viernes, junio 12, 2009

Pisáronlle un calo ao conselleiro exquisito

Chamoume unha redactora de A Nosa Terra para pregun-
tarme varias cousas sobre este blog coa intención de escribir algo sobre o asunto. Unha das preguntas foi a do eterno por que que caracteriza o xornalismo. Confeso que me custou algún traballo responderlle. Por que fago eu isto? I eu que sei! Rematei dicíndolle que os xornalistas somos como os vellos rockeiros, que nunca morremos. Investiga e denuncia, que algo sempre ha quedar. Tamén me preguntou que satisfacción persoal me produce dar Croques todos os días, e fun sinceiro na resposta. “Non moitas. Ás veces repárame máis desgustos que satisfación, porque hai amigos que se sinten maltratados e repróchanmo. E a min iso dóeme, non porque mo reprochen senón porque teñan que reprocharmo”, díxenlle.
Os que me len saben que eu xa tirei a toalla polo menos dúas veces e que volvín ao ring non sei eu moi ben por que. E os que me coñecen –a miña cadela Mara, por exemplo– saben sobradamente que, non fondo da miña alma, eu teño máis de San Francisco de Asís que de Pepito Grilo, pero a verdade é que nunca atopei un hábito axeitado ao meu corpo. Por exemplo, hoxe. De que escribo agora mesmo? Desa inmundicia que denuncia hoxe El País, cometida polo BNG, mentres formou parte do goberno, autocontrando servizos públicos a través dunha empresa constituída e dirixida por responsábeis desa formación política que formaban parte, nalgún caso, da propia administración pública? Podía facelo, pero dame arcadas.
Ou escribo outra vez acerca da insolencia campante do goberno que preside Núñez Feijóo? Hai que ver a evolución deste rapaz dende que chegou á presidencia da Xunta. Como continúe polo camiño que vai, ha rematar sendo un Berlusconi sen Villa Certosa, pero con moitas veline (no sentido mussoliniano orixinal desta palabra). Non vou escribir sobre nada diso. Hoxe síntome “exquisito”, e non o digo no sentido que lle dan a este término os portugueses, que quizais lle corresponda máis ca min ao conselleiro de Educación (ese que está armando a guerra dos catro anos).
Hoxe só quero falar de algo que me interesa moito máis. Da carta que lle acaban de mandar os directores de centros escolares da zona de Ferrol ao conselleiro de Educación solicitándolle “instruccións escritas e asinadas por persoa ou cargo identificable e con poder suficiente, a respecto das cuestións anteditas e máis sobre a ‘prohibición’ enviada aos centros xunto coas ‘instrucciones’ e o ‘justificante de participación’, e sen asinar, por se for impugnada por alguén por limitación da liberdade de expresión”.
Hai que telos ben postos para dirxírense así á evanescente autoridade dun conselleiro armadanzas dicíndolle que “diante das dúbidas formuladas sobre as posibles responsabilidades a que podemos estar sometidos debido á nosa intervención no procedemento de consulta sobre a lingua que a Consellería de Educación pretende que cubran os pais e nais do alumnado, e toda vez que na Axencia Española de Protección de Datos non existe rexistrado por parte da Consellería de Educación ficheiro ningún a respecto desta consulta, nin alternativamente na documentación enviada figura espazo ningún para unha autorización expresa dos pais e nais para esta finalidade, acordamos iniciar as accións legais oportunas para verificar a corrección xurídica do sistema establecido ao respecto e resolver as implicacións nas responsabilidades e riscos que entendemos que nos corresponden”.
Dame a min o corpo que lle acaban de pisar un calo ao exquisito conselleiro de Educación e, por extensión legal, ao presidente da Xunta. E os que lle lo pisan son os seguintes profesionais do ensino: Xosé Lastra Muruais (director do CEIP Manuel Masdías), Xerardo Pazos García (director do CEIP de Ponzos), María Amparo López Romalde (directora do CEIP San Xoán de Filgueira), María Mar Couceiro López (directora do CEIP Virxe do Mar), María Fátima Sánchez Martínez (directora do CEIP Centigiras), Rosa María González Casal (directora do CRA Valdoviño), María Delfina Bañobre Durán (directora do CPI Atios-Valdoviño), César Martínez Yáñez (director do CEIP O Ramo-Fene), Miguel Ortega Souto (director do IES de Catabois), Eduardo Crego Alonso (director do CPI Monte Caxado), María Dolores Vizoso Sanclaudio (directora do CPI O Feal), María Carme Leira Moreno (directora do CRA de Narón), María Dolores Yáñez Casal (directora do CPI A Xunqueira), Miguel Rodríguez Carnota (director do IES Breamo-Pontedeume), Luís Docampo Amoedo (director do CEIP Isaac Peral) e Secundino García Mera (director do CEIP Mosteiro de Caaveiro).

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Pisaríanlle un calo ;-) Os callos serven para callar o leite para facer queixo, e guisados con garbanzos están ben ricos
Apertas

Perfecto Conde dijo...

Leva razón, exquisitísimo comunicante, leva razón. E, como a leva, doulla. Xa correxín o erro.
Xa ve vostede, para que digan que o que está en perigo é o castelán.

Hildegart Canido dijo...

Pois si que lle vai doer o calo ese que lle pisaron, porque os argumentos presentados polos directores de Ferrol non son precisamente fume de leña verde. Eu esocitei a Lastra falando pola radio e todo o que dixo pareceume moi comprensible, sensato e escrarecedor. Coido que a polémica enquisa emprendida por Educación da Xunta, ademais de partidista, é unha auténtica chapuza e a ver como vai rematar todo isto porque empezan a verse indicios de suposta ilegalidade ou, polo menos, alegalidade, na súa aplicación. Hase ver.

Anónimo dijo...

Por fin alguén lle botou "calos" e está a mandar a merda o cuestionario trampa.

Ninsesabe dijo...

O único que me sorprende, no tocante ao señor Feijóo, é a sorpresa da xente. Parece que acaban de descubrir agora, por volta de tarde, o seu talante escasamente democrático.
Pero logo ¿que esperaban?

Luisfoz dijo...

Vai haver mais, seguro

Sarmiento dijo...

Podían estar calados e non o fixeron.
Estas persoas teñen o meu respeto e agradecemento.

Alguén debería facer unha ONG que se adicase a denunciar nos xulgados a todos estos políticos "indocumentados", sería ben que non se fosen de "rositas" despois de cada falcatruada.

Xosé Antón dijo...

Penso que estamos facendo pouca cousa. Feitos así merecerían unha resposta conxunta e moito máis contundente

Anónimo dijo...

Isto non fixo máis que empezar.Habera follóns asgalla e senon ó tempo. Só un apunte, o 50% e máis dos votos dan moita forza a aqueles que diciden, actuan e pensan só en votos, o demáis non lle importa. Xa sei que non descubro nada novo, pero desfogo ¡carallo!

Anónimo dijo...

Estanse pasando......

Anónimo dijo...

Manda carallo.