viernes, septiembre 07, 2007

Losada debería irse a Bímini


Hai que dicilo dunha vez e claramente. O bochornoso espectáculo no que acaba de derivar o affaire Atón Losada é digno dun Watergate á galega, é dicir, constitúe un Losadagate, palabro que non cómpre traducilo por porta lousada senón mellor por osadía dos gatos ou algo así.
Logo de ler hoxe en El Pais o extracto das sucesivas chamadas telefónicas que fixo o agora ex secretario xeral da Vicepresidencia a profesionais e responsábeis da redacción da TVG, entre o 17 e o 19 de agosto pasados, o único que se lle ocorre a un é levar as mans á cabeza malia a que o xornal independente da mañá suprimíu, polo visto, as expresións malsoantes deste Hugo Chávez de licor café. ¿Pero en que cabeza andivemos os xornalistas durante estes dous anos en que, polo que agora se descobre, Quintana promoveu o túzaro capaz de dicirlle a alguén o que lles dixo Losada aos da telegaita? A quen lle poda parecer esaxerado o que estou dicindo aconséllolle ler de vagar a transcripción das palabras pronunciadas polo alto cargo que agardou a que pasaran catro días da entrada en vigor do aguinaldo quince veces milenario en euros para que se formalizara o seu cesamento-dimisión.
Un pensaba que xa estaba curado de espantos dende que se vivíu a tormentosa etapa de Goebbels-Pérez Varela e Strauss-Fraga, pero demóstrase unha vez máis que a realidade supera sempre a imaxinación e que a historia volve a repetirse cando non se lle presta a atención debida. De quen é capaz de dicirlle aos xornalistas dunha televisión pública, dende a poltrona que lle pagabamos os contribuíntes, que non estaban autorizados a utilizar a imaxe do vicepresidente da Xunta, sendo como é profesor de Dereito (Losada, non Quintana), só cómpre pensar que ou acababa de fartarse de licor café, bebida horripilante, por certo, e da que só fan alto consumo os plays-boys que levan o alcume desa brebaxe, ou é alguén que tén nos seus miolos a mesma imaxe do xornalismo e dos xornalistas que tiña o ex director do xornal fascista El Imparcial. Sendo isto moi grave de por si, éo aínda maís se no arguído, palabra que tomo do procedemento civil portugués, coinciden as circunstancias de ser algunha vez egrexio predicador de progresismo en tribunas cacarexantes da modernidade e alma mater do pretendido –e cada vez máis esquencido– cambio político galego. O aceno de censura e humillación co que quixo someter Antón Losada a un grupo de xornalistas da televisión pública só é propio dunha ditadura bananeira que non teña só perdido o norte senón tamén a propia brúxula.
Dito isto, tamén hai que considerar as cisrcunstancias nas que se produce o fenómeno, que non son unicamente as que corresponden a catro días despois da entrada en vigor do aguinaldo funcionarial. Pregunto, por exemplo, ¿sabía Quintana da existencia e do contido deste intervencionismo telefónico? ¿Coñecíao Touriño? Se a resposta fora que si, ¿por que non cesaron inmediatamente a autoridade deste Pérez Varela de esquerdas? E no tocante a TVG, ¿por que non denunciaron antes os xornalistas e responábeis da televisión pública o atropelo a que foron sometidos? E, antes mesmo, ¿por que grabaron o que lles dicía un compoñente do Goberno galego e gardaron a proba para sacala cando máis lles cumpríu? ¿Está habendo espionaxe entre as dúas patas do Goberno galego? Posto a preguntar tamén me gustaría saber se o xornal que agora fixo esta importante labor de hixiene política, dando a coñecer as conversacións de Losada coa TVG, agardou a que este caera en desgraza para darlle no lombo ou sucede simplemente que as publicou cando tivo coñecemento delas. Sabendo como sei da respectábel profesionalidade do xornalista que dirixe a edición galega de El País, Félix Monteira, e sen que aínda llo preguntara, atrévome a soster que só pode ser real a segunda hipótese.
Vaia, que se eu fora Antón Losada, procuraría atopar unha noiva no Caribe para desaparecer con ela varios meses. Recoméndolle a illa de Bimini. Só hai pescadores e algún contrabandista, e está a vinte minutos de vó de Miami. As praias son paradisíacas, a langosta está comestíbel e o meu amigo Luigi, que rexenta un dos mellores restaurantes, sabe de viños e ofrece conversación agradábel e intelixente. Podo recomendalo. Non tén maís ca chamarme.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Ti non te reprimas. Leña ao mono. Pero dalles a todos os que o merecen, e non só a Antón Losada, que parece que lle tés manía.

Anónimo dijo...

Que malta de bandallos que din os nosos veciños do sur. Espero que non todos os do Quintana sexan coma este túzaro arroutado.Como gañen estes haberá que fuxir e vostede Sr Conde, probablemente un dos primeiros...
Ega

Anónimo dijo...

Home, dacordo en todo, mais non se me meta con licor café, sobre todo co de Berán, que non vexa o bo que está.

Anónimo dijo...

Realmente crees que o BNG é un partido de esquerdas?. A min sempre me resultou sospeitoso que pactase con CiU e co PNV, tan carlistas eles, pero agora vendo estas actitudes cos medios informativos de Losada como punta de lanza.
Véñenme á memoria tamén as zancadillas que tratou de poñer o BNG pasándolle a mán ó EX-alcalde pepero tránsfuga Enrique Fernández, precisamente firmando convenios en período electoral. Zancadillas electorais lóxicamente dirixidas ó PSdeG-PSOE que hoxe goberna con maioría absoluta na túa Pontenova, como ti ben sabes, os pontenoveses somos moi "pacientes" pero tamán sabemos moito.
Saúdos

Anónimo dijo...

Deixando claro que as formas e de Losada non son aceptables, no tema do fondo hai moito que falar.
Se se le a "charla" con calma, a postura de Losada pode resumirse:
Vos non lle dades cancha ao Vicepresidente, facedelo adrede, e por tanto non quero que o saquedes en ningún caso (Todo esto aderezado cos tacos pertinentes).

Que se chegue a este extremo creo que é a noticia. Do que habería que falar é de se é certo o que Losada di.

Por último, que se grave a conversa dun alto cargo do Goberno non me parece normal. Primeiro dubido que sexa legal, pero ademáis vai provocar a paranoia, xa vexo a todo mundo falando en clave, intentando interpretar o discurso dos outros, etc. Como no franquismo.