jueves, octubre 25, 2007
O Far West de Vigo
Algo preocupante está a pasar coa Policía Local de Vigo para que non sexa a primeira vez en que varios membros do seu corpo se ven involucrados en supostos –e, nalgún caso, probados, xulgados e condenados– atropelos dos dereitos civís das persoas. Agora é o matrimonio formado polos bolivianos Lizbeth Castro Brutón e Samuel Luján quen denuncia coacción, agresión e racismo supostamente exercidos contra eles por parte de varios membros desta policía, o pasado día 13, cando estaban atendendo o bar que rexentan no número 135 da rúa Urzaiz. Pero hai dez anos catro membros da mesma Policía Local (Celso Alonso Blanco, Sebastián Fernández Estévez, Elena Fernández Bouzas e Xoán Manuel Pérez Rodríguez) foron condenados por unha sentencia que rematou confirmando o Tribunal Supremo por deter ilegalmente e lesionar o inmigrante Mamadou Kane o 16 de marzo de 1997.
Cando estes policías cometeron os delictos que os levou ao cárcere era alcalde de Vigo o conservador Manuel Pérez, quen non dubidou en poñerse do seu lado para defendelos. No momento de ser ratificada a condena, a alcaldía de Vigo estaba rexentada polo nacionalista Lois Castrillo, que firmou o decreto de destitución dos catro. Sendo alcalde, o socialista Ventura Pérez Mariño solicitou o indulto para os condenados e foilles concedido parcialmente, polo que os catro axentes que foran condenados a penas entre dous e catro anos de cárcere solicitaron o reingreso na Policía Local que lles foi concedido a comenzos do ano pasado mentres gobernaba a cidade olívica a conservadora Corina Porro.
Contra a petición de indulto manifestáronse sete asociacións de inmigrantes considerando que non se trataba de levar a cabo un acto humanitario senón de crear “un ambiente social de impunidade ante os tremendos delictos cometidos”, e baseándose en que os axentes condenados “nunca demostraron un arrepentimento público”. Esta opinión foi sustentada por Argentinos en el Exterior, Centro Cultural Cubano en Galicia, Uruguaios polo Mundo, Asociación de Inmigrantes Colombianos en Galicia, Asociación de Inmigrantes Marroquíes en Galicia “Eljir”, Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego e Asociación Galega de Emigrantes Retornados. Pola contra, o presidente do comité de persoal do Concello de Vigo daquela, Antonio Juste, sumouse á petición de indulto plantexada polo alcalde Pérez Mariño.
Todos estes feitos non evitaron que os grupos municipais vigueses lle concederan por unanimidade a medalla de ouro á Policía Local co gallo de celebrarse o 125 aniversario da súa fundación. Quizais para disimular tamén lle concederon a mesma medalla á Rede Veciñal contra os Malos Tratos.
Caso Mamadou Kane
Segundo datos que foron analizados por Amnistía Internacional, Mamadou Kane, procedente da rexión de Touba, no Senegal, levaba dez anos vivindo en España e dispoñía de permiso de residencia. Vendía mercadorías polas rúas e nas praias. A súa residencia estaba en Vigo, pero cada ano viaxaba a Senegal durante o inverno para ver a familia. En xullo de 1996, foi detido por axentes da Policía Local e acusado de desbodiencia á autoridade en relación coa venda ambulante que estaba facendo. A partir de entón, sufríu acoso desa Policía que lle pedía constantemente os papeis de identidade. O 16 de marzo de 1997, arredor das cinco e media da tarde, Mamadou atopábase na praia de Samil falando con outro senegalés e con dous españois cando dous axentes da Policía Local foron pedirlle os papeis. Contestoulles que tiña permiso de residencia e de traballo, pero os policías dixéronlle que lles mostrara o documento de identidade ou o pasaporte, e non os tiña con el.
Os policías chamaron un coche patrulla, que se presentou con outros dous axentes. A Mamadou fixéronlle sentarse na parte traseira do coche, entre os dous primeiros policías. Dixéronlle que o levaban á Comisaría da Policía Nacional que hai na rúa López Mora para identificalo. En vez de tomar esa dirección, o coche policial foi cara a Beade e, dende alí, dirixíuse a unha zona boscosa que está preto do campus universitario vigués, en Marcosende. Segundo declarou Mamadou Kane, cando lles preguntou por que o levaban a aquel sitio, un dos axentes berroulle a seguinte frase: “Tú te callas, nosotros somos los que mandamos, gilipollas”.
Acto seguido, os dous policías locais que ían con el no asiento de atrás empezaron a darlle puñadas . Os outros dous aproveitaron o tempo para dirixirlle insultos como “negro de mierda”. Un deles mesmo lle dirixíu a seguinte frase escatolóxica: “Vosotros sois una mierda. El gobierno español tiene toda la culpa por dejaros entrar en el país. Marchaos para vuestro país y mataos entre vuestras tribus”. A detención ilegal durou arredor dunha hora, e Mamadou chegou e ter medo a morrer porque os axentes tamén amezaron con matalo.
Finalmente dixéronlle que o ían levar á súa casa, pero o detido insistíu en ir á Comisaría para presentar denuncia. Dixéronlle que, se o facía, sería explusado de España. Porén, levárono á rúa López Mora, onde chegou preto das sete e cuarto da tarde, e alí comprobouse que o seu permiso de residencia estaba vixente. Os policías locais pediron que fose rexistrado por venda ilegal de mercadorías no paseo de Samil, negativa a identificarse e alteración da orde. Logo puxérono en liberdade e foi para a súa casa. Horas despois, coa mediación de avogado, presentou denuncia xudicial e no hospital Xeral-Cies foi sometido a un recoñecemento médico que constatou a existencia de constusións nas costas e na cabeza.
Logo da detención ilegal e dos malos tratos que recibíu, Mamadou Kane vivíu con medo a que lle volvese pasar algo malo. Sufríu constantes cefalalxias de orixe nervosa e non podía saír á rúa se non era acompañado. A Policía Local negou tallantemente os feitos, pero varios testigos corroboraron a denuncia de Kane. O Concello de Vigo non quixo tomar medidas disciplinarias contra os axentes a pesar de que un deles xa tiña antecedentes penais.
O 19 de abril de 1999, a Audiencia Provincial de Pontevedra condenou os catro policías a penas de cárcere por detención ilegal e a dous deles, ademais, por malos tratos, pero non atopou abondas probas para condenalos por comportamento xenófobo. Un dos axentes foi condenado a catro anos de prisión, e os outros tres a tres anos de cárcere. Tamén lles foron impostas penas de entre 8 e 10 anos de inhabilitación absoluta e a pagarlle a Mamadou Kane unha indemnización.
O 18 de xuño de 1999 foi recorrida a sentencia, e o 12 de xullo de 2001 definitivamente ratificada polo Tribunal Supremo, que non admitíu que puidera probarse a circusntancia agravante de motivación racial. En defensa dos policías condenados, o alcalde sostivo que os catro ou cinco casos de malos tratos documentados daquela, publicados pola prensa, non representaban un número excesivo e que os que criticaban a conduta dos axentes estaban creando un clima de hostilidade. O Concello seguíu negándose a a estudiar medidas disciplinarias, a pesar de que un dos axentes condenados xa fora retirado varias veces do seu posto e pasara polo cárcere.
Porén e segundo informacións daquela época, o caso de Mamadou Kane non constituíu supostamente un caso illado en Vigo. Outros africanos, entre eles varios senegaleses, foron vítimas de prácticas policiais irregulares denominadas “o paseíllo”, levadas a cabo pur unha minoría moi determinada de axentes da Policía Local contra vendedores ambulantes. En 1996, un xuíz absolveu a un destes vendedores por considerar xustificada a resistencia que ofreceu contra unha detención ilegal perpetrada por oito policías locais.
Está en Vigo o Far West? E non me refiro ao de Billy the Kid.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Un verdadeiro escándalo e unha vergoña intolerable o da Policia Local de Vigo. E que todos os políticos -de todas as cores- miren para outro lado ou sexan cómplices, dá auténtico noxo democrático.
Isto acontece e está acontecendo por unha morea de causas.
1º.Sábese moi ben a quen meten na poli, que méritos e profesionalidade teñen.
2º-Cando os collen en delito "in fraganti" para certos xuíces lle vale máis a mentira que diga que mil verdades do paisaniño.
3º-Teñen unha prepotencia e abuso de autoridade, porque os políticos están ao políticamente correcto e os polis collen moita manga ancha, "leña al mono".
Diálogo de Besugos:
-Oes "mi cabo, dámoslle unha tunda a ese paspán, total temos aos xuíces, as mentiras e aos políticos conosco, é non hai problema.
-Bueno lojo, dalle unhas ostias, aínda que teñamos algún que outro problema e denuncia, amenazamos a súa dona e se fai falla aos seu fillos, xa verás como calan.
Fin do diálogo.
Publicar un comentario