martes, septiembre 11, 2007
Caso Madeleine, persoas que pasan de bestiais a bestas en segundos
O culebrón que está deixando escribir a Policia Judicial de Portugal arredor do caso da nena inglesa Madeleine McCann, desaparecida o 3 de maio en Praia da Luz, concello de Lagos, Algarve, é dos que xa están pedindo un Almeida Garret que vaia engrosando o romanceiro local porque é evidente que o caso aínda non dá para un Truman Capote de sangue fría.
Non entenderei nunca ben esa figura da criminaloxía portuguesa que consiste en por a termo de identidade e residencia o sospeitoso ou sospeitosos de cometer algún delicto baixo a denominación de argüído. Levado da lóxica cartesiana e do principio elemental de que todo deus é inocente mentres non se demostra o contrario, pensaba eu que a falta de probas para acusar a alguén de ultrapasar o límite do legal compría presumir inocencia aínda a risco de que un culpábel andivese libre pola rúa. Polo visto, a lexislación portuguesa tén niso do argüído unha ferramenta intermedia que coloca os sospeitosos nunha situación moi próxima á dos encartados e que pode dar lugar a non poucas situacións apuradas aos que a sospeita ou o simple indicio coloquen nas periferias do crime.
Aparentemente, esta é a situación que lles está tocando vivir aos pais de Maddie, Kate e Gerry McCann, dous médicos británicos que pasaron de vítimas a sospeitosos coa mesma facilidade coa que chegaron a converterse en estrelas mediáticas cando desapareceu a súa filla, “argüídos” por esa figura legal portuguesa que digo non comprender dende a miña condición de lego total na materia.
Poucas horas antes de que escribira estas liñas, a Policía portuguesa entregoulle ao Ministerio Público (Fiscalía), en Portimao, o relatorio preliminar cos termos e os contidos do inquérito que levou a cabo durante a investigación dirixida sobre os pais da nena desaparecida xa hai máis de tres meses. Terá que ser, probabelmente nas próximas horas, esa Fiscalía a que lle propoña ao xuíz que leva o caso medidas inmediatas ou polo menos próximas.
Mentres tanto, os “arguídos” xa regresaron a Inglaterra e contrataron a un dos mellores abogados do seu país, Michael Caplan, precisamente o que defendeu o ditador chileno Augusto Pinochet cando estivo preso en Londres por orde do xuíz español Baltasar Garzón. E, de paso tamén, se abríu en Portugal un preocupante xuizo mediático e popular paralelo no que cada día que pasa perde máis puntos a presunta inocencia dos pais de Maddie. Acabo de ler ducias ou centos de cartas e correos electrónicos recibidos nos medios de comunicación portugueses e campa no seu conxunto unha case inquisitorial caza de meigas que non dubida en botar man do nacionalismo e do patriotismo locais para arrearlle aos ingleses como se tratase dun ancestral arranxo de contas cos fillos da “pérfída Albión”.
Tamén hai que recoñecer que este resentimento nacionalista portugués foi aguilloado por unha parte dos mass media anglosaxóns que non dubidaron en aplicarlle a este suceso ocorrido en Portugal criterios de superioridade algo noxentos. No programa de Larry King, na CNN, chegouse a falar de “brain dead” e de “retarded” facendo referencia á investigación policial levada a cabo, e nos tabloides sensacionalistas londinenses o desprezo á intelixencia local non foi moito menor.
Postas así as cousas, o desgrazado suceso de Maddie da moito que pensar. ¿Son os pais da nena culpábeis do que sucedeu? ¿Poden ser non só vítimas pola súa desparición senón obxecto dalgún "marrón" que lles queira facer "comer" a Policía portuguesa, como xa empezaron a insinuar eles mesmos? Calquera das dúas hipóteses poden ser igual de arrepiantes. Como deixou escrito unha pluma anónima no buzón do semanario lisboeta Expresso, “admito todos os cenários, mas en qualquer deles recuso-me a viver unha Idade Media onde as pessoas passam de bestiais a bestas en segundos”.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
E, se son inocentes, quen lles vai pedir perdón? Os gardinhas portugueses?
Publicar un comentario