jueves, junio 25, 2009

Iravedra, un campión


Ás veces pregúntome que pasaría se non houbese quen publique polo menos algunha das cousas que sempre ocultan La Voz de Galicia e a maioría dos xornais editados en Galicia. Por exemplo, a noticia que publica hoxe El País sobre os conselleiros da TVG que repartiron entre eles 5,6 millóns de euros en cinco anos.
O que sucedería é que non nos enterariamos das tropelías que se cometen neste país dos ananos que se volveu patria de non poucas amoralidades. Estudie vostede, poño por caso, unha carreira difícil, saque notas extraordinarias, especialícese en física quántica, en física de partículas, en matemáticas ou en calquera outra cousa desas que non lle sirvan para presentar un programa de televisión ou facer de guía por Santiago e o máis seguro é que remate metendo dúas mudas nunha maleta e tomando o camiño da emigración cara a Xenebra ou Estados Unidos, porque aquí non pasaría o seu salario mensual dos límites mileuristas. Podía poñerlle nomes e apelidos a esta metáfora.
Pola contra, faga unha carreiriña calquera –ou mesmo sen facela–, enrólese na política do poder, faga o cafre canto queira –mesmo conducindo con algúns graos alcohólicos de máis– e, con algo de sorte e os apoios de rigor, pódelle caer a lotería de que o metan a vostede no consello da Radio e Televisión de Galicia e ingresará na súa conta bancaria unha suma parecida á que lles custa Xosé Luís Méndez aos clientes de Caixagalicia. Ou sexa, máis aínda do que gañan o presidente da Xunta e, dende logo, calquera dos seus conselleiros.
Que tén que facer para levantar esta millonada? É moi doado. Abonda con que vaia a algún enterro, a algunha conferencia sobre a enerxía nuclear na segunda guerra mundial, á feira do augardente de Portomarín, a varias enchentas gastronómicas, á inauguración ou clausura dalgunha feira ou ao pregón dalgunha asociación de belenistas. Isto polo menos é que lle procurou a Xosé Luís Iravedra, ex presidente provincial do PP de Lugo e conselleiro da RTVG, 553.020 euros en seis anos. Non está nada mal. E todo a base de engadir ao seu xa cuantioso salario mensual o cobro de 199 dietas por asistir a actos da máis diversa índole.
Este Iravedra debe ser o que se chama un hiperactivo. Convite que recibe, convite que acepta –especialmente cando llo remíten dende calquera actividade do Grupo El Progreso de Lugo– e dieta que carga nas contas da RTVG. No 2005, bateu o seu propio rércod facéndose pagar 152.132 euros. Triplicou o número de dietas presentadas polo conselleiro que lle sigue neste menester, Alfredo Conde, que cobrou 60 dietas, e multiplicou por 199 as dietas que cobraron os conselleiros do BNG, por exemplo. Todo un auténtico campión este Iravedra.
O consello de administración, que non se sabe moi ben para que serve, é o único órgano elixido polo Parlamento que estabrece o seu propio sistema retributivo. Os conselleiros cobran un fixo mensual de 2.700 euros, máis 250 euros por cada vez que asisten aos consellos e 150 por participar en cada comisión. Dous consellos ao mes polo menos e numerosas comisións e consellos extraordinarios que elevan os seus ingresos anuais a unha media de 80.000 euros. Na derradeira nómina do 2008, só Mar Sánchez –actualmente directora xeral de Comunicación da Xunta– ficou por debaixo dos 5.800 euros brutos, debido a que só ingresou 1.040 euros por comisións. Nese mes e no resto dos casos, as denominadas asistencias situáronse entre os 3.000 e os 5.160 euros.
Así calquera traballa unhos cuantos días ao mes. Un escándalo.

16 comentarios:

Anónimo dijo...

E Alfredo Conde, o malo, medalla de prata.

arume dos piñeiros dijo...

Se isto é tan evidente, que non ocorrerá noutros casos máis agochados?
Os propios, por exemplo, seica arrean. Estamos diante, claro está, da casta.
Só os blogs (aproveitando as debilidades, desexos de vendetta e outras miserias máis, nas que tampouco debe faltar a espillida indagación persoal do xornalista) poden contar estas cousas. Así non me estraña que a xente acude aquí para enterarse.

manel vazquez dijo...

vergoñento. a política non pode estar pagada, por máis que cobre un político esto non garantiza unha xestión eficiente.

Anónimo dijo...

Vale, os políticos non son todos iguais, tampouco son guais, pero hai algúns que son puritos ladróns, puros delincuentes.

Se esta non é unha boa razón para se abster nas elecións, agardemos pola siguiente, que será semellante.
Claro, tamén hai razóns para votar, canto menos a Mario López Rico, que non trincou, cousa que honra a esta persoa.

Pola miña anónima banda, non penso votar nen espetado coma o carneiro morañés.

Anónimo dijo...

Para cando listas abertas?

Anónimo dijo...

Iso, iso, para cándo listas abertas... en canal.
Hoxe declara Pachi Vázquez (que tería difícil sair elexido polo procedemento antes citado) no mesmo xornal, "El País", que este lío é "un problema de modelo, no de partidos. Todos los grupos sabemos que hoy no tenemos el mismo modelo de vida que hace tres o cuatro años. Ahora toca apretarse el cinturón y ser austeros".

Ben, un pode ser máis sinvergonza, pero non máis necio. Ou sí, que diría Rajoy.
Sabemos moi ben que isto é o Chocolate do Loro, ou iso andamos a comentar nas tabernas.
Vale.
Pero a imaxe de sinvergonzas e de ladróns finos e engarabatados, a cuberto sempre grazas ás leises e os aparellos dos partidos políticos, exemplifica ben o grao de apodrezemento ao que temos chegado.
Italia, que para estas cousas é un exemplo a estudar nas escolas secundarias, tardou moitos anos en enmerdar-se, e non aconteceu da noite para a mañá a desaparición das anteriores Repúblicas, a desaparición da Democracia Cristiana (Cristiana!!, vaia cara), e do Partido Socialista (Socialista, polos Cravos de Ángel Cristo!!).
Acó, nesta esquina sen AVE, imos a caneiro cheo, como foguetes, cara á desfeito total.

Anónimo dijo...

Precisamente porque somos unha autonomía máis pobre que as demais, temos unha poboación envellecida e máis dispersa, e porque aínda temos a moitos dos nosos efectivos na emigración, por todos estes motivos tiñamos que gastar mellor os recursos cos que contamos.

Anónimo dijo...

Certamente a "realidade" dende o punto de vista dos xornais galegos e ben distinta da realidade da rúa. O problema é que xa ningúen se sorprende.
Onte falaban do premio ó seu amigo Carlos G. Reigosa, enchéndoo de loubanzas, mentras noutros eidos decíase que a novela presentada ó premio como creación de literatura galega non é mais que unha traducción do castelán. Se así fose a min pareceríame un fraude. Un mais nesta sociedade nosa que certamente vai aceptando as corruptelas sen mudarlle a cara. O Bárcenas segue a ser o tesoureiro do PP, ó Pachi e as súas obras, o Agustín e as súas, os negocios do irmán do conselleiro de Industria do BNG,as contratas do BNG con as súas empresas...,non importa que unha novela que non vai pasar á historia, se non consegue optar a premio maior, sexa traducida o galego, que ten premios mais doados. Sálvanse os cataláns, non corren o perigro de que, a lo menos esta novela, sexa traducida o catalán para competir alí noutro premio calquera. Descoide, alí o nível fica mais alto.

arume dos piñeiros dijo...

Amigo Perfecto: este pode ser un libro interesante: Magistrati. L'ultracasta.

Pepote Carregado dijo...

A caneiro cheo, si. Unha dieta para merendiña ao que adiviñe o autor do libro de título homónimo.

Anónimo dijo...

En esta eterna transición "democrática" desde fai unha morea de anos, a cantidade de chourizos, ladróns e canallas se voaran sempre tiñamos o ceo cuberto tódolos días do ano. Entre a dereita que nos goberna e os da caverna van a rematar con todo.
Listas abertas xa e rexeneración desta farsa democrática dunha puta vez.
Temos unha clase política mediocre e chouriza, e coa que está caendo manda carallo na Havana e para máis INRI os que gobernan votaron abaixo o de cobrar máis impostos aos máis ricos, a pagar os paganos de sempre para estes ladróns e por riba aínda lles dan millóns ao bancos. Dan gañas de coller unha escopeta e liarse a tiros con eles.

Anónimo dijo...

A caneiro cheo: autor, Luís González Tosar, alcumado Che.
Envie-me o premio á caixa de correios 997 de Santiago de Compostela.

Pepote Carregado dijo...

Xa lla estou mandando antes de que veña o propio a papala.

Anónimo dijo...

Alfredo Conde, 60 dietas en catro anos: 1,2 dietas cada mes...¿Medalla de prata?

Anónimo dijo...

Vale.
Medalla de ouro, medalla de prata... e hoxe medalla de bronce (según podo tirar da noticia de "El País de Hoxe, 29 de xuño) para o BNG e as súas empresas satélites montadas por dirixentes e militantes do pupurri nacionalista, atrapando nas Consellerías que comandaban.
Non, se isto cheira pior que Italia e Guinea Ecuatorial xuntas.

Anónimo dijo...

Ainda non chegamos os niveis de Italia, pero tendo como temos xente competente traballando nelo, non demoraremos moito.
Cando chegou o bipartito ó Goberno sorprendeume que tomaran a decisión de non mirar debaixo das alfombras. Hoxe os do PPdG amagan co dossier pero ainda está por ver que leven algunha denuncia adiante. Iso, que empeza a parecernos normal,non é mais que a evidencia escandalosa de que pensan facer o mesmo. ¿Non é unha obriga denunciar o delito? O que cala ¿non se convirte en encubridor do mesmo delito?