
Agora resulta que
Benigno Sánchez, director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), mandou investigar se se gravaron conversacións privadas na TVG. Dinme que iso é o que el mesmo admitíu diante do Consello de Administración da citada compañía pública. Xa só falta que
Antón Losada presente unha demanda baseándose no suposto de que se fixeron esas gravacións cando el falaba cunha redactora xefa de Informativos para que un novo capítulo do escándalo Losadagate estea servido.
Empezo a pensar que, en todo isto, hai algo diso que se chama o mundo ao revés. ¿Para que precisa
Sánchez abrir unha investigación interna? ¿Non lle abondaría con chamar ao seu despacho a esa
Deep Throat do cambio galego chamada
Celia Martínez, profesora de xornalismo –¡manda carallo!–, e facerlle el mesmo as preguntas clásicas do oficio? ¿Gravou vostede algunha conversación co túzaro
Losada? ¿Que gravou? ¿Como o gravou? ¿Onde o gravou? ¿Cando o gravou? ¿Por que o gravou?
Claro que eu engadiría unha preguntiña máis. Preguntarialle se lle contou a alguén que informou inmediatamente á súa cadea de mando do resultado da gravación e mesmo pasou copia do que contiña a gravación. Digo isto porque está abondo claro que
Benigno Sánchez escribíu a carta que lle mandou a
Quintana só despois de coñecer o comportamento de
Goebbels Losada, e non foi por adiviño precisamente como se enterou. Se ata o sabía
Touriño que, días antes de que estalara o escándalo, se referíu á famosa gravación dicindo que estaba nas mans dun xornal e que el non podía parar a publicación do contido. Tan claro como estaba claro o intervencionismo de
Losada que non só facía gala da súa linguaxe tabernaria falando con xornalistas da TVG senón tamén con outros altos cargos da Xunta aos que non dubidaba en ameazalos dicíndolles que agora ían ir polo seu conselleiro ou conselleira. Xa postos a investigar, que investiguen o que pasou en Educación, por exemplo, trala asombrosa polémica do himno galego.
Alguén está tratando de pechar este caso pondo a funcionar o ventilador en varias direccións. Dende a parte nacionalista do Goberno indo a por
Benigno Sánchez, en vinganza quizais polo feito de que a parte socialista foi buscarlle antes as coxigas a
Quintana golpeando na cabeza de
Losada. Isto élles como en Sicilia. Cada un arranxa as contas como pode.
Losada transmutándose en
Pérez Varela e, dende a outra beira, gravando conversacións como no Watergate. Convertendo a redacción dunha televisión pública nun remedo de xornal sensacionalista dos baixos fondos londinenses.
Sería desexábel que todo este armadillo non sirva para que as árvores oculten o bosco. O primeiro e principal radica no que fixo
Antón Losada exercendo un alto cargo da Administración galega, algo que lle custou precisamente o sillón, dígase o que se diga agora.
Losada tería presentada a súa dimisión xa antes, pero a realidade crúa e dura é que a súa prsenza no Goberno sería insoportábel dende que
El País descubríu os seus modos e maneiras de
Hugo Chávez de licor café.
E logo está o desa
Deep Throat porofesora e redactora xefa, que se volvera a nacer
Intervíú habería que contratala inmediatamente para gravar cando telefonearan
El Lute dende Vallecas ou
Ruíz Mateos dende Frankfurt. Ou o propio
Benigno Sánchez, que sendo licenciado en Dereito, non se parou a pensar na suposta ilegalidade cometida gravando o que dicía un comunicante, for alto cargo ou non, nin na alarmante distrofia comunicativa que significa admitir por carta que se renuncia ao deber e ao dereito de informar dende unha televisión pública
“ata que por parte dese vicepresidente se nos indique expresamente outra cousa”. Dificilmente se pode atopar un exemplo documentado tan expresivo da incuria coa que moitas veces se castiga a información dende os medios públicos. Todo un director xeral admitindo por escrito que na TVG se deixa a escuras os televidentes porque un alto cargo lle dá a gana de prohibir que falen del. Ou sexa, que
Touriño sae moito nos telexornais porque o pide, e
Quintana nada porque o prohíbe. Chámase información á carta política. Que é así xa se sabía, pero faltaba que alguén o manifestara por escrito. Pobres xornalistas da TVG. ¡Se aínda quedan!