viernes, septiembre 07, 2007

Galicia borrosa, Rivas descobre a Santiago Lamas


Con algo de retraso temporal, Manuel Rivas demostrou que non só é un gran escritor senón tamén un bo lector. Na edición galega de El País de hoxe ocúpase dun libro do psiquiatra Santiago Lamas con estas palabras: "Galicia borrosa, de Santiago Lamas, é o título dun dos máis esplendentes ensaios endexamais escritos sobre este país. Foi publicado hai tres anos polo Seminario de estudios galegos. É un extraordinario informe dalguén que ten o don da Escoita. Da man de Lamas, xefe do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense, vén agora outro voluminoso volume, Ferrín e outras historias (Edicións do Castro) que en realidade contén tres obras que engaiolan como voces fondas que chegan dun corpo aberto".
Dicía eu o do retraso temporal porque o excelente libro de Lamas Galicia borrosa leva xa tres anos no mercado editorial sin que os doctísimos e non menos orgánicos apóstolos da cultura galega lle fixeran o caso que sen dúbida merece. Para moitos dos seus lectores, entre os que me atopo, é o mellor e máis impactante ensaio que se publicou en Galicia e sobre Galicia nos últimos cincuenta anos, incluídas as obras de Ramón Piñeiro, García Sabell, Fernández de la Vega, Rof Carballo e non digamos Alonso Montero, Francisco Rodríguez e todo o aparato supostamente analítico da tendencia política.
Galicia borrosa non tivo, porén, a acollida que debía merecer nunha sociedade culturalmente ben armada e atenta á renovación do pensamento e a análise. Sendo como é, sociolóxica, filosófica e politicamente, un libro superior ao best seller de Celestino Fernández de la Vega O segredo do humor, o libro de Santiago Lamas, publicado en Edicións do Castro, unha editorial comercialmente pouco competitiva, aínda non pasou de ser un volume para iniciados que a penas foi refenrenciado polos mass media galegos e que fica case totalmente ignorado polos centurións da autodenominada crítica solvente. En menos tempo, libros inmensamente inferiores e carentes de interés xa foron obxecto de traducción a outros idiomas e publicación nos mercados de fóra de Galicia.
Para empezar, Galicia borrosa non tivo sequera sorte cando o autor mandou o orixinal á edición do premio Ramón Piñeiro no que resultou vencedor o libro de Xosé Luís Barreiro A terra quere pobo, sen dúbida outro dos grandes ensaios producidos ultimamente dentro da nómina de autores galegos. Un xurado do que formaban parte o actual presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes, me parece que Henrique Monteagudo e algúns máis dos actuais comisarios da cultura galega non se mostrou excesivamente agudo nas súas decisións. E non o digo porque lle quitaran o premio a Lamas para darllo a Barreiro senón porque ao psiquiatra de Ourense non lle otorgaron nen sequera algún dos dous accesits ao premio Ramón Piñeiro. Estas son cousas que pasan, como di a canción. Famosos editores que morreron deixando sona de poseer bo olfato para detectar perlas literarias rexeitaron en vida orixinais que remataron sendo tan históricos como o de Cien años de soledad de García Márquez, por exemplo.
Por iso é importantisimo o que agora escribe Manolo Rivas en El País. Porque veu facer xustiza sobre un libro que moitos xa o temos de título de cabeceira hai moito tempo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Freixanes, Monteagudo e Villares son unha troupe que soio se premian a eles ou ós seus amigos. Non me extraña nada que pasaran do Lamas.