Aparece hoxe en La Voz de Galicia. Afúndese un pesqueiro no porto de Muxía tras ser alcanzado por un foguete de pirotecnia. O barco Valencia Filgueira atopábase no porto coruñés cando se procedía nesa zona a lanzar foguetes por mor das festas de San Miguel. Unha raxada de vento tirou os foguetes no momento en que lles estaban prendendo lume, e un deles reventoulle parte do casco ao barco. Felizmente non houbo que lamentar desgrazas persoais. Non sempre ocorre así. A pirotecnia ás veces causa mortes.
Agora que está rematando a época do ano na que proliferan as festas quizais é o momento de dicilo. Precísase regular e controlar a insportábel contaminación acústica que produce a desmesurada afección dos galegos polos estouridos pirotécnicos e polas orquestras megadecibélicas. De maio a outubro, vaia un onde vaia, parece como se estiveramos na guerra de Irak. Foguetazos por aquí, bocinazos –máis que música– por alá. Ás verbenas xa non vai ninguén, pero os palcos das festas non apagan a música ata as tres ou as catro da mañá. Fuxa vostede do mundanal ruído das cidades, instálase a vivir no campo pensando que vai estar no paraíso e rece, aínda que sexa ateo, para que non lle caian preto da súa casa a festa patronal de San Cotufacio de Arriba ou o espantacorvos con que o veciño do lado pensa que vai conservar todas as súas mazorcas de millo.
Se os rezos non lle dan resultado, non se lle ocurra chamar ao Concello para pedir que impidan que se alborote ata as tantas durante unha semana. Diranlle que son as festas e que hai que foderse. Eles dirán divertirse, pero vostede terá que saber traducir. E non lle vai valer de nada explicarlles que os seus cans morren de medo durante eses días por causa dos puñeteros foguetes. Cans di vostede? preguntaranlle. Os cans non teñen dereitos, retrucarán a continuación.
Debo ser moi raro, pero o que me pregunto eu é por que non hai nunca un alcalde que mande parar a festa cando ten que parar, que impida que os foguetes esnaquicen os tímpanos de media parroquia e que os decibilios da Lamaslapiña de turno non estraguen os nervos dos veciños da rodeada. Pensandoo ben, moito do que hai por Galicia adiante durante o verán non son festas. Son enormes gamberradas protagonizadas por catro vellos e unhas cantas persoas moi serias que, durante o resto do ano, nunca cantarían Asturias patria querida ás tres da mañá debaixo do balcón do alcalde.
3 comentarios:
Lamentablemente, o que vostede pretende, amigo Conde, si que é, simultaneamente, unha utopía e unha ucronía.
Sería máis doado que Galicia acadase un PIB como o de Xapón que os galegos demitisen da súa idiosincrasia festeira e fogueteira.
Amolados imos!
Sr Conde: como lembrará vostede, xa lle pedin hai tempo, que como 0 Vasco Moscoso de Aragâo,de Jorge Amado, capitâo (periodista )de longo curso, exercera a súa influencia sobre os directores dos xornais galegos, para que nun recanto da súas páxinas nos informaran no tempo de verán, de aqueles lugares "onde non estea prevista festa ningunha" nos días seguintes. Somos moitos os que procurarían conchego neses lugares.
Súmome á proposta anterior entusiásticamente. Non sei se o Vasco Moscoso de Aragâo ou quen for, pero alguén que publique a lista dos lugares onde non estea prevista festa ningunha cúbrese de groria. E faría un importante favor á auténtica humanidade (a outra que sega indo de festas).
Publicar un comentario