martes, junio 23, 2009

Unha serea contra o galego

Marta Fernández Currás era, ata hoxe, a conselleira xeitosa do goberno de Núñez Feijóo. Sempre sentada á súa beira esquerda nos consellos da Xunta, parecía unha valquiria misteriosamente pousada na mesa onde se toman as grandes decisións administrativas de Galicia. A súa proclamada indepedencia e o seu glamour de muller arrebatada polo profesionalismo e por algo de distanciamento dos potes políticos, podían presentala como a esperanza branca dun goberno conservador que chegou á Xunta disposto a devolver Galicia ás covas da predemocracia.
Agora resulta que non era unha valquiria senón simplemente unha serea agazapada nos regatos do PP á espera de emitir o seu canto fúnebre contra o idioma galego. Hoxe ergueu a súa voz no Parlamento para dicir que “non tén sentido que un excelente médico non pase un exame por non saber galego”. Seguramente non diría o mesmo se ese médico non soubese español.
Pola súa biografía oficial, a serea que administra a Facenda galega é economista e inspectora fiscal. O que se ignoraba dela ata agora é que soubese tanto de socilolingüística e de Medicina para pronunciarse tan radicalmente sobre o que precisan ou non os doentes galegos. E o que ignora ela mesma é que os excelentes médicos galegos (Novoa Santos, Rof Carballo, García Sabell, Manuel Cabaleiro, Xaime Quintanilla, etc.) sempre foron amantes, practicantes e sabios coñecedores do idioma galego. Ata no propio partido para o que traballa agora a conselleira-serea hai un deses médicos excelentes que foi presidente da Xunta: Xerardo Fernández Albor. Ou é que se pode sanar ben a xente sen entendela perfectamente no seu propio idioma?
Que falta tería a loira administradora da nosa Facenda de pronunciarse tan radicalmente? Se non foi por simple ignorancia, debeuse deber a algo moito pior aínda. Tamén é Marta Fernández Currás dos que levan agochado no cerebro un militante extremista do nacionalismo español? Válianos Deus! Estamos rodeados.

8 comentarios:

Hildegart Canido dijo...

Xa temos outra Gloria Lago, e esta con cadeira na Xunta. Pero non se preocupe, señor de Croques, que non imos deixar que pasen. O seu 18 de Xullo será unha Aljubarrota.

Almiral Mouchez dijo...

Temos o país que merecemos.

albixoi dijo...

Mais que serea, acaeríalle mellor harpía.

Fuco de Esteiro dijo...

Vaites, vaites, choromiqueiros: vai ser que o que non temos e...Odiseos (Nota para quen non tivo a sorte dunha mínima cultura clásica: xentes destemidas que sean quen de seren atados nos mastros para non caeren victos cos cantos das sereas).

Fuco de Esteiro

Anónimo dijo...

Ulises Odiseo, Fuco de Esteiro, non foi atado no mastro para resistir o canto das sereas. El amarrou os seus mariñeiros.

Anónimo dijo...

O uso do galego esmorece en Galicia, ou iso mo parece...e dende a Junta aceleran o proceso.
SU-RRE-A-LIS-TA.

O partido político que goberna a XUNTA, votaronlle 790.000 galegos, como non se cansa de repetir o Sr. Rivas. Con ese respaldo poden facer o que lles de a gana, mal que nos pese.
Só nos queda o dereito o pataleo...

Anónimo dijo...

Non, tamén podemos emigrar e patalexar fóra.
Algún día podemos comezar a preguntarnos cómo chegamos até acó.
Pero iso, ai, da-me que non se fará se non hai subvención por diante.

Se este é o país que temos, atado ao pao maior ou utilizado como morto (de atraque), cómo ninguén se decatou de que a realidade era esa?

Cómo os nacionalistas de Nazón, que para estas cousas do Ser nacional e popular son uns machiños, inventaron un país que nada ten que ver coa realidade?

Non sei. No canto de andar polos blogs choromiqueando, a ver se abrimos un debate un día antes de trincar as vacacións e sair pitando cara un país estranxeiro.

Anónimo dijo...

Iso, iso, a trincar o AVE para ir de vacacións polo mundo adiante.
Vostedes, e o noso director o primeiro, saben que a aventura do AVE (para-ir-a-Madrid) é o conto de nunca acabar; podemos retrasar un pouco máis o tema preguntando se o AVE fala galego (é un chiste, o do galego é algo moi serio) e confiar nos dous mariachis que saen hoxe nas páxinas da prensa, Blanco e Freijolitos.
Pola miña banda, descreo, renego e blasfemo sobre todos os deuses celtas e celtíberos.
Parabéns para a ex Ministra Magdalena, para o ex Presidente Touriño.