Sinto polo xornalista escritor Roberto Saviano unha especie de precaución crítica que cada vez se vai tornando máis en admiración e respecto. Por un lado, aínda me segue parecendo que hai na súa figura pública algo de exceso protagónico retroalimentado polas circunstancias case dramáticas nas que se ve obrigado a vivir, e, por outro, cada vez atopo máis no seu discurso –sobre todo despois de volver a ler o seu Gomorra– as pegadas intelectuais dun home que se vai facendo lúcido diante do mundo no que vive,
Xúrdeme esta reflexión lendo hoxe a entrevista que publica El País con Saviano, que anuncia que agora se vai dedicar tamén ao teatro. Pero non é por conta do teatro polo que a min me interesa agora o escritor italiano senón polo que di de que se sente cómodo entre os perseguidos. “Non quero escribir como os cínicos –responde–. O cinismo é a armadura dos desesperados que non saben que están deseperados”.
Saviano explica que o odio “nace de que sinten que eres diferente” cando responde a unha pregunta dicindo que “hai moitos políticos e escritores que creen que todo é lícito, viven na inmunidade total. O mecanismo que me empurra a escribir é xusto o contrario dese cinismo. Coido que é preciso cambiar as cousas. Négome a sucumbir ao conformismo. Eles saben que a maior parte do país está da súa parte. Que ninguén sae á rúa a protestar por nada, que a xente adora ser representada por políticos que encarnan as súas condicións. A xente sente que Berlusconi ten os mesmos vicios e contradiccións ca eles, por iso están cómodos con el. Se tratas de cambiar iso, quítaslles o sono. Pero non falar das cousas só serve para escondelas e escorrer o vulto. A indeferencia dos italianos, esa forma de afacerse a calquera cousa, contaxiou a sociedade civil, os xornalistas, os líderes de opinión. Pensar e escribir que as cousas deben cambiar convértete nun apestado. Din que o fas porque non chegache onde agardabas, porque non tes enchufe… Chámanche inadaptado, din que es pouco fiábel, que estás fóra do sistema. Ese cinismo está devorando o país”.
Hai máis cousas interesantes na entrevista de Saviano, que se pode ler enteira premendo aquí. O párrafo que acabo de transcribir paréceme que non só é aplicábel a Italia. Pódese transpoñer tamén a Galicia, a España e a moitos outros sitios.
7 comentarios:
Fai moi ben Don Perfecto, pero que moi ben, colgando este post, no que moitos nos sentimos identificados. Nas reflexions de Roberto Saviano,quero dicir, un tipo que pon o dedo na chaga. Unha pantasma percorre Europa, a do conformismo, a do todo vale, a de que máis ten quen governe ser o conto é zugar do teto da vaca.E aquí entran tamén os ex-esquerdistas, tan sumisos con Fraga e que xa andan á procura de asentamento con Feijóo. O circo aínda non empezou de verdade,de momento está na rúa, recrutando espectadores (e cómplices). Ética, ética, ética. Iso fai falla, cáseque máis que aquel programa polo que devecía Anguita (un exemplo de ética, por certo).
se o conto é zugar do teto da vaca.
Saviano e os antisaviano, no fondo, son os mesmos. Un complexo mundo de bos e malos que fan que esta sociedade sexa perfectamente insoportable. É o universo dos ladrós e policías. Explotadores e explotados. Ricos e pobres. Vítimas e verdugos. Amos e criados. Uns non saberían vivir sen os outros.
O lamentable é que este mundo de sinrazóns e cmplicidades, no fondo, é o que sostén o "establishment" actual. Sen mafia non habería antimafia e, se cadra, sen antimafia tampouco habeiría mafia. Retroalimémntanse e, de vez en cando, aparece algún espabilado –coma Saviano– que tira proveito dos dous lados.
A arcadia feliz é –ou debería ser– outra cousa.
Garibaldi leva razón. O que son todos é recaudadores de impostos.
Aviados íamos se todos fosemos o mesmo. Ese é o discurso da dereita máis reaccionaria, tamén dos cucos que lle fan o xogo. Dícía Indalecio Prieto que el era socialista porque había quen cagaba ás carrancholas e quen o facía sentado. El optaba polo trono para todos. Apliquemos isto nun senso amplísimo e verán como saen as contas. E viva quen como Saviano denuncia o denunciable.
Moi finos Pepiño de Melide e Don Inda, pero a razón vai con eles (por máis que hai quen di que o sano é defecar de crequenas; algún de dereitas, claro, que quería ficar co asento para el só).
Teño que confesar, non sen certa mala conciencia, que en todo isto de Roberto Saviano... hai algo que non me cadra.
(É outra incapacidade miña, en calquera caso. Nunca consigo ver ben a realidade.)
Boas tardes a todos.
Publicar un comentario