosticando a morte do galego a prazo fixo –e certo– e o Lapa (refírese ao eminente profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa) decretando a incapacidade cultural desa lingua rústica e dándonos como solución o portugués. O primeiro por irreprimible tendencia a chamar a atención e o segundo por despiste da verdadeira realidade, crean confusión e desalento na xente de boa fe e pouco informada, que é a maioría. En Madrid os da Estafeta pensan ocuparse do tema”.
Máis dun ano despois, Alonso Montero seguía sendo citado na correspondencia intercambiada entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada. Este útlimo, o 16 de xaneiro de 1975, escribíalle ao primeiro o seguinte: “Dende logo, fíxome gracia o que dis do Alonso. O home quere estar en todos os caldos. Vinlle derradeiramente a súa colaboración en El año literario español 1974, e practicamente non fala máis que de si, do que fixo, do que vai facer, do que pensa facer algún día. Esta teima da autopromoción e da programación propagandística témola moi desenrolada no país”.
Pois, aínda sí, Alonso Montero pasouse ao piñeirismo e considera ao seu creador “un cidadán heroico” no que descubriu a Sócrates, “un diamante moral”. Se a de Alonso non é unha conversión coma de Pablo de Tarso, pouco lle debe faltar. A diferenza quizais radique en que a el non o desmontou do cabalo a luz cegadora do sol, senón a dun diamante que debeu ser de moitos quilates.

15 comentarios:

Non se acaba o mundo... ou si, dijo...

Acaso hai alguén que poida refutar, no esencial, a certeira diagnose de Ramón Piñeiro sobre Alonso Montero: "practicamente non fala máis que de si, do que fixo, do que vai facer, do que pensa facer algún día"?

Almiral Mouchez dijo...

Pero nunca somos, meus amigos, as mesmas persoas todo o tempo...

Non cren?

Anónimo dijo...

Alonso xa vai caduco,cousiñas da idade. Nembargantes, sempre quixo ser o padriño no bautizo, o noivo na voda e o crego no enterro.
Con todos os deus defectos, sempre o admirei polas súas cousas boas.
Agora e fai uns anos sempre está á defensiva, xa que tamén levou ostias ata no carnet de identidade, e coido que xa está farto de tantos boxeadores de pacotilla e intelectuais de postal que son como camaleóns.
Contando tamén coa miña admiración polo dono do Blog o Sr. Perfecto Conde Muruais que sempre mantivo tipo.

Anónimo dijo...

Boa reseña sr Conde.Siga vostede lendo e contando o que le.

Vicente Araguas dijo...

Lin o epistolario de Piñeiro e Losada por enteiro. Entre da curiosidade, a conmoción e máis o riso. Espléndida mostra do que poden falar dous ilustrados cando ninguén os escoita. Moi afoutado Basilio consentindo que se publiquen estas cartas en vida. Algún (e aínda algúns) non vai ficar feliz co retrato immisericorde que o correspondente Losada fai del (ou dela). Curioso como Don Ramón, tan serio, vai collendo o ponto humorístico de Basilio, despachándose el tamén polo miúdo. Libro que descubre moitas cousas (que sospeitabamos), así os diferentes, e opostos, argalleiros ao redor da Nova Canción Galega. Por máis que aí Basilio (e as anotadoras) deliren un chisco. Libro recomendabílisimo.

Anónimo dijo...

Felicitemos a quen tivo o tempo de ler, por enteiro, o mamotrerto de referencia.
Calculo que xa é sabido, pero no cupo dos millóns de pelas que cobrou don Basilio por lle entregar a súa biblioteca ao Xefe Rexional do Movemento, Conselleiro de Cultura, camarada Pérez Varela, entraban tamén as famosas cartas ou parte das mesmas.
Cartas que, ai, estiveron desaparecidas un tempo na Consellería de Cultura...

Sobre todo o resto, opinións, valoracións, etc, ren que dicer.
Fique clarita unha cousa:
Primeiro Mandamento da Lei de Deus:
Non deixaras epistolarios de balde, agás que firan e desbrozen.
Somos unha Nazón.

Touceda dijo...

Ese cupo de millóns de pelas foron exactamente vinte ¿nonsi?

Anónimo dijo...

Da-me que foron máis, case 40 kilos de pesetas de entón.
As cartas, non sei se todas, andiveron pola Consellería adiante cando governaba o noso Camarada e Xefe Rexional do Movemento, compañeiro Pérez Varela.
Vivían un tempo de lecer até que don Basilio solicitounas para ver de facer o mamotreto que comenta o noso Director (Perfecto, sabemos que o libraco ten índices... así calquer, meu); tremendo lío montou-se: as cartas non aparecían, largas e máis largas a don Basilio, e as misivas sen aparecer... até que apareceron, claro, onde non debían estaren. Mais, quén fixo uso das mesmas durante os meses que estiveron "chupadas" e desaparecidas?

En fin, son as cousas que pasan cando hai demasiados intereses en xogo, sobre tudo monetarios; tes un par de amigotes nas institucións e recebes o soplo de que para tal ano é moi posíbel que o Día das Letras Galegas sexa adicado a menganitez ou fulanitez, e vas preparas a cousa e quedas mellor ca Florentino fichando ao chico ese.
Destrúa o seu ficheiro, Perfecto.
É jodido isto de andar deixando papeis.

Luisfoz dijo...

Eu ouvim-no em Couceiro quando se apresentaram ambos os livros e dava-me algo de vergonha alheia. E será por ter publicada em Galáxia depois de tanto maldizê-la?

d. a. dijo...

Como di Almiral, os anos dan experiencia, perspectiva, e iso fai que a xente cambie. Refírome concretamente á visión que ten Alonso Montero de Ramón Piñeiro.
Está claro que Alonso Montero non é perfecto (coma ninguén, afortunadamente). En todo caso, estou de acordo co Anónimo que di que, con todos os seus defectos, sempre o admirou polas súas boas cousas.
Non creo equivocarme ao afirmar que Alonso Montero é nestes momentos o mellor documentalista que temos. Os libros están aí para o demostrar.

Luisfoz dijo...

Aproveito este cantinho de liberdade que são os "Croques" para lhe dizer a dom Vicente Araguas que as ver se se pom em contacto comigo alguma vez

Vicente Araguas dijo...

Señor Foz: este verán, no Hispano-Argentino, do Portazgo de Xuvia (Neda). Cos señores Almiral e Perfecto Conde, e vostede, se lle presta. Convida este nedense, lástima fora. Saúde e República.

Almiral Mouchez dijo...

E cantaremos Miudiño, Don Araguas..!!!

(Agora, nas reunións de vellos amigos, a xente canta La Abeja Maya, Marco e cancións de Mecano.)

Mil apertas a todos!

Almiral Mouchez

Anónimo dijo...

I got an iphone from my brother-in-law and i wanted to know if i could buy service for it online. Its an iPhone original.
[url=http://specialsecurityforces.info/e107_plugins/forum/forum_post.php?rp.1186]unlock iphone[/url]

Anónimo dijo...

[url=http://dcxvssh.com]EoQQkwVeFO[/url] , OFuZeCJeEjjJDfX - http://yuxeflk.com