Olegário Sousa,
policía cesado.
Lonxe de resolverse, o misterio da desaparición da nena inglesa Madeleine MacCann cada vez se enreda máis. A Policía portuguesa parece disposta a alimentar unha auténtica serie de novela negra filtrando continuamente informacións, mesmo contraditorias, que hoxe apuntan a que a cativa podería estar enterrada na igrexa da Praia da Luz, mañá din que foi botada ao mar dende o iate dun británico e, para dendoutro día, especulan con que puido ser queimado o seu corpo nun dos moitos crematorios ilegais que hai na zona ou mesmo na parte de España que limita co Algarve.
Foi tanta a maré interna que orixinou o caso que Olegário Sousa, o policía que fora designado para exercer a portavocía oficial das investigacións levadas a cabo en Portugal –por ter boa presenza, falar inglés e colocar ben as palabras– tivo que abandoar o posto queixoso de que constantemente estaba sendo ponteado polos dirixentes da investigación policial mediante filtracións interesadas á prensa portuguesa.
Paralelamente, medios británicos volveron a retomar as sospeitas que recaen contra o coordinador da Policía Judiciaria en Portimao, Gonçalo Amaral, que foi investigado por supostos malos tratos á portuguesa Leonor Cipriano durante a investigación que se levou a cabo sobre a desaparición da súa filla Joana, ocorrida tamén no Algarve hai poucos meses.
Para que o misterio se complique máis o semanario lisboeta Expresso publica hoxe unha entrevista con John MacCann, irmán do pai de Madeleine, na que refuta as teorías nas que sustenta a Policía Judiciaria todas as súas sospeitas. Di que o grupo de nove persoas que participou, co seu irmán Gerry e coa súa cuñada Kate, na cea que tivo lugar restaurante As Tapas o día da deaparición non beberon máis de "catro ou cinco botellas de viño", e non as 14 que foron filtradas á prensa.
Tamén nega que a familia de Maddie telefonara antes á cadea de televisión Sky News que á Policía. Segundo el, a Garda Nacional Republicana foi inmediatamente contactada, e só foi despois cando a súa irmá Patricia MaCann decidíu telefonar a Sky. John MaCann dá por certo que Gerry non tén ningún interese político, como se tén informado, e que foi el o que o puxo en contacto co primeiro ministro britanico, Gordon Brown. Revela igualmente que o diario de Kate, que está en poder da Policía, foi escrito por recomendación dun psiquiatra despois da desaparición da cativa.
Paga a pena botarlle unha ollada a estas declaracións. Pódense ver premendo aquí.
6 comentarios:
Con mundo que vostede leva ao lombo, Don Perfecto, se a día de hoxe tivese que facer pública -ou non facela pública, comentala nunha tertulia de café- unha hipótese... que diría?
Boas tardes a todos.
Don Nonseiquemechamou, agora non me acordo.
(O do catálogo da mostra de Cunqueiro, etcétera...)
Poñamos:
ALMIRAL MOUCHEZ
Vostede non pode ser Almiral Mouchez pola sinxela razón de que Alimiral Mouchez c'est moi! Onde quere ir parar?
Leva razón, porén, no que lle di ao Conde. Que se molle e que lance unha hipótese. A que non hai c.....s?
Desculpe que o contradiga, meu querido homónimo, pero eu son o Almiral Mouchez orixinal, antano frecuentador de foros e amigo -se me permiten- de todos vostdes.
Non obstante, e como eu ando cada día menos por estas cousas da Rede, se quere quedarse co nick (chámase nick, verdade?) regálollo con moito gusto.
Moitas apertas.
ALMIRAL MOUCHEZ
(ou non)
quen sabe...?
Debín padecer una crise de identidade pasaxeira. Se cadra foi por dirixirse vostede como Anónimo a este foro. Pero xa recuperei o meu verdadeiro ser, e son consciente de que ningúne mellor ca vostede para representar aquel sabio militar-astrónomo da Ilustración francesa. Non volverei inmiscuírme no seu nik, que non é a mesma cousa ca aqueles nikis da nosa mocidade. Lereino sempre con moito gosto e atención porque sei que podo aprender de vostede.
Salut les compagnons!
Pour Monsieur Revolté:
Mon camarade: Nada máis lonxe da miña intención que ensinar nada, porque son consciente de que nada sei.
É de vostedes de quen aprendo, e ben agradecido que lles estou. Na miña actual condición de sombra peregrina, a compaña de xentes coma vosas mercedes reconforta moito.
Agradézolles, tamén, que alguén se lembre do vello almirante galo, que non só fixo o Mapa das Estrelas (uiiii, uiiii, qué cousa se me está a ocorrer con iso do Mapa das Estrelas, perdón polo inciso...), senón que mandou suprimir os vergallazos nos barcos da Armada de Francia.
Boas noites, irmáns, e boa sorte.
E Dom Perfeuto que compareza e que conteste ao que se lle pregunta, que se non comparece nin contesta para qué ten un blog.
(Dicía Cunqueiro, e escribiu no Merlín, tales terras, tales nabos. Que aquí non vén a nada, pero e que tiña gana de poñelo)
ALMIRAL MOUCHEZ
É a primeira vez que leio um blog em Galego.
Muito Bem.
Nós ( galegos e portugueses) somos irmãos chegados.
Publicar un comentario