A pesar do ton maxestoso e algo prepotente co que se expresa Santiago Rey no artigo que publica hoxe no xornal do que é propietario, La Voz de Galicia, a min paréceme saudábel o exercicio da súa lectura. Non me gusta, insisto, que o autor teña por norma aparecer só cando lle peta, en plan oráculo de Delfos, como se se dignase dirixir a palabra a uns súbditos que debería saber que non tén, pola feliz circunstancia de que xa non hai habitantes do reino que padezan esa condición, e como se pensase que pola súa boca falan a verdade e a incontroversia.
Dende o plural maxestático do comenzo do artigo ata o personalismo do título (Yo protesto, outra vez Émile Zola!), o cardeal laico Santiago Rey espétanos unha homilía electoral que non tén desperdicio de principio a fin. Por moito alegato que faga a un necesario regreso da “desaparecida sociedade civil”, o autor do artigo non logra ocultar que o que realmente bota de menos o editor do xornal coruñes é unha Galicia que estivese menos gobernada polos que definitivamente son os seus demonios particulares, é dicir, os nacionalistas galegos, ou sexa, o BNG.
É verdade, como di el, que “ahora ha surgido un nuevo caciquismo que se disfraza de falsa modernidad y opera con desparpajo en todo cuanto se pone a su alcalce, desde las concesiones eólicas a las plazas del empleo público”, pero carece de razón cando sostén que “aquel hermoso ideario de los grandes galleguistas parece usurpado en manos de intolerantes que lo emplean como arma arrojadiza entre gallegos”. Claro que esta segunda cita quizais se comprende doadamente se se tén en contar que, só unha liña máis arriba, Santiago Rey informa de que compartiu “traballo e proxectos ilusionantes” con Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz Andrade, Marino Dónega ou Carlos Casares.
Por moi ilusionantes que fosen eses traballos, supoño que Rey comprenderá que todas as persoas que cita –respectabilísimas no seu conxunto e máis aínda unha por unha– son unha parte de Galicia e non toda ela. Representan, máis concretamente, unha forma de ver Galicia dende postulados culturalistas moi concretos. Pero hai outros enfoques, outras maneiras de ver a realidade galega e de enfocar a solución dos seus problemas que Santiago Rey, como editor e propietario dun xornal que pretenda ser independente, debería igualmente respectar e considerar. Eu non diga que teña que comulgar co que fai o Bloque ou co quen fan outras manifestacións do nacionalismo galego ou a esquerda galega no seu conxunto e por separado. Só me alarma un pouco ver que o amo de La Voz de Galicia aproveita a coxuntura electoral para subir ao púlpito a predicar a súa boa nova parcialmente dirixida contra os que xa parece que tén algo freudianamente incompatíbel, e non é precisamente esta a mellor condición dun editor que aspire á independencia que tanto necesita actualmente a prensa de Galicia.
Polo demais, concordo co autor de Yo protesto na maioría dos seus alegatos críticos contra o panorama político actual e ata celebro esa chulería coruñesa que lle é tan propia a Santiago Rey, e que neste artigo se ve claramente expresada cando escribe a seguinte frase: “Si digo todo esto, si protesto incluso por tener que protestar, no es por que me embarguen sentimiento derrotistas”.
O que non podo tampouco é rematar sen expresar que é unha pena que Santiago Rey non se dedicase antes a escribir como escribe agora. Por exemplo, cando mandaba Fraga e el parecía que andaba de vacacións polas Eolias.
3 comentarios:
A súa homilia-letanía está chea de incongruencias: son galeguista pero dóeme que se estea a impoñer o galego en detrimento do español; estase a rachar a financiación autonómica pero Galicia necesita máis cartos para infraestruturas; sobran as axudas na industria da automoción pero non digo nada sobre as subvencións que dan á prensa.
Ademais reclama, por se alguén non o notou, un pacto PSOE-PP para expulsar o nacionalismo do goberno.
No fondo este bo peixe é un señorito da Coruña, semrpe ben relacionado co poder (Fraga antes, Paco Velázquez case sempre, Touriño hoxe).
O que lle pasa a este home é que está cautivo do poder de Amancio Ortega, Jove, Fenosa, Pastor, Caixagalicia e algo máis. É dicir, da oligarquía financeira. No fondo, a súa arremetida do artigo só e o seu exabruto porque non favoreceron os sus amos no reparto eólico. Santiago Rey é o cantor do gran capital, e o seu xornal as Cantigas de Santa Plusvalía.
O que xa nin se lle entende é que agora intente pasar de contrabando o seu galeguismo.Debe pensar que todos somos fatos.
Homilía dun cura sen sotana pero atento á caixa rexistradora. Banal e patético, grandilocuente e ridículo.
Publicar un comentario