miércoles, junio 03, 2009

TVG rosa


Don Froilán era un cura de Lugo, catedrático de Latín no Instituto Masculino (oh tempora, oh mores!), que nos ensinaba a declinar rosa, rosae coma quen pela unha mazá cunha navalla de Taramundi. Ás veces tamén nos explicaba a etimoloxía do topónimo Sardónigas, unha aldea pola que sempre paso camiño de Ribadeo, e, se lle cadraba, ata nos falaba algunha vez –poucas– do latín dos canteiros.
Non sei por que me lembro agora del. Se cadra é polas dúas Rosas que designou Alfonso Sánchez Izquierdo para dirixir a Televisión de Galicia e a Radio Galega: Rosa Vilas Núñez e Rosa Martínez Rivada, respectivamente. Vaia par de rosas con espiñas, polo que me contan! Ámbalas dúas exerceron cargos con responsabilidade nos períodos máis negros da manipulación informativa exercida durante os sucesivos gobernos que presidiu Manuel Fraga Iribarne, particularmente durante a catástrofe do Prestige. En que consiste, logo, a renovación que parece que prometeu o novo director xeral da RTVG? Acaso nunha volta ao Mnisterio de Información de Fraga?
A unha destas dúas rosas, Rosa Vilas, en poucas horas, sobroulle tempo para demostrar que os ten ben postos (os lentes). Sen precisar sequera velo antes, mandou suspender a emisión dun documental sobre o caso das vacas tolas que estaba previsto que se emitise onte no programa Caixa Negra, que presenta o ex reporteiro de Caiga quien caiga Fernando González, Gonzo.
Parece ser que, con esta suspensión, tenta evitar “un xornalismo amarillista” que transmita a idea dunha “Galicia negra”, segundo lle dixo a El País. Ai rosa, rosae, como se che ve o plumeiro! Así que pasando do xornalismo amarillista ao xornalismo rosado, eh? Pobre Antón Reixa, canto ha ter que cambiar de cor.

10 comentarios:

Almiral Mouchez dijo...

As Sardónigas non, meu amigo, As Sasdónigas...

(Perdón polo matiz, meu amigo, nada máis lonxe da miña intención que corrixilo...)

As do fomoso taberneiro que lle ensinaba contas ao seu amigo Don Álvaro!

Sandra Barboni dijo...

Pois mire, ben está que Feijóo vaia colocando ao seu persoal, sen xogar ao xogo perverso das confusións. Porque hai máis de tres (e catro) elementos da esquerda pactista agardando que Don Alberto faga deles carreira. Para que "tutti contenti" anovemos os vinte anos de Fraga. Non, que ninguén se engane, Feijóo que ocupe a dereita e nós a darlle caña. Pero da boa. Da brava. Señor Conde, non me deixe pasar unha. Como seica vai facer.

Mouraría dijo...

Estas dúas rosiñas da roseira axiña han poñer en práctica os santos principios de onde veñen. Por exemplo o pensamento 43, o que di: "...Y después, ¡camino arriba!, con santa desvergüenza..." Ímolo pasar ben, amiguiños, ímolo pasar ben.

Perfecto Conde dijo...

Canta razón ten, coma sempre, meu admidrado e respectado Almirante. En que estaría eu pensando para escribir ese "erre" en lugar do corresponte "ese"? Pois claro que ten razón vostede aínda que sexa menos ca min desa zona.

Almiral Mouchez dijo...

É que eu son un home de mundo...!

(Apertas a todos.)

Anónimo dijo...

Non só Antón Reixa vai trocar o color, xa veredes cantos deles trocan de coloriños, productores, guinistas e "cantamañanas".
O desfile acontecerá nestes meses do verán. Vai ser un desfile de camaleóns.

Anónimo dijo...

Don Perfecto, que vai acontecer co incombustible Manolo Abad e Gayoso en Luar. O de Manolo que sempre presumiu de progresista,pero sempre foi de postal.Sabe Vd. algo.

Anónimo dijo...

Don Perfecto, que vai acontecer co incombustible Manolo Abad e Gayoso en Luar. O de Manolo que sempre presumiu de progresista,pero sempre foi de postal.Sabe Vd. algo.

Perfecto Conde dijo...

Pois, que quere que lle diga? Que non sei nada, nin sequera me interesa moito sabelo. De Gayoso, con todos os defectos que poda ter, como temos todos, teño unha boa idea persoal, aínda que admito que me pode faltar información para xulgalo definitivamente, algo que, ademais, non me correspode.
E no caso de Abad, pos mire vostede, só sei del que é o eterno realizador de "Luar". Nin sequera sei se é progresista ou conservador. Como se "Luar" fose "La Clave" ou algo así, vaia.
Lamento non poder darlle máis información Se o que vostede busca é que eu diga algo comprometido, direillo. A min traerama floxa se "Luar" cpntinua ou desaparece. O meu cupo de insatisfacción "telegaitesa" limítase a que desapareza o "piñeirismo" que tanto cultivaron Fraga coma Quintana.

Anónimo dijo...

Vale, Antón Reixa poderá mudar de cor.
Pero se non fai tantos negocios, ao mellor adelgaza coa dieta dura de Freijolitos.

E, sí, isto no parece moi serio.