Non sei case nada de Teoloxía, hai tempo que pasei a ser agnóstico (por aquilo de que “entre as cousas seguras a máis segura é a dúbida”) e os asuntos das igrexas tráenme máis ao pairo aínda cas omponendas dos partidos políticos que reparten o poder, pero preocúpame seriamente o que lle están a facer ox xerarcas da Igrexa Católica de España, co cardeal Rouco Varela á súa cabeza, a un home dos bos e xenerosos que se chama Andrés Torres Queiruga.
Coñézoo dende os tempos heroicos nos que Silverio Cañada, Xesús Alonso Montero, Paco del Riego, Basilio Losada e algún máis tivemos que loitar para sacar adiante a edición da Gran Enciclopedia Gallega, que daquela non foi Galega porque os tempos eran o que eran. Teño andado con el polos areais do seu pobo, Aguiño, e polas rúas de Compostela e sempre tirei de Andrés a idea de que é unha extraordinaria persoa que dedicou a súa vida a pensar e discorrer coa mente limpa, o corazón aberto e a física propicia ao entendemento. Ignoro se é un teólogo que vai pasar á historia pola súa orixinalidade ou un simple divulgador da sociorrelixiosidade e da fe dos nosos tempos, pero do que non dubido é de que Torres Queiruga é a persoa, de todas as que coñecín e tratei, máis semellante a aquel bispo brasileño de Recife que se chamaba Helder Cámara. E tamén o digo pola humildade coa que sempre se manifestaron os dous.
Tampouco sei se é un deses teólogos da liberación ou de que, pero cónstame que é un home da liberdade e do galeguismo. Basilio Ávarez e Castelao aprenderían falando con el. Rouco Varela coido que non, pola sinxela razón de que non o escoitaría. Se os escoitase, non andaría agora metido na trela de colgar no Índice a súa producción teolóxica.
Que pena que non entendan a Andrés Torres Queiruga os xerarcas da súa propia Igrexa. E máis magoa aínda observar que hai quen segue como na Idade Media, mandando á fogueira (menos mal que agora xa non pode ser con lume auténtico) os que non pensan coma eles. Mira ti por onde descubro que teño un amigo heterodoxo. Se volvese Menéndez Pelayo (e non Pidal, grazas Araguas pola corrección) tería que ocuparse del.
8 comentarios:
Vaia por diante a comprensión do malestar que unha persoa como Torres Queiruga pode sentir con respecto ás decisións tomadas sobre a súa persoa. Quero entender que debe ser moi duro para un sacerdote, educado e formado nunha igrexa ou comunidade, verse agora rexeitado dela desta maneira.
Pero debería saber, mellor ca ninguén, como se las gastan dentro da xerarquía católica: non debería sorprenderse o máis mínimo. É máis: desde antigo debe aceptar que a vida dentro dunha casa (máis ben prisión miserenta) refractaria ás diverxencias ou ás opinións diferentes foi, é e será imposible.
Hai cousa de cincocentos anos, outros decidiron marchar, rachar con Roma, formar outras igrexas, camiñar por outros vieiros. Éso é posible: o imposible é seguir formando parte dunha igrexa que non é a túa, dunha igrexa que ademáis te bota á rúa con imprecacións e infamias.
Compasión (no sentido cristián da palabra) por Torres Queiruga, pero tamén benvida a este noso mundo laico, o único mundo posible de liberdade.
Bem longe estou das ideias de Torres Queiruga mas toda a minha solidariedade para ele, reconhecendo, aliás, que joga num campo bem fodido e com a equipa arbitral em contra
Menéndez Pelayo, Perfectiño, Menéndez Pelayo, e por certo que a "Historia de los heterodoxos españoles" sigue sendo básica. Aconsello a edición da BAC. E quero mandarlle unha aperta a Torres Queiruga, a quen non coñezo persoalmente (coido) pero seguín de sempre. Torres Queiruga, valente e rigoroso, dos que acreditan nunha Igrexa galega,sen dúbida precisa.
A mandar, camarada. Non a Don Msrcelino, pero si ao bedel que o axudaba a deitarse nas súas habitacións da Academia da Historia, na Calle del León, cando voltaba peneque, chegara coñecelo Dionisio Gamallo Fierros. Tan esquecido hoxe. Tan categórico no seu ensino peripatético e de cafés cheos de fume e de boureo. Con Dionisio, e Carlos Casares, alternara eu en noites de Mondoñedo, nun congreso que argallara Suso de Toro, alá polo ano 95. Vaiche boa. Don Ramón (Menéndez Pidal, en cambio, así chegou a centenario, non debía de ser borracho nin puteiro. Como Don Msrcelino, quen seica botaba canivetes (un dicir) co colo da camisa posto. Non lle fora entrar unha friaxe, digo eu.
"dos que acreditan nunha Igrexa galega,sen dúbida precisa".
Con todo o respeto, acredito en liberar-me de toda teoloxía, de Nazón ou non.
"dos que acreditan nunha Igrexa galega,sen dúbida precisa".
Con todo o respeto, acredito en liberar-me de toda teoloxía, de Nazón ou non.
Na miña opinión, naturalmente moi modesta, a tan anunciada nota condenatoria non se vai producir.
(Con independencia de que no non moi brillante sector do episcopado hispano máis asilvestrado nunca falte quen estea disposto a aproveitar calquera ocasión de meterse ata o pescozo nun lameiro, que esa é outra...)
Que se pode condear de Don Andrés e do seu pensamento...?
Boas noites a todos, amigos.
Esta condea, por vir de quen ven, non fai máis que aumentar o prestixo do Sr.Torres Queiruga.
Publicar un comentario