sábado, septiembre 29, 2007

San Alfredo caga sentencias


Onte pasei o día por terras de Carnota. Fun con Alexandro Diéguez, Xavier Babé e Manuel Lara ver un barco que se vende logo de padecer un naufraxio, e aproveitamos para comer magnificamente en Casa A Pila, que está no Carballal, ao lado mesmo de Lira. Manuel Lara, probabelmente quen máis sabe agora mesmo da evolución industrial que foi experimentando Galicia ao longo dos anos, levounos polo miradoiro de Loureda para que descubriramos a beiramar esplendorosa que aparece de repente ao saír dunha curva no alto do monte. O sol, os percebes de Lira e o bo ribeiro de Antonio Montero, sen esquecer o cabracho e o ron de Caldas, axudaron esplendidamente a que o día fose proveitoso e satisfactorio.
Non tiven tempo, polo tanto, de ler a Alfredo Conde, onte revestido polo que me contan en San Alfredo caga sentencias contra acusados anónimos. Parece ser que o sol de outono e as uvas de collón de bispo fixeron do literato de Allariz –ese do que os escritores din que é político e os políticos chámanlle escritor– unha avelaíña que vai arredor do candil que máis quenta. Xa reposto por desgraza da resaca carnoteña, entérome lendo a Marcos Valcárcel –aquí o que non se chiva é chivo– de que son eu o obxecto da facundia do trebón que vai no vento. Di San Alfredo caga setencias que "dende un blog non entenderon nada" e sostén Valcárcel que ese blog é Croques. Síntoo por El Correo Gallego, pero a partir de agora a San Alfredo caga sentencias hei lelo sempre, en edición anotada, nas Uvas na solaina. A ver se así logro entendelo.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Cando menos semella que nos lemos entre os dous: o cal non é mal comezo. Permítame engadir o meu comentario ó artigo de A.Conde:

"Este artigo tiña que figurar aquí co meu agradecemento a Alfredo Conde no que significa de apoio xeneroso. Fai referencia tamén a un intercambio dialéctico entre blogs que eu non busquei: non desexo ningunha guerra de blogs con Perfecto Conde e estimo o seu traballo, tamén nos Croques.
Ademais diso, polo estilo e por todo, é dos mellores artigos que lembro do autor ourensán. Graciñas."

Nel queda ben claro, creo, que non hai pola miña banda ningunha intención de abrir unha guerra de blogs e sinto que vostede se sentise amolado por un comentario anónimo aparecido nas Uvas xa hai bastante tempo. O meu blog ten unhas normas moi concretas que foxen dos ataques persoais (outra cousa son os argumentos políticos) e creo que vostede, polo que teño visto, comparte estes criterios. Xa que logo, calquera discusión é posible, sen perder as formas.
Máis nada, un saúdo cordial.
Marcos Valcárcel

Anónimo dijo...

Non só asemella senón que e é verdade. Pola miña parte léoo a vostede, ademais, con moito gusto e saco proveito intelectual e moral das súas escritas. Estea, pois, seguro de que me pode contar entre os seus admiradores aínda que non sempre estea conforme co todo o que vostede predique ou simplemente diga e escriba. Algo que felizmente é consubstacial ao mundo que nos toca vivir.
Do que me di de que eu me sentín amolado por un comentario anónimo que apareceu nas Uvas, debo dicirlle que no foi para tanto. Se algo aprendín na miña xa longa –que non aínda longuísima eh!– vida é que os que dunha maneira ou de outra respiramos o ar libre temos que acaernos as verdes e as maduras. Eu non son dos que vexo insultos en todas as palabras. Atopo, máis ben, definicións. E procuro navegar con elas e entre elas.
Considere,logo,que calquera discusión é posíbel entre nós. E ata é bo e necesario facela. Sen perder as formas, como di vostede, aínda que eu sonlle ás veces algo túzaro e non me importa perdelas algo se con iso se chega máis á esencia.
Eu tamén lle mando un saúdo moi cordial. E agradézolle enormemente que se teña dirixido a min.
Perfecto Conde

Anónimo dijo...

Todo ten arranxo doado ante unha boa e xenerosa mesa convenientemente regada cun bo viño, amigos.

Marcos Valcárcel é unha boa persoa, ademais dun gran xornalísta. Perfecto Conde é único: un extraordinario xornalista curtido en mil batallas, pasadas, presentes e futuras, con ese punto exacto de "mala uva" que o singulariza e que a min tanto me gusta.

Convidaríaos eu aos dous a un opíparo manxar se non andase tan mal de penunio, que apenas chega para os meus propios vicios.

Saúdos.

Anónimo dijo...

Debería dicir "pecunio".

Anónimo dijo...

Rectifico. Convidaría aos tres: Valcárcel, Conde (Perfecto) e Conde (Alfredo).

Xente de mundo, xente de boa mesa!

Anónimo dijo...

Acepto gustosamente o convite que nos fai Apicultor aínda que propoño que sexa a pagar a "escote", cada un o seu como en Ribadeo, que algo teño que ver eu con esta terra.
Elixa, pois, armas e campo, Apicultor, e que non sexa un apiario, que a min mátanme as picaduras de abella.
Estou ao seu dispor.
Perfecto Conde

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Para mín que ao amigo Apicultor a escoita continuada, por esta orde, de chanson francesa, Bruce Springsteen, carole king, simon and garfunkel, CSNY (xuntos e por separado) deulle un punto de sentimentalidade que é ben de agradecer. Se o pecunio de Apicultor anda escaso, eu podo subvir (dise así?) o gasto, con tal de que sexa para maior gloria da cordialidade e das civilizadas maneiras nestes tempos que corren. Apicultor, conte conmigo para tan noble mester.

Anónimo dijo...

Boas tardes a todos.

Eu son amigo de Don Perfeuto, de Don Alfedro e -aínda que o trato menos- atraveríame a dicir tamén que de Don Marcos.

Xente, toda, moi necesaria para o noso país.

(E moi querida por min, se me permiten a confidencia)

Será tan difícil entenderse...?

Almiral Mouchez

Anónimo dijo...

Por min que non quede. Hai necoriñas? Se non póñoas eu.
O Im-Perfecto conde