Hoxe, a Unesco presenta en París a terceira edición do Atlas internacional das linguas en perigo. Un equipo de 25 investigadores, dirixido polo lingüista Christopher Moseley, chegou a conclusión de que neste momento hai 2.511 linguas vivas que estan en sitación vulnerábel, de perigo, perigo extremo ou situación crítica ou de extinción en todo o mundo. Cando esta publicación empezou a editarse, en 1999, só eran 600 as linguas en perigo, que aumentaron a 900 na edición do Atlas do 2001. Segundo Cécile Duvelle, responsábel da sección de patrimonio inmaterial da Unesco, non se trata porén dunha agravación do problema senón de que agora hai “un mellor censo” dos idiomas que pasan por estas situacións. Se se ten en conta que no mundo hai arredor de 7.000 linguas, podería parecer alarmante a cifra estimada de linguas en perigo, que se concentran nas partes do mundo que maior diversidade lingüística presentan: a Melanesia, a África subsahariana e América do Sur.
Os responsábeis desta nova publicación da Unesco, que se pode adquirir por Internet, salientan a importancia do voluntarismo político e institucional a prol do remacemento das linguas, e poñen como exemplo o caso de Paraguai, onde a inclusión do bilingüismo na Constitución contribuiu a un forte aumento do número de falantes de guaraní, que pasaron de seren 3,6 millóns en 1992 a 4,4 millóns en 2002. O guaraní está agora case a par co español nese país latioamericán. Tamén en México, unha lei do 2003 concedéndolles aos pobos indíxenas o dereito a un ensino bilingüe parece ir por bo camiño. Non abonda, porén, co recoñecemento institucional destes problemas, segundo os expertos da Unesco, que se refiren a Irlanda como o país no que só entre o 5 e o 6 por cento da pobación fala irlandés a pesar de que este idioma é obxecto dunha ampla ensinanza nas escolas.
América do Norte e Australia son a partes do mundo nas que hai máis linguas en situación de perigo, e onde hai campañas moi importantes para “revivir linguas perdidas ou case perdidas” como son as movilizacións que levan a cabo as comunidades indias americanas con gran éxito para revitalizar o black-foot, o apache e o cherokee. Logo está tamén o caso do saami que se fala en Suecia, Noruega e Finlandia e que segue perdendo falantes no seu territorio de orixe, pero está conseguindo que volvan a falalo os que o tiñan abandonado. O fenómeno renacente das linguas non se limita as máis lonxanas e exóticas. O welch, que reconquistou en trinta anos o sudoeste de Inglaterra ou máis aínda o vasco e o catalán son as probas de que a Europa das linguas aínda non está fixada para sempre, segundo os editores do Atlas.
No intre en que o global english parece dominar o mundo non é, porén, o inglés o idioma que ameaza máis a diversidade lingüística senón as linguas rexionais que tenden a imporse en detrimento das “pequenas” linguas, segundo os lingüistas da Unesco, que se basean no caso do swahili do Este de África para analizar un dominio que pon en perigo 30 ou 40 linguas máis que se falan en Tanzania. É tamén o caso do barassa de Indonesia que está provocando unha morte lenta de moitas outras linguas que ata agora convivían no archipélago.
James Costa, investigador do Instituto Nacional de Investigación Pedagóxica (INRP) de Francia, sostén que “unha ecoloxía sana supón a coexistencia de varias linguas: unha lingua local de comunicación e toda unha gama de outras que teñen cada unha delas un papel diferente”. Costa pon o exemplo das illas Shetland do mar do Norte: “Antes do século XVII, esta parte do mundo era a Meca da diversidade lingüsítica. Falábase alí o noruego, pero tamén o frisón, o flamenco, o holandés, e cada un deses idiomas tiña usos diferentes para o comercio, a vida cotián, etc.”.
O caso de Francia
Quen dixo que en Francia só se fala francés? O novo Atlas da Unesco censa 26 linguas no hexágono, a maior parte delas en perigo. Vasco, bretón, corso e ocitano conviven co champañés, o borgoñón, o frano-provenzal e mesmo co picardo. Outras, como o ligur, o alemánico, o luxemburgués e o fráncico son linguas transfronteirizas, algunhas delas en situación “vulnerábel” . E aínda fican o languedocián, o franco-condado, o gascón, o auveriano, o limusino, o normando, o lorrenés, o provenzal, o piamontés, o alpino etc.
1 comentario:
O galego xa non aparece nesa relación, pero o seu futuro é inevitablemente dramático.
(Depende dos galegos...)
Publicar un comentario