martes, octubre 02, 2007
O debate da autonomía estaba en Mugardos
Mulleres de Mehá pcehadas no Concello de Mugardos.
Achegueime ao Parlamento, cando xa pasaba da unha da tarde, pensando en que aínda podería escoitar algo do debate sobre o estado da autonomía. Resulta que xa marcharan todos comer. Ata o bar estaba case baleiro. Só quedaban, nun recanto da barra, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o o xornalista Anxo Luxilde, que estaban conspirando sobre algo a xulgar pola cara que poñían cando miraban a ver quen entraba pola porta.
En vista do éxito, collín o coche e tirei cara a Mugardos. Propúxenme facerlles unha visita aos veciños de Mehá que hoxe cumpriron 71 días de peche na Casa do Concello para pedir que non lle dean a Reganosa a licencia definitiva para operar dende o centro da ría de Ferrol. Onda eles os horarios non son os do Parlamento. Chegues á hora que chegues, sempre están alí. Co soriso aberto a quen os vai ver e animar, e coa vontade moi firme de resistir ata vencer na súa loita para que a planta regasificadora, que nunca debeu existir no lugar onde foi instalada, sexa trasladada canto antes a outro sitio no que non faga tanto dano.
Mentres fun e volvín, escoitei Radio Nacional de España, Radio 5, que deu en directo o desenvolvemento da sesión parlamentaria. Pareceume unha regueifa de afeccionados. Touriño aburrido e prevísibel ata o campionato. Quintana, inefábel e casqueiro. Algo máis no seu papel, o líder da oposición. Feixóo polo menos logrou ser o polo de atracción dos discursos dos demais. Estivo acertado cando lle dixo a Quintana que o que estaba pasando non era un debate sobre o estado da autonomía senón sobre o estado da oposición. Non tanto Quintana cando lle dixo a Feixóo que levara no seu programa electoral o traslado de Ence fóra de Pontevedra. Menos mal que ao do PP non se lle ocorreu responderlle que levara el no seu o traslado de Reganosa fóra da ría de Ferrol.
A nota de cor humana púxoa o voceiro do BNG cando contou que na súa vila vive un amigo seu que adoptou dúas nenas rusas. "Levan seis meses en Allariz –dixo– e xa falan o galego mellor ca min". Como se fixera falta máis tempo para falalo mellor ca el e ca Touriño, vaia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
No fai falta estar de acordo con Perfecto Conde: boa crónica a de o día de onte. Sálelle a vostede o oficio xornalístico polos catro costados. Xa estou vendo a Perfecto, co sorriso retrancudo, vindo de Mugardos, escoitando a radio, poñendo a ferver a crónica.
Boa aportación tamén a do López que lle fai dibuxos ¿Quén carallo é López?
E ben certo, digo eu ¿quén carallo é López?
Publicar un comentario