jueves, febrero 12, 2009

Buffalo Bills, Garzón e Bermejo

Seguinlle a pista ao xuíz Garzón durante algún tempo. Interesábame especialmente a súa faciana de aparente inconrruptíbel perseguidor da delincuencia organizada e dos criminais disfrazados de salvapatrias. Tamén a súa declarada admiración polo xuíz siciliano Giovanni Falcone, asasinado pola mafia, e un certo toque de progresismo co que sempre tratou de marcar a súa vida este maxistrado da Audiencia Nacional.
Cando publiquei, en 1991, o meu libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, un coñecido do xuíz e moi amigo meu, o arxentino Héctor Chimirri, contoume que a Garzón lle interesara moito o volume e ofreceuse para que nos coñeceramos. Daquela estaba o maxistrado iniciando a súa famosa Operación Nécora e a verdade é que eu non tiña moitas gañas de mesturarme en cousas sobre as que xa contara antes o que tiña que contar como xornalista. A cosecuencia foi que fun un dos poucos xornalistas de investigación que daquela andabamos por Madrid que nunca cruzou unha palabra con que acabaría sendo o xuíz máis mediatizado da Maxistratura española.
O resultado xurisdicional da Nécora foi o que foi, un pequeño fracaso por culpa dalgunhas alegrías instruccionais de Garzón e logo veu aquela espantada súa entrando e saíndo do goberno socialista de Felipe González como quen entra e sae nunha montería. Seguramente daquela xa era afeccionado á caza maior. Funlle seguindo os pasos a través dos xornais, polo afervoado libro da opusdeística Pilar Urbano e pola súa inclinación a viaxar aos países (Colombia, Estados Unidos) onde lle prestaban algunha atención.
Confeso que hai moito tempo que deixei de comparalo con Giovanni Falcone. Son personaxes definitivamente diferentes. A Garzón perdeuno o seu empedernido ego mediatizado, a súa insaciábel vocación de estar no poleiro. Falcone perdeu a súa vida e a a da súa muller no exercicio da xustiza. Quizais, aínda que só fose por isto, Garzón non lle debería ter aprezo persoal a ningunha clase de escopeta, luppara ou non, arma que a fin de contas só pode ser empregada para tirar a vida.
De calquera xeito, recoñezo que ten dereito a desfrutar pegándolles tiros aos corzos, aos xabaríns, ás perdices, ás lebres e a cantos animais hai que non están aínda tan debidamente protexidos como deberían estaren. A min Buffalo Bill Garzón, cazador de fin de semana, non me preocupa tanto como o xuíz Garzón ou o ministro do ramo Fernández Bermejo que se van de esmorga, xuntos e co xefe da Policía Xudicial, no preciso momento en que están caendo chuzos sobre o tellado da suposta corrupción de persoas relacionadas co PP investigada por Garzón.
Poden dicir agora o que queiran. Que só falaron de montería ou que recitaron versos de Juan Ramón Jiménez en Andújar, pero agardar que alguén llelo crea realmente? Esta vez a muller do César, se non foi deshonrada, polo menos abaneouse no fío da navalla. O ministro e Garzón servíronlle en badexa ao PP a pólvora oa que estaba precisando cargar tamén el os seus cartuchos e sair de caza. Zapatero debe estar que trina e, se aínda non cesou a Bermejo, debe ser porque pensa que iso tamén pode servir para cargar escopetas. Nunca o panorama político español estivo tan enlamado como agora. E, se isto acontece cando vai haber só eleccións galegas e vascas, que pode pasar cando volva haber eleccións xerais? Daquela se cadra están todos en Carabanchel, digo en Soto del Real.

Para ver auto de prisión ditado polo xuíz premer aquí.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Pódese ler o auto completo de pirisón incondicional firmdo por Garzón na seguinte dirección:
http://estaticos.elmundo.es/documentos/2009/02/12/Correa.pdf

Anónimo dijo...

Gobernados como estamos e xulgados –e reinados– por escopeteiros coma estes xa non temos nada que envexarlle ao postcomunismo de Putin. Só nos falta que agarren a calquera deles cazando un oso previamente emborrachado con sidrina.
Abriuse a caza. Viva a escopeta Nacional.

Anónimo dijo...

Que pena –mejor dicho, que rabia– da ver a un ministro dejándose fotografiar ante los cuerpos sin vida de los animales que acaba de abatir a tiros. Creía que esto sólo ocurría en la España de Franco o en la Rusia de Putin.