Tiven que ir aos diccionarios para averiguar que é esa credencia que di o ABC que pagou Touriño, é dicir, todos nós, 17.182 euros por ela. E agora que xa sei en que consiste, pois mira, o prezo será algo alto, pero o trebello paréceme do máis acaído para un presidente como o líder do socialismo galego. Copio do Gran Diccionario Xerais da Língua: “CREDENCIA s.f. 1. Mesiña que se coloca onda o altar para que o sacerdote teña a man o necesario para a celebración litúrxica. 2. Antigamente, mesiña ou aparador que contiña as bebidas e a comida para servi-los comensais". E vexa agora o lector o que di da palabra o Diccionario de la Lengua Española, editado pola Real Academia Española: “credencia. (Del lat. credens, -entis, creyente) f. Mesa o repisa que se pone inmediata al altar, a fin de tener a mano lo necesario para la celebración de los divinos oficios // 2. Aparador en que se ponían los frascos de vino y de agua de que, previa la salva, había de beber el rey o alguna persona principal. // 3. ant. cartas credenciales.”
Despois de darlles voltas a todas estas acepcións de palabra tan cultista como cativadora, coido que xa sei por que se fixo tan alta inversión na presidencia da Xunta. Touriño ou quen por el tomase a decisión de compra aplicou a acepción 2 do Diccionario da RAE: “Aparador en que se ponían los frascos de vino y de agua de que, previa la salva, había de beber el rey o alguna persona principal”. Aquí está todo explicado. Touriño aínda non é o rei de Galicia, pero persona principal si ca é. E non se ía facer a salva nunha vulgar mesa de piñeiro. Por certo, facer a salva significa probar a comida e a bebida dos reis e dos grandes señores para asegurarse de que non hai ponzoña nelas. No caso de Touriño quen será o arriscado que fai a salva? Porque a ponzoña coido eu que a poñerá o PP. Ou tamén o BNG?
1 comentario:
Home, don Perfeuto: o que fai Touriño e tirar salvas con pólvora do Rei, que ven sendo o eufemismo co que antigamente se aludía aos impostos (daquela diezmos) do contribuinte. Xa dicía unha vella sentencia china que canto máis pequerrecho é un gobernante, máis grandes son os atributos dos que se rodea. Pero non é único neoseñorito de cortijo que circula por España, aínda que se cadra si é o máis parvo. Miren, por exemplo, vostede e os seus lectores, a curiosa premonición sobre a apelido Bermejo que tivo Berlanga no seu coñecido filme "La escopeta nacional": http://blues-propicios.blogspot.com/2009/02/caramba-senor-bermejo.html
Publicar un comentario