miércoles, junio 03, 2009

Váiase, señor Feijóo, váiase!

Señor presidente Feijóo: Vostede é o menos digno de todos os mandatarios que tivo ata agora a autonomía galega. E dígollo por unha sinxela razón. Nunca, ata agora, ninguén –nin sequera aquel homiño que nunca se vira metido en tal fregado e que se chamaba Xosé Quiroga– foi quen de emitir unha opinión tan desatinada coma que vostede acaba de divulgar dicindo que a TVG suprimiu un documental do programa Caixa Negra baseándose en que tal medida responde a petición dun sindicato agrario polas dificultades que atravesa o sector.
Vostede, señor Feijóo, acaba de demostrar que non está á altura mínima de alguén que queira gobernar Galicia. E menos aínda se se ten en conta que o sindicato que se atreveu a pedir tal intromisión na política informativa pública é o que responde a denominación de Xóvenes Agricultores, que apenas se representa a si mesmo e ao seu egrexio secretario xeral Xoán Pérez, que foi quen o meteu a vostede neste fregado.
Resulta evidente que vostede anda despistado, desorientado, que non se entera de nada, vaia. Sabiámolo xa pola errática e desastrosa política que vostede está desenvolvendo en materia lingüística e tamén pola súa descarada actitude de corpo incorrupto de Santa Teresa, pero a onde acaba de chegar agora, con isto de suprimir un programa de televisión porque un grupiño de sindicalistas da súa banda así llo piden, non é que o poña a vostede á altura de Berlusconi, senón que resulta que só lle fan comer o marrón dun caïd africano calquera. Vostede gañou, en boa lide, unhas eleccións, pero non está agora á altura desa circunstancia. Ben ao contrario, está a desperdiciar a oportunidade que lle deron os electores para gobernar este país como se por fin fósemos un recanto de Europa. Dóeme ter que dicirllo, pero eu avergónzome de pagar impostos nun lugar do mundo no que o máximo representante democrático do meu país lle fai caso a un sindicato, minoritario e sectorial, ademais, para decidir o que debe emitir ou non a televisión pública. Neste sentido, vostede non é a televisión pública, vostede é simplemente un perigo público que deberiamos preocuparnos todos en afastar canto antes da administración dos nosos intereses.
Pídolle, polo tanto, que teña a humildade de presentar a súa dimisión e deixe, canto antes, espazo para que persoas máis dignas ca vostede se ocupen de gobernar a nosa res publica. Mentres que vostede non faga o que lle estou pedindo, estou disposto a respectalo polo que representa, pero de ningunha maneira son capaz de admitir que vostede non nos está dando gato por lebre.
Xa sei que isto que eu lle digo non llo di moita xente. E menos aínda os que están do seu lado. Pero pídolle que teña en conta que, aínda que eu fose o único en dicirllo, vostede debería dedicarlle polo menos un segundo a pensar se teño razón ou non.
En fin, dimita vostede ou non, que lle vaia ben, pero comigo non conte nunca máis.

32 comentarios:

Anónimo dijo...

onde están agora as denuncias do seu admirado xornal coruñés de Sabón? onde a valentía do neofascista que é propietario de LVG?

Perfecto Conde dijo...

A ver: podía pasar sen responderlle a vostede, pero vou dicirlle algo. Eu non admiro ese xornal que vostede di de Sabón e que eu lle chamo "La Voz de Galicia". Simplemente digo que é o mellor e máis influínte xornal que hai na nosa terra.
A respecto do calificativo que lle dedica ao seu propietario, permítame que soamente que o desprece a vostede por utilizalo. Nin sequera vou tomar a molestia de suprimilo –admito que sería unha forma de censura– porque coido que nin a el nin a min nos afecta nada que vostede recurra á calumnia –no seu caso si que é presunto delito de calumnia– para denigrar aos que non lle gustan. Aló vostede e as súas paranioias.

Xaquín dijo...

Menos mal que algunha xente sabe diferenciar entre o respecto ó presidente e a denuncia da súa "calidade". E, como non, entre a calidade dun periódico e a "política" dese periódico.

Touceda dijo...

Parabens, efectivamente, Perfecto. Alguén terá que dicir as verdades coma puños. Alégrome de que ti sigas na brecha. Non é só o do programa de televisión e o da mala política lingüística. Tamén conta o que están a facer co teatro, o que fai a Deputación de Pontevedra cos libros galegos... É un conxunto de cousas que, efectivamente, xustifica que se pida a demisión do presidente. Adiante, como repite sempre Fermín Bouza, comerémelos antes de que pasen catro anos.

Anónimo dijo...

Coincido co primeiro intervinte, o dono da Coz é un fascista en toda regla, que ademáis xoga co diñeiro de todos nos, cando recebe as súas cuantiosas subvencións, máis que fascista, ocurreseme outros termos que teñen que ver coa lexislación penal.

Perfecto Conde dijo...

Coa lexislación vixente xa ten que ver o calificativo que utiliza vostede, Anónimo último. Aproveito, polo tanto, para facer un aviso: ata agora este foro é absolutamente libre xa que nel pode entrar quen queira sen identificarse. De proseguir o mal costume de facer acusacións sen fundamento, aínda sentíndoo de verdade, aplicarei limitacións para entrar aquí e, dende logo, serei quen de esixir a previa identificación como xa fan noutros espazos parecidos a "Croques". Non me gusta nada eliminar comentarios, pero haberá que facelo se preciso for.

ms dijo...

É incrible como a prensa amiga (soben as subvencións á prensa e baixan as dos libros en galego) fica calada diante desta e doutras decisións do goberno do PP.

Lamentablemente, haberá moitas ocasións no futuro para criticar as actuacións de Núñez Feijóo. Non conviría perder os folgos pedindo dimisións "facilito y ya".

Apenino dijo...

Neste, como en case tódolos casos, vólvese a mostrar aquela vella crenza de que, tras de ti, sempre ha vir quen bo te fará. Podiámonos queixar, e queixabámonos, da manipulación e mala programación da TVG do bipartito, pero a penas en medio día os novos reponsables de San Marcos, co presidente da Xunta á súa cabeza, demostraron palpablemente que Benigno Vázquez e Suso Iglesias eran unhas simples almiñas da caridade a carón de Sánchez Izquierdo e Rosa Vilas. E, enriba de todo, deixáronos co cú ao ar: o sindicato ao que lle botou a culpa Feijóo, agora di que nunca pediu a supresión do documental das vacas tolas. Outra vez, e sigamos cos ditos célebres, Roma non paga traidores.

arume dos piñeiros dijo...

O feito mesmo de dar explicacións (haxa ou non sindicatos, familias ou entidades que o pidan a tercios) é xa significativo: a invasión/usurpación do poder resulta neste caso evidente.
Tamén dubido, como ms, de que munición tan grosa empregada tan axiña (aínda compartindo con vostede a sensación de sensubstancia do administrador da finca) poida ser efectiva. Non está mal como aviso (apúnteme á petición), pero quizá un pouco de pinga malaia todos os días vén mellor.
Polo que respecta á Voz de Galicia, creo que é máis intelixente desenmascarar un a un os argumentos que exhibe todos os días no mercado dos medios, desde a súa posición dominante con pretensións hexemónicas con estratexias político-económicas nada aceptables desde o meu punto de vista, pero tamén cos propios méritos de contar con excelentes profisionais: ou alguén cre que tantos lectores poden estar tan trabucados?).
Utilizar eses calificativos non modifica en absoluto a situación. Chamalos fascistas ou neofascistas (á marxe do ton e da impropiedade) non ofrece ningunha caracterización precisa do que eso significa e, alén dunha catarse emocional que pode resultar necesaria cara os adentros, amosa, iso si, unha especie de impotencia dialéctica para enfrontarse a eles cando se fai explícita cara afóra.
Convén afinar, creo eu, facer máis complexo o signo do debate. Se é que un quere combatilos, ou simplemente desexa compracer á súa propia conciencia.

Hildegart Canido dijo...

Intelixentísima e democrática precisión a que fai Arume dos Piñeiros. Convírtome en abaixofirmante dela.

Anónimo dijo...

Sen concordar en absoluto co ton empregado por algún intervinte anónimo(excelente post señor Arume, aínda que tamén tantos lectores/electores poden estar trabucados, vaia que se poden) sorpréndeme unha cousa verbo da relación do mantedor deste blog coa Voz. Varios dos temas que máis critica o señor Conde (política lingüística, e outros) son temas nos que a Voz está nas antípodas, porén observo que non lle gusta demasiado a crítica a este medio. É só polas formas?
Ramiro Cartelle

Anónimo dijo...

Maña acabara censurando un programa sobre a explotacion sexual das mulleres por que asi llo pida o sindicato do crime. E cada vez sonm ais influintes blogs coma os de Perfecto Conde, pois nada hai mais grande que a liberdade e claridade ca que ese escribe neste blog

Perfecto Conde dijo...

A Ramiro Cartelle con amizade, pero coa orella posta:
Pois claro que non é só polas formas. E logo porque vai ser? Polas botellas de Chablis que me manda cada semana Santiago Rey e que é o noso viño preferido. No te jode! Hai paisadas que son paisadas aínda que proveñan do que inventou a penicilina. Desculpe o tono, Ramiro, pero un vaise facendo vello para aguantar calqueracousadas.

Anónimo dijo...

Se queredes ver o programa xa está colgado no youtube. Velaí vai a ligazón

http://tinyurl.com/vacas-tolas-censura-feijoo

Non estiveron moi finos. Agora non é como antes, coas novas tecnoloxías non é tan doada a censura.

Anónimo dijo...

Mellor copiade esta ligazón (na que están as 6 partes) e pegádea na barra de enderezos do navegador.


http://www.youtube.com/user/ProduccionesFrijito


.

Anónimo dijo...

A Rosa Vilas ven da vella escola da manipulación da TVG cando ainda non había youtube nin estaba tan estendido internet


Pareceme que se vai ter que ir poñendo ao día na súa labor de manipulación e censura


P.D.: Feijoo dille a Rosa que os tempos cambiron desde Fraga

Anónimo dijo...

Pablo González Mariñas
Xornal.com

Sorprende a insolvencia xurídica e a fraqueza intelectual do discurso da Xunta de Núñez Feijóo.

Salientouse neste mes e medio dende a toma de posesión a improvisación, o incumprimento das promesas electorais, o exacerbar ou mesmo inventar problemas onde non os había, a indefinición en temas clave (protección da zona costeira, enerxía eólica, conflito do leite, proxección do naval, transferencias de portos, tráfico...), o zig-zag tipo "Prestige" de a onde levar o barco do país, o fácil recurso de "estamos a estudar o tema" ou afirmar, logo de anatemas fulminantes, que hai moito aproveitábel no labor do bipartito... E todo isto sustentado nunha reformada organización administrativa que antes parece o aparato persoal do presidente -co seu goberno de amigos e cos "superdelegados" políticos- ca organización institucional da autonomía. O país sabeo. Sábeno os contratistas e os provedores, que non dan cobrado as súas facturas, os propios funcionarios que cho comentan con naturalidade: na Xunta non se asina un papel; suprimidos os delegados nas provincias e non actuada e redistribución de competencias, ninguén quere firmar nada, e o colapso administrativo está servido.

Por que ninguén ousa dicir que o rei vai espido iso xa é outra cuestión, complexa e espiñenta.
Para alén disto, magoa a penuria intelectual e técnico-xurídica con que toda esa "política" se actúa. Hai aí moita ousadía de "novo rico" político, indocumentada ignorancia da evolución da sociedade e os seus obxectivos históricos. Escribo a título de exemplo. Non se pode trasladar sen máis a decisión educativa aos pais dos alumnos, porque iso suporía borrar de vez, como di moi ben Fernán Vello, douscentos anos de ensinanza pública. Resulta indecoroso apostar por "manexar todas as posibilidades" no obxectivo público máis reaccionario da moderna historia de Galicia, a de segregar aos rapaces en función do idioma. Cabería maior aldraxe ás conquistas seculares da nosa ensinanza? Non se pode facer unha relectura, ¿gaullista?, da Lei da Xunta e o seu presidente, para dicir que o actual Goberno (do que o Presidente non formaría parte, converténdose máis ben nun Xefe de Estado) cumpre as obrigas legais da paridade de xénero. Non se pode pretender que unha mera circular derrogue o decreto do galego no ensino, ignorando o constitucional principio de xerarquía normativa. Non se pode alcumar de "sovietización" unha medida como o Banco de Terras, máis respectuosa da propiedade privada ca moitas das implantadas en materia agraria no réxime de Franco. Non é de recibo expurgar con frivolidade no pensamento nacionalista para escolmar oportunistamente frases e usufrutualas fóra de contexto, logo de ridiculizar a eito as "cuestións identitarias". Falta espazo para tanto dislate. Nada disto é política, é simplemente descaro e insolvencia.

Velaí dijo...

Segundo agora se pode ler nos xornais, Feijóo di que el non interviu para nada na supresión do programa de TVG e que se limitou a recibir información que lle indicaba que un sindicato se interesou por esa suspensión. Logo, os que aplicaron a censura foron Rosa Vilas e Sánchez Izquierdo. Que dimitan, polo tanto, eles. Ou, senón, que os cese inmediatamente o presidente. Algo terán que facer se non queren aparecer como o que sguramente son, manipuladores da información pública. Por certo, o da tal Rosa ten memoles por dicir que prohibiu un documental sen velo antes.

Anónimo dijo...

Frei Jolito vai pagando os favores que prometeu durante a campaña. "A cada uno lo suyo": subvencións aos xornais, favores a "xóvenes" (sic) agricultores, decretazos sobre o galego a GB, etc, etc.

Anónimo dijo...

Xa está o programa tamén colgado en

www.xornal.com

Que farán os de La Voz de Galicia?

Poñerán os vídeos ou non?

Anónimo dijo...

A Voz de Galicia sobrepasou moito os lindes que marca a ética periodística, nomeadamente na campaña electoral, cunha información sesgada e respondendo aos seus propios intereses empresariais. Por pura saúde democrática compre limitar a súa influencia e presión aos diferentes gobernos do país.

Aluisiano dijo...

Non sabía eu que fose a Voz de Galicia a que censurou o programa da TVG.

Anónimo dijo...

La Voz de Galicia e o seu dono neofascista é um verdadeiro virus para este país. Em Chuza! (que visitam 10.000 pessoas cada dia) não voltamos a publicar nada desse panfleto nojento desde o 1 de Março.

Anónimo dijo...

PERFECTO MOI ACERTADO,DIVERTIDO E TODO ISO QUE TIXA SABES...NOS OS QUE TEMOS UNHA CERTA IDADE QUE VIVIMOS BAIXO A DENTADURA MÁIS TEMPO DO QUE PRECISABÁMOS, E VIVIMOS NA DICTABLANDA MÁIS TEMPO DO NECESARIO, E QUE SÓ PODEMOS VER A HISTORIA CON DESCONFIANZA ALEGÁMONOS DE QUE ALGUÉN FALE DO QUE TODOS PENSAMOS..UN GOBERNO FLOXO MOI FLOXO..CON UNHA PANDA DE AMIGOS DUDOSA..IMAMEXINENSE A CEROLO EN DEFENSA ..ASI NOS PASA CO DE EDUCACION, O DE CULTURA.... NADA UNHA DESFEITA MEU ..UNHA DESFEITA....

Anónimo dijo...

A censura non só non foi cousa de La Voz, como atinadamente sinala o anterior comentario, senón que seica Blanco Valdés prepara xa para o domingo un artigo contra a manipulación informativa de Freijolito. Disque quere descansar unha semana del tema del gallego.

balonga dijo...

Pois aínda pode ser peor. Pra min teño que DANFeijóo síntese coma o Don Pelayo do Noroeste, que ten de comezar a Reconquista de España, e iso dalle ínfulas e afástao da relaidade, namentres recibe os parabens ESPERANZAdores de Rajoy.

eu dijo...

chego eiqui dende chuza e atópome conque o sr deste blog parece que é amigo do xefe do diario máis antigalego da nosa terra. Do diario que tódolos dias fai terrorismo informativo contra o galego e contra o nacionalismo.... ¡galego¡ por suposto dende os titulares de portada , ós titulares de galiza,ós titulares de local, ós comentaristas casi na sua totalidade, co caso patolóxico do rovertito valdez que so escribe ou contra o galego ou contra... ¡oh casualidade¡....o nacionalismo galego. un diario que fixo unha campaña "informativa" nestas elecións terrorifica e delíctiva. se isto fora un estado de dereito e houbera xustiza... a metade dos que escriben nese diario terían que estar na cadea, empezando polo xefe e responsable de todo o que se minte, engana, manipula e falsea nese diario, polos seus intereses e dos seus amiguetes. ¡pero se o que gañou estas elección non foi o pp, foi a voz antigalega¡ polo tanto ese artigo non o debe facer criticando a frijolito senon a quen o puxo aí, saltando toda norma, neutralidade e código ético máis elemental da profesión, pola que moitisimos dignos servidores xoganse e perden a vida.este artigo debello facer os do diario que o puxeron, os do diario que o manteñen aí inmaculado, sen unha soa critica o seu ridiculo e esperpéntico goberno. todo o contrario segun ese diario estáo facendo todo xenial....claro a eles xa lles aumentou as subvencións.... e logo que lles faltan cartos...

Anónimo dijo...

Segundo a xurisprudencia estabelecida en España, considérase responsable das calumnias (e delitos semellantes) verquidos por anónimos nun blog, ao seu editor. De todos xeitos habería que ver se un xuíz considera que chamar a alguén "fascista" ou "neofascista" non está amparado pola liberdade de expresión. Sería interesante velo...

Perfecto Conde dijo...

Señor Eu, é dicir, vostede:
Xa empeza a aburrirme ter que andar aclarando tantas veces o que debería ser obvio. O señor deste blog, é dicir eu, non é amigo do xefe do diaro que vostede califica como o "máis antigalego da nosa terra", a quen non coñece persoalmente de nada.
O señor deste blog, é dicir, eu, non vostede, o que di é que non se lle pode tachar frivolamente de terrorista a ninguén nin a nada que non estea cometendo ese delito, so pena de cometer o tachador o delito de calumnia. Evidentemente, nin o que vostede chama xefe dese diario, nin o diario mesmo, nin ningunha das persoas que o representan (traballadores incluídos) son terroristas nin verbais nin nada que se lle pareza.
A vostede, polo que se lle lee, parece que lle vai o reducir a realidade á curtedade das súas anteolleiras. É un calamitoso vicio moi extendido. Pero debería practicalo baixo a súa estrita, única e persoal responsabilidade e non agachándose en ningunha forma de anonimato nin servíndose de milladoiro alleo para tirar a pedra escondendo a man. Se vostede quere chamarlle terrorista a quen sexa, diríxase a el a corpo espido, ou sexa, con nome, apelidos e DNI, e chámelle o que queira, pero a min non me utilice. Comigo non conte para estas innobleces.
Lémbrolle, ademais, que emitindo calumnias dende o meu blog –consulte, se quere, a lexislación vixente para ver as consecuencias que pode levar a comisión deste delito– vostede pode comprometerme a min e por aí si que non lle estou disposto a pasar, coñecendo ou sen coñecer o calumniado.
Agradézolle que chegue vostede onda min procedente de Chuza ou de calquera outra orixe, pero aínda lle agradecería máis que aforre calquera expresión calumniosa ou inxuriosa dirixida a terceiras persoas, entidades ou institucións. De non facelo, tereille que indicar que este non é o seu sitio.
Xa sabe o que penso sobre estas cousas. Gustaríame que polo menos algo me entendera

Anónimo dijo...

Señor Conde, déixese de lerias. Se non lle gustan as calumnias, cárguense dunha vez todos estes comentarios que calumnian a persoas e institucións. E que, ademais, son anónimos.

Anónimo dijo...

Lo que tiene que hacer el señor Perfecto Conde con los comentarios es lo mismo que el administrador de Galicia Bilingüe: NADA. Y, si es posible, justificarlos: http://i39.tinypic.com/ftfp82.png

Anónimo dijo...

Cgüendiela! Xa se lle colaron os de Galicia Bilingüe ao Conde no su blog. Vai aviado!