viernes, septiembre 21, 2007
Tokio ben vale unha misa
Nos medios xornalísticos foi moi comentada –en privado– a recente viaxe a Tokio que organizou e sufragou a Consellería de Imnovación e Industria da Xunta de Galicia. Co seu titular á fronte, o nacionalista Fernando Blanco, e coa participación dos cumios dirixentes de Turismo e do Xacobeo, máis de vinte xornalistas de medios galegos e case que outros tantos empresarios levaron a cabo unha longa excursión á capital nipona co gallo de promover e desenvolver a afluencia de turistas xaponeses cara o noso país.
Dase a circunstancia de que este tipo de viaxes foron moi criticadas cando era Manuel Fraga a persoa que acostumaba facelas. Daquela dicían socialistas e nacionalistas que se malgastaban os cartos públicos e que se favorecía a determinados medios de comunicación e a certos xornalistas para influír na información e na opinión que se puidera xenerar. En realidade, a práctica de pagar os gastos de viaxe, manutención e hospedaxe dos xornalistas que acompañan aos gobernantes viaxeiros está moi extendida por todo o mundo, pero non deixa de ser algo discutíbel dende o punto de vista do control do gasto público. ¿Por que hai que pagarlle os gastos ao enviado especial dun xornal, emisora de radio ou cadea de televisión que gaña moitos millóns cada ano?, podía ser a pregunta a facerse. ¿Non é esta unha forma de subvención encuberta?
No caso concreto desta viaxe galega a Tokio pódese calcular en máis de 600.000 euros o custo total –billetes de avión en business class, hoteis de cinco estrelas, etc.- dunha operación que nin sequera se víu logo moi reflexada nos mass media. Algúns xornalistas comentáronnos mesmo a súa sorpresa polo criterio seguido para seleccionar os "convidados" e puxéronnos, como exemplo, o caso dun xornal que incluíu na representación enviada a Xapón a un dos responsábeis da maquetación das súas páxinas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
12 comentarios:
Se cadra vostede di o que di por non ser un dos convidados a esa volta ao mundo en cen parvadas. Ou que?
Non é que Tokio valia ben unha misa. É que vale as supercherías do BNG. Que volva don Manuel, please!
E logo como ían coñecer a capital xaponesa o da Telefónica e máis o González Encinar, se no for a cargo d contribuínte?
Eu para a próxima remodelación do goberno, pídome ser director xeral de turismo: todo o ano viaxando a custa do contribuinte e non facendo nada en serio. Hainos que pensan que por ser de turismo a súa obriga é andar de turistas polo mundo adiante.
Vaia morea de listos que entran a comentar este tema! E logo non hai que facer promoción do turismo? Fernando Blanco e o seu equipo estano facendo ben. Prantan para logo colleitar. Que pasa, que a semente non hai que pagala?
Comparar o que fan eles co que fixeron antes Fraga e Pérez Varela é pura demagoxia.
De demagoxia nada, meu rei. O que é pura demgoxia é criticar o que facía o Patrón Fraga e logo facer o mesmo sen o máis mínimo pudor. Para isto, para seguir coas mesmas artes, non votamos un goberno de progreso. Está claro?
Prantar para colleitar? E logo, cando se van ver eses "froitos"? Dentro de cen anos cando todos esteamos calvos? Carallo para os 600.000 euros!
É que un empeza a fartarse xa dos modais de "novos ricos" de moitos dos actuais altos cargos, quen, seica, ían levar adiante unha rexeneración democrática. Ula? Eu, francamente, non a vexo.
Quixera aproveitar a ocasión para felicitar a Perfecto Conde polo seu excelente blog, que procuro ollar cada día.
E este Apicultor non será un pseudónimo do propio Perfecto Conde? Que vaia roubar o mel a outras colmeas.
Pois non, non son ningún pseudónimo do xornalista Don Perfecto Conde. Tan só alguén que aprecia a calidade -e tamén a boa mala uva- do seu blog.
Queria que a Xunta faga a relacion enre Xapon e Galixa a nivel cultural. E moi importante e necesario.
Viaxan como homes de estado, que luxo!, pero non deixan de ser simples autonomistas, sen proxecto de país. Aparentan, aproveitanse da apariencia de estadistas, estabelecen contacto, para eles, para amigos, negocietes, relacións,poder, ao final influencias e prestixio que rematan en mais diñeiro. E o cidadán, como os controla?, se están a sustraerse continuamente a esa posibilidade. Está a producirse unha degradación acelerada dos politicos entre os galegos mais informados e cultos, os demais, viviron sempre no desengano premoderno e agora vámonos encontrar todos premodernos e postmodernos no escepticismo radical.
Publicar un comentario