Empecei dicindo no comenzo desta campaña electoral que debería haber eleccións máis a miúdo e ratifico esa opinión. Hai que ver o que dá de si o pim-pam-pum da política deslinguada. Empezamos descubrindo que no PP hai corrupción –pero non se sabía xa?–, imos de caza cun ministro e un xuíz famoso, recalamos nas illas Caimán por mor dun candidato conservador de Ourense, súbímonos non sei cantas veces ao “haiga” e as sillas de Touriño e rematamos navegando polas rías con Quintana a bordo do iate dun novo rico do ladrillo. Se isto non é jauja, debe ser algo parecido para un xornalista independente que se preze.
Do que non hai dúbida é de que andamos entre os mellores de cada casa e a casa segue sen barrer. O que máis e o que menos gardaba os seus propios pantasmas na cómoda e alporízase agora extraordinariamente cando lle falla o alcanfor. O candidato do PSOE, por exemplo, permítese o luxo de reprocharlle a Quintana a escolla de compañías e medios de transporte como se el fose quen de darlle exemplo ao nacionalista en calquera das dúas cousas. Quintana, pola súa parte, algo máis cauto en táctica bipartidaria, limítase a apuntarlle ao socialista que el nunca facerá de caixa de resonancia da propaganda do PP. Aí estivo moi fino o de Allariz.
Onde non anda tan espelido é en responder á difusión pública de que foi obxecto a súa cada vez máis visíbel inclinación a rodearse dos que teñen a tixola e van agarrando o mango tamén. Quintana non debería alporizarse tanto porque a prensa de dereitas publique as súas fotos no iate do patrón do Grupo San José. En realidade, esas fotos publícaas a prensa de dereitas porque non hai prensa independente senón sería esta a primeira en publicalas. Ademais, non levan tempo dicindo os do Bloque que hai que conquistar os empresarios galegos para a causa nacionalista? Pois aí estaba o seu líder facendo proselitismo en chancletas e calzón curto na bañeira do Espíritu del Xarey, bandeira española incluída off course.
A min faime gracia ás veces isto das bandeiras dos barcos de recreo. Algo teño navegado polo Mediterráneo, polo Atlántico e polo Caribe e sempre me atopei coa mesma experencia, fose en Lípari, no Rimini das Bahamas ou en Ibiza. Alí onde hai un ou varios barcos de gran luxo de españoles, son sempre os que levan a bandeira máis grande. Tan grande, ás veces, que parece talmente que a levan dese tamaño para evolverse con ela na popa cando arrecia a néboa.
Cando estaba empezando a autonomía e o daquela presidente Calvo Sotelo nomeou delegado do seu Goberno a Domingo García Sabell, ao seu cargo correspondíalle un coche oficial e mandáronlle de Madrid un daqueles Dodge-Dart que fabricaba a empresa que fora do ourensán Eduardo Barreiros. Rapidamente, García Sabell empezou a moverse nese coche levando unha bandeira que era dun tamaño notablemente superior ás que ondeaban no resto do parque móvil, ata que alguén lle fixo saber que as dimensión desa insignia estaban regulamentadas e había que adaptarse a elas. Nois iates dos novos ricos españoles pasa o mesmo case sempre. As bandeiras sempre son tan grandes que, dende lonxe, parecen unha vela máis.
Anécdotas a parte e volvendo ao happening electoral, eu sería partidario de que se institucionalizase o espírito inconformista que veñen manifestando estes días todos os representantes de cada forza política e que ninguén deixase pasar nin unha. Ata podía charmarse o espírito do Xarey. Que Pachi Vázquez fai obras na súa casa sen licenza, leña al mono. Que Louzán reparte postos de traballo á súa medida, sachazo na cabeza. Que Quintana engaña aos vellos e baila con eles (agora tamén vexo que lle gustan as noviñas), paraguazo. Touriño incrementa o seu parque móvil e o seu mobiliario, leñazo vivo. Comer non comeriamos máis nin mellor, pero rir habiámonos rir abondo.
3 comentarios:
Foder, cacho bandeira! E o nome do barco en español. E que fixo Quintana que non multou a Jacinctiño por non titular o seu barco en galego? estes do BNG actual sonche a hostia. Critican nos demais todo o que eles acaban facendo sempre.
O espírito do Xarey só é un: dos por dos uno, me llevo cinco.
Partindo da base irrefutable de que tódolos políticos son uns mangantes (igual que a xente á que se supón que representan), debo dicir e digo que estes do Bloque déronse presa en demostralo. Carallo se non ten mérito que en pouco máis de tres anos fixesen máis cacicadas que o propio PP, que ten (ou mellor dito: tiña) a patente. E ademais son coma Groucho Marx, aquel que dicía que estes son os meus principios, pero se non lle gusta teño outros. Si hai que facer negocios, fanse como é debido. Con bandeirón monárquico e coroa borbónica ondeando na popa. Que é, xustamente, o sitio polo que nos están dando a todos. Empezando polos seus forofos (perdón: seareiros).
Publicar un comentario