martes, septiembre 11, 2007
(Non) Hai debate, o que hai é moito tomate
Onte tamén tivo rentrée o programa da TVG Hai debate, con Anxo Quintana de super star, e nin os tres xornalistas convidados (Ernesto Sánchez Pombo, Xan Carballa e Arturo Cerviño) nin a condutora (Ana Rodríguez) mostraron moito interés en que o vicepresidente da Xunta afondara na recente crise política que determinou o cesamento de Antón Losada como secretario xeral de Relacións Institucionais.
A ocasión parecía pintada para que lle tiraran da lingua ao líder nacionalista, pero todos padeceron un ataque súbito de corrección política que lles impedíu honrar o nome que leva o programa. Máis que debate, o que houbo con Quintana foi tomate. Algo que ocorre, por outra parte, case sempre neste espazo da TVG que empezou prometendo polémica e está rematando case no encefalograma plano.
Con todo o que choveu e segue aínda orballando sobre o affaire da gravación que precedeu a cesamento de Losada e o seu intento de censura nos informativos da Galega, non era preciso que Quintana se sentase en Hai tomate. Abondaría que o levaran a un Hai debate como Deus manda para que os televidentes, que nalgunha proporción tamén somos teleouvintes, puideramos pasar unha noite divertida e, de paso, enterármonos de quen e como asou a manteiga dos últimos aconteceres escandalosos da Xunta. Pois non, empeñáronse todos, Quintana incluído, en pasar sen pena nen gloria repetindo dous ou tres lugares comúns da polémica e os "clientes" tivemos que agardar, por exemplo, ao día seguinte para enterarnos por Galicia Hoxe de que non é só no PP –tamén no BNG– onde se piden cabezas pola gravación supostamente ilegal das arroutadas cometidas polo ex secretario xeral do vicepresidente cando falou por teléfono, con tacos e insultos comprendidos, cunha tal Celsa Martínez que exerce de redactora xefe nos Informativos da Galega.
O caso desta señora ou señorita tamén é dos de traca. Seguramente pensando que estaba a traballar na redacción dos primeiros anos de Interviú, deulle a tecla rec sen encomendarse nen á lexislación vixente nin a rabos de gaitas. Gravou, sen avisar, o que lle estaba dicindo un alto cargo da Administración á que pertenece a súa propia empresa e quedouse tan tranquila. Ou, se cadra, tan tranquila non porque, en vez de gardar a cinta nun caixón con sete chaves, ela ou alguén que sabía o que ela fixera mandou o recado da gravación a un xornal que publicou parte do seu contido.
Esta xornalista que, polo que din, é, ademais, profesora da Facultade do ramo na Universidade de Santiago –¡anda que tamén esta Facultade!– vai pasar á recente historia galega coma a gorxa profunda do affaire Losada. A Deep Throat do cambio político galego. Grazas a ela demostrouse que no bipartito había un Pérez Varela bis que non admiraba a Carmiña Burana senón a Zeus, o deus dos tronos. E, grazas a ela, tamén se soubo que hai espías e espionaxes no bipartito. ¿Cando vai facer Reixa unha película que se titule Losadagate ou Teléfono roxo, voamos cara a Allariz? Digo Reixa por dicir alguén, porque dubido que o de Vigo sexa o máis indicado para contarnos as falcatruadas dos amigos.
Haberá que seguir o tema. Sen esquencerse dun director xeral da TVG, Benigno Sánchez, que renegou por carta da súa obrigación de promover unha televisión pública que informara pluralmente do que acontece en Galicia cando lle dixo ao vicepresidende da Xunta que ía dar "instruccións para que os Servizos Informativos da TVG se absteñan de acodir aos actos da Vicepresidencia da Xunta de Galicia ata que que por parte dese vicepresidente se nos indique outra cousa". Sen comentarios, de momento.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
O que ten cu ten medo. E do mesmo xeito que 80 anos non cambiaron a Rusia, 2 non van cambiar os modos do goberno/intelligentsia deste pais.
O plus famoso habería que darllo aos fiscais se tivesen c... para facer o seu traballo.
Felicítoo por un blog tan valente como diáfano. Vostede non ten pelos na lingua e di verdades como puños. Sega vostede así, que eu lereino sempre.
Reciba un saúdo.
Antrax
Publicar un comentario