lunes, septiembre 03, 2007

Pérez Varela, o amigo de Tejero e García Carrés que fundou a Cidade da Cultura




Escribía eu hai ben pouco que era de supoñer uha rentrée quente para comenzar o novo curso, e reitero o dito. O que non fun capaz de adiviñar é que Xesús Pérez Varela, alias Goebbels e Carmiña Burana, tamén ía protagonizar estes días a súa persoal e intransferíbel volta á actualidade. Fíxoa nas páxinas do seu querido xornal El Correo Gallego cunha carta aberta que apareceu publicada por partes nas edicións de onte e de hoxe.
Dí este portentoso personaxe da política galega que está “orgulloso de participar no proxecto da Cidade da Cultura” porque “é e será unha icona de Galicia nos anos vindeiros”. Segundo el, “dese extraordinario complexo arquitéctónico, premiado en todo o mundo, sentíranse orgullosos todos os galegos en xeral e, moi especialmente, os santiagueses”.
O que exerceu de xornalista favorábel á intentona golpista do coronel Tejero cando diríxia o xornal madrileño El Imparcial pontifica agora dicindo que “a Cidade da Cultura foi, é e será un símbolo da modernidade de Galicia, un espello no que poderán verse con orgullo xenaracións vindeiras e, sobre todo, será o aval que sostén e consolida o avance político, económico e social da nosa terra nos últimos vintecinco anos”. Para que non lle quede nada por dicir, engade que “só os duros de corazón ou os que prefiran unha Galicia rural e atrasada poden estar en contra dela" (da Cidade da Cultura of course).
Pérez refírese ao que el chama “reconcentrados nemigos do proxecto” dicindo que son “poucos e coñecidos”, algo que acae perfectamente cos vellos costumes do personaxe, que sempre foi moi dado a confeccionar listas de amigos e nemigos (lembrémonos de cando mandou facer unha lista de xornalistas fervorosos e contrarios do réxime de Manuel Fraga, por exemplo). O que non entendo ben é que quere dicir con ese calificativo de reconcentrados.

Carmiña Burana
Os que coñecemos a Pérez Varela dende hai moito tempo sabemos da súa tendencia a confundir churras con merinas (seguramente el diría meninas), pero non nos dá tregua no canto do asombro. Confundir a colección de cantos goliardos dos séculos XII e XIII que utilizou Carl Orff para compoñer a cantata que leva ese nome, cunha inexistente cantante galega que el bautizou como Carmiña Burana, pódese comprender se un fai o esforzo de asimilar que poda chegar a conselleiro un egrexio representante da cultura galega coma este protexido de Fraga, pero anda que confundir a Encarna Otero, a do Bloque, con Encarna Sánchez, a falecida locutora da Cope… ¿En que estaría pensando Goebbels Varela? ¿Na Pantoja? Causa quizais menos sorpresa que confundira o arquitecto Gerhy cun inexistente Gheri, aínda que me fai pensar que o home que tanto peito –e proveito– sacou polas novas tecnoloxías non as practica moito posto que unha simple pasada pola Wikipedia abondaríalle para non cometer este erro.
O bo do caso é que xa son dous os que están orgullosos da Cidade da Cultura. Manuel Fraga e o seu discípulo Pérez Varela. O primeiro tamén se mostrou orgulloso de ser o pai de Reganosa. Aló el. Non hai dúbida, a este par de pais da patria galega gústanlles as cousas que dan moito que falar.

Amigo de Tejero e Milans del Bosch
Por exemplo, a Pérez Varela gustábanlle Antonio Tejero Molina e Jaime Milans del Bosch y Ussía, que tamén deron moito que falar. Escribindo e dirixindo o xornal progolpista El Imparcial pensaba que as autonomías eran “o cancro da unidade da patria” e que o Exército tiña que dicir que “este caos rematou”, o que non lle impedíu adaptarse logo para vivir ben e gañar cartos á conta das autonomías precisamente.
O 14 de xullo de 1978, El Imparcial publicou a seguinte perla: “Haberá que dar a independencia ao país Vasco se os seus habitantes a queren. ¡Naturalmente, se o resto dos españois están dispostos a perder este cacho da Patria! ¡Porque, se non o están, haberá que ir, outra vez, irrenunciábelmente, á guerra civil!”.
Sendo o xeneral Tomás de Liniers xefe do Alto Estado Maior fixo en Buenos Aires, o 20 de xullo de 1978, unhas declaracións en defensa do intervencionismo do Exército que Perez Varela comentou daquela con estas palabras: “Hai quen quixo quitar importancia ás palabras do teniente xeneral Liniers, pero están ditas e hai que aterse a elas. Porque representan, alomenos de modo oficial, unha postura, a do Exército español, acorde cos seus principios e conceptos morais. Cómpre non esquencelo. É un síntoma e unha advertencia”.
Logo do asasinato do xeneral Sánchez Ramos, cometido por Eta en Madrid, Xesús Pérez Varela, que daquela aínda se chamaba Jesús, volveu a facer outra advertencia: “Según todos os indicios, no Senado vanse producir novas tensións, porque é posíbel que a Cámara alta se manifeste en contra das nacionalidades”. No mesmo artigo falaba de indeterminadas “trampas marxistas” que podían dirixirse contra Felipe González con esta parrafada: “Ademais da campaña dos grupos marxistas revolucionarios, acábase de constituír a sociedade Promociones Marxistas, S.A. co único fin de levarlle a contra a á sevillana do PSOE”.

Non podía ver a Adolfo Suárez
Días despois, o 1 de agosto de 1978, volveu a mostrar a teima que tiña contra o goberno de Adolfo Suárez escribindo o seguinte: “A democracia que quería impor a Unión do Centro Democrático aos españois é a ditadura do medo. O que vostede quere para o seu partido e para o Goberno é unha patente de corso” (referíase a Rafael Arias Salgado, que logo foi ministro do partido no que rematou Pérez Varela).
A fobia antimarxista deste ex alumno do profesor comunista Xesús Alonso Montero volveu a manifestarse o 1 de setembro de 1978 lanzando outra advertencia (sempre foi moi afeccioado ás filípicas): “O marxismo está no teatro, na pintura, no cine, na novela, no dereito, na historia. Non se pode nen se debe ignorar. Non é infranqueábel. Pódese e débese rebasar, pero sen pechar os ollos diante del e sen intentar arrodealo e darlle as voltas”.
O 4 de setembro de 1978, producíu outra perla ao dicir do ultradereitista Blas Piñar que era “un home leal, tan difícil de atopar hoxe en día”, e, só quince días despois, o seu xornal tratou de advertir o pobo español sobre o perigo de verse empurrado a rexeitar a Monarquía se se aprobaba a Constitución. “Hai unha serie de pincipios que, en conciencia, poden e débense rexeitar –dicía daquela–. Estes principios son: as nacionalidades, as subvencións ás linguas vernáculas (reparen nisto que di alguén que logo pasou a ser subvencionador delas), a proliferación de bandeiras autonómicas (¿canto tempo pasou logo o autor dstas palabras arroupado cunha bandeira autonómica?), a falta de garantías ao ensino privado, a folga por motivos políticos, o divorcio e os tribunais populares”.
Algo que está claro é que Pérez Varela non tragaba daquela a Constitución. O 10 de novembro de 1978, escribíu na súa columna titulada Confidencialísimo o que sigue: “¿Qué ocorre aquí? Chámanme polo teléfono das confidencias e dinme: o almirante Gamboa –votou non á Constitución– recibíu máis de mil comunicacións, cartas e telegramas de felicitación. E o tenente xeneral Coloma Gallegos, cesado como membro do Consello Supremo de Xustiza Militar, está recibindo centos de adhesións”.
Outra teima súa era a unidade de España. O 19 de novembro de 1978 mostrouna publicando isto: “Ao longo destes últimos tempos, moitos arrepentidos, falazmente, renegaron do nome de Deus e de España con falsos xuramentos e con outros epítetos como o de ‘Estado español’. Ao longo dos últimos tempos, uns por ideais errados, outros por conveniencia política, outros por traizón, outros por medrar, outros por unha simple mesnada, déronlle a súa conformidade a un crime de lesa patria como é o de atentar contra a unidade sagrada de España”.
Trala Operación Galaxia, montada polos golpistas Tejero e Inestrillas, e por un coronel que non chegou a ser identificado, para parar os procesos constitucionalistas que estaban en marcha, o agora orgulloso da Cidade da Cultura publicou esta análise: “¿Poden tres persoas (un capitán, un tenente coronel e un coronel) planear unha operación desta envergadura? Todas as fontes consultadas por min durante o día de onte manifestaron que afirmar o do complot é unha insensatez”. Non foron da mesma opinión un capitán de Infantería e un comandante de Infantería de Mariña que asistiron a reunión preparatoria de Galaxia, así denominada porque tivo lugar na cafetería madrileña que levaba este nome e que hoxe se chama Van Gogh Café, e que logo informaron aos seus superiores do complot que se estaba preparando.
Sobre este mesmo tema outro columnista de El Imparcial, José L. Alcocer, tamén escribíu que “se trata dunha historia, esta de Galaxia, da que nada pode dicirse, pois polo que nós sabemos non existe”. Poucos días máis tarde, o 22 de novembro de 1978, o daquela vicepresidente do Goberno, Fernando Abril Martorell, declaraba á axencia Efe que “o Goberno ten presentadas como unha ducia e media de querelas contra El Imparcial, xornal que contribúe moi pouco á estabilización política do país”.

Odiaba a Constitución
O 27 de decembro de 1978, despois de que o Rei sancionara a nova Constitución nas Cortes, o xornal de Pérez Varela publicou esta sentencia: “O máis esperanzador desta Constitución é o feito de que non vai ser eterna”.
O paroxismo progolpista dest ínclito “cofundador” da Cidade da Cultura chegou ao seu cumio o 9 de decembro de 1979 cando puxeron en liberdade a Ricardo Sáez de Inestrillas e a Antonio Tejero Molina, trala Operación Galaxia. Ese día, na primeira páxina de El Imparcial, na súa columna Confidencialísimo, co titular Ya están en casa a grandes caracteres, dicía Pérez Varela: “Vostede perdoe, meu querido amigo, pero hoxe sinto unha emoción especial. Hoxe só quero dicirlles a vostedes que, dende as dez da mañá, hora na que coñecín a decisión do capitán xeneral da I Rexión Militar, ata as dez da noite, en que pecho esta columna, non tiven máis que motivos de alegría… Hoxe é un día importante. A emoción non é boa compañeira. Que lles abonde a Tejero e Inestrillas saber que hoxe centos de milleiros de españois erguemos a copa con eles e as súas familias”.
O escritor mallorquín Juan Pla, compañeiro de Pérez Varela nas tarefas de El Imparcial, xornal do que tamén el foi director, publicou un libro titulado La trama civil del golpe no que fai varias referencias ao que foi conselleiro da cultura de Fraga. Nunha delas di o seguinte: “Pérez Varela e a información confidencialísima dos seus militares antigobernamentais marchárase con el a outros pagos”. Noutra pódese ler: “Máis de cen militares telefoneáranlle a Pérez Varela mentres estivo arrestado no seu domicilio por mor dunha crónica relativa aos Exércitos e máis de dez mandáronlle bombóns ou frores para a súa muller, a doce María Luísa do Ministerio de Educación”. Aínda outra referencia do libro de Pla: “Daquela eu non era director do xornal e Carrés (Juan García Carrés, o único civil que foi procesado polo golpe do 23 de febreiro de 1981), con Girón de Velasco (falanxista que despois de ser ministro de Traballo de Franco, entre 1941 e 1957, levou a voz cantante do inmobilismo político máis extremado) ía cear á casa de Pérez Varela e, por certo, fundíase o asento do tresillo que tén no salón”.
Varios anos máis tarde, a mediados de 1995, cando xa era conselleiro de Fraga, Pérez Varela contou cousas moi distintas. Nunha entrevista que lle fixeron para La Voz de Galicia dixo isto, por exemplo. “A Xunta tén a obrigación de escribir, falar e dinamizar a lingua galega, que é a nosa razón de ser e o sedimento da nosa existencia”.
Toda unha evolución ata volver agora á area pública dicindo que esta moi orgulloso de facer a Cidade da Cultura. Fódase pa, o novo mestre Mateo.

Aclaración: Unha parte moi importante dos datos desta crónica foron tomados da que publicou Enrique Fernández no número 53 da revista Gam, en novembro de 1997.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi ben, señor Conde! Mágoa que non se difundan máis estes datos; ese xornal tan oposto agora á Cidade da Cultura tería material abondo para tirar por este fío...

Anónimo dijo...

Eu tamén digo que moi ben, pero aínda sería mellor se Conde prestase atención crítica tamén ós capitostes que son da súa corda. Ó conselleiro de Industria e a súa camarilla, seu irmán incluido, por exemplo, ou á rede de intereses e personaxes do PSOE. Parece como se só houbese ouvellas negras na dereita, e non é verdade. El, que o outro día se mostraba amante das memorias de Portela Valladares, podía aproveitar para aprender do que di este gran personaxe galego acerca do papelón que representaron socialistas e comunistas, xa non digamos os anarquistas, na Segunda República.