martes, septiembre 18, 2007

Botarates


Debe ser porque se aproxima un período electoral, pero o caso é que a vida política oficial de Galicia vai camiño de converterse nun patio de veciñanza mal levada. Touriño acaba de dicirlle a Núñez Feixóo que será un botarate se non recorre aos tribunais se tén a certeza de que se cometeu algunha irregularidade na adxudicación da autovía do Barbanza ou se, no caso contrario, non pide desculpas. "Teriamos á fronte da oposición a un auténtico botarate", foi a frase que pronunciou o presidente da Xunta.
A min non me disgusta que os políticos recorran á linguaxe sinxela da rúa para intercambiaren toxos e frores de vez en cando. Botarate é unha palabra coa que se podía compoñer un endecasílabo –non é a única, claro– e a súa sonoridade, aínda que algo redundante, tén o su aquel. Tampouco está mal de significado: persoa alborotada e de pouco xuízo. A súa orixe no verbo botar, dende a súa acepción de saltar, dalle dinamismo. Ou sexa, unha palabra desas que se poden botar –agora no sentido de lanzar ou arrebolar– ao morro de quen queira o arrebolante poñer a caldo. Dirá o lector que é algo tabernaria e ata badoca e se cadra leva razón, pero non sempre han ser tan politicamente correctos os nosos Winston Churchill. Ou si?
O que a min me sorprende é que a máxima autoridade galega lle diga ao líder da oposición que saia correndo cara o xulgado de garda se pensa que a conselleira Caride ou el cometeron algo supostamente ilícito ou delictuoso, e que non se aplique a si mesmo o siloxismo en bárbara. Touriño di que se sente calumniado e inxuriado por Alberto Núñez Feixóo. A calumnia e a inxuria seguen a ser un delictos na lexislación penal vixente. ¿Por que non acode el ao xulgado para denunciar os supostos delictos cometidos polo líder da oposición? Convida a que vaia Feixóo e non toma el a mesma medicina. ¿Por que?
O Código Penal Español de 1995, no seu artigo 205, define a calumnia como a "imputación dun delicto feita con coñecemento da súa falsidade ou con temerario desprezo cara a verdade". Tres artigos máis adiante, no 208, define a inxuria como "acción ou expresión que lesionan a dignidade de outra persoa, menoscabando a súa fama ou atentando contra a súa estimación". As calumias e as inxurias que sexan feitas con publicidade –estamos no caso de Feixóo e de Touriño– verán incrementadas as penas, segundo estabrecen os artigos 206 e 209 do Código Penal. E non estamos a falar de lilainas, pois o delicto de calumnia pode chegar a ter pena de ata dous anos de prisión e o de inxurias de ata 14 meses.
En resume, que de algo e de calquera maneira teñen que falar os políticos cando aventan propaganda electoral. Non lles abonda con facer promesas. Tamén precisan botar man das navallas dialécticas. Por certo, as mellores xa se saben cales son: as de Taramundi. Todo consiste en que non chegue o sangue ao Sar, que baixa moi contaminado cando pasa polo Instrumento.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Boas noites a todos.

A historia do parlamentarismo español -ou dos parlamentarismos en España, como prefiran- demostra que hai mil maneiras de dicir todo canto require non ser calado entre pais da patria... sen necesidade de ofender a ninguén.

Eu, como cidadán, cada vez lle dou máis importancia á necesidade de manter o maior dos respectos polas persoas.

A educación, aínda que cada vez se crea menos niso, é unha das columnas sobre as que se asenta a civilización.

ALMIRAL MOUCHEZ

Anónimo dijo...

Je suis Margot, celle que dégrafe son corsage. Lémbrase vostede? Quand Margot dégrafait son corsage, pour donner la gougoute à son chat, touts les gars, touts les gars du village étaint lâ, là, là, lá. Etaint là.

Pois ben, Almiral Mouchez, estou dacordo con vostede en toda esa perorata da educación e da conveniencia de dicir as cousas sen necesidade de ofender a ninguén. Manter o maior dos respectos polas persoas é, como vostede di, de suma importancia.

Agora ben, ese respecto e esa educación non pode abeirar calquera forma de cinismo ou de avestrucismo que nos faga ignorar a realidade até o punto de alienármonos no canto dela. Non é malo, polo tanto, e se cadra resulta mesmo necesario, que os políticos e gobernantes se ispan de vez en cando do seu traxe teatral e comparezan ante a xente tal como Deus os puxo neste mundo.

Dirame vostede, e con razón, que isto ten pouco que ver con ese intercambio disparatado de verbo tabernario cruzado entre o presidente da Xunta e o líder da oposición. Tén pouco que ver, pero forma parte do mito do rei que camiñaba espido pola rúa pensando que... Non lle parece?

Anónimo dijo...

Empezo a estar ata as do meu apelido das pereradas do autor deste blog e dese Almirante Mosquito que non fai máis que proclamar que prefire a inxustiza á desorde.
Son vostedes unha panda de intelectuais de pacotilla que poden rematar de compañeiros de viaxe do PP. Aquí o que hai é o que hai. Un goberno progresista que está cambiando o país e gobernando para ben de todos. E o que non vexa isto, ou está cego ou ten charamuzas nos ollos. Que se lave.

Anónimo dijo...

Que me leve o demo se é é mal tema este da forma de falaren os políticos. A ver se se animan vostedes a debatelo.

Anónimo dijo...

O pior falado de todos é precisamente o presidente Touriño, o que tiña que dar exemplo. Vese que é moi orgulloso e que está archicontento de si mesmo. O seu galego no que só que sexa pésimo, é que non lle dá a gana de aprendelo e até parece presumir de falalao mal, como se fora propio dun señorito de cidade metropiltana.
Logo está o Quin, que váliame Deus tamén. Construcción e vocabulario acastrapados, fonética penosa e retórica circunstancial. Que lonxe está do verbo maiestático e fulgurante do Beiras! Iso si, linguaxe política absolutamente dentro da máis estricta corrección. Certo cinismo ideolóxico, como dicir que nunca lle dixo nin lle dirá a un xornal ou a un xornalista o que teñen que facer, horas despois de que se descubrira o do seu segundón Losada.
Finalmente, Feixóo. Parece un comercial de Avon petando polas portas. Fala barato e mal tamén o galego. Nin que nacera en Badajoz en vez de nos Peares. De calquera maneira, fixo algún progreso ultimamente. Sobre todo no manexo da retranca e no botar man dos recursos escénicos. Cun axeitado manager de campaña podería rematar nun bo Cavaco Silva dos galegos.
Que? Que lles parece a miña análise?

Anónimo dijo...

Regulín, regular, Loureda, regulín regular. Debe mellorar.