
A biblioteca que lle vendeu Xesús Alonso Montero á Xunta vai camiño de converterse en algo parecido á de Alexandría, pero con máis manipulación política. A Carlos Aymerich, voceiro do BNG no Parlamento, non lle importou dala por desaparecida e non pedíu de milagre que se puxera a buscala o CSI do bipartito, e o xornal La Voz de Galicia tampouco dubidou en darlle curso á trécola levado seguramente pola súa actual teima de arrear sobre todo o que se move na capital de Galicia.El Correo Gallego, xornal de Compostela que sempre se distingue por seguirlle a corrente a quen está no poder, tardou só unhas cantas horas en publicar o lugar onde están os libros, manuscritos, documentos, xornais e revistas de Alonso Montero. En total, arredor de 17.000 –máis publicacións periódicas que libros– e están convenientemente gardados no Centro Superior Bibliográfico de Galicia, que ten a súa sede no número 61 da rúa compostelá do Horreo, a moi escasos metros do lugar parlamentario dende o que se pronunciou Aymerich con máis vontade de largar o que fose que de manter o rigor que deberían comprender as súas palabras cando fala ex catedra. Dase a casualidade que o Centro Superior Bibliográfico de Galicia depende da Consellería de Cultura, departamento que dirixe Ánxela Bugallo. Polo tanto, tan difícil lle resultaría ao deputado, tamén nacionalista, averiguar que pasaba e onde estaba a biblioteca de Alexandría, digo de Alonso Montero? Non sería que Aymerich preferíu disparar ao ar e ver se lle caía algo na cabeza ao vendedor dos libros, que sempre foi e segue sendo un personaxe co que os do Bloque parecen pasalo ben poñéndoo na picota?
Por se houber moitas dúbidas para responder a última pregunta, Carlos Aymerich, máis que embainala cando se víu desmentido radicalmente pola realidade, o que se lle ocurríu foi abanear novamente a espada dicindo que hai que responder á pregunta de por que se compraron eses libros. Pois que se responda. A iso e a todo o que faga falta.
Non é que queira deixar en evidencia o voceiro do Bloque, pero o que el non atopou tan preto de onde se move normalmente a súa vida política, decubríuno Croques só con cruzar a rúa. Os libros, as revistas, os documentos, os manuscritos e os xornais que perteneceron a Alonso Montero e que foron adquiridos con destino á futura Biblioteca Nacional galega están perfectamente clasificados e almacenados á espera dese destino, gardados en caixas de cartón. Unha delas aparece na fotografía. A inscripción AM quere dicir Alonso Montero e os números corresponden aos exemprares catalogados que están dentro dela.
Anda que como as investigacións parlamentarias sexan tan curtas e tan veraces coma que levou a cabo Aymerich –e deu pr boa La Voz de Galicia– sobre os libros de Alonso Montero, aínda habemos ir aviados.































