jueves, septiembre 06, 2007
Bye, bye, Antón Losada!
Seguimos coa rentrée política que anunciei hai unha semana. Antón Losada, secretario xeral da Vicepresidencia de Anxo Quinatana, foi en bora como din os portugueses. Algúns din que xa era tempo, e outros que nin fu nin fa. Tampouco falta o grupiño de amigos do afectado que, segundo os casos, aproveitan para facer mutis polo foro ou para seguiren botándolle fume aromático ao primeiro alto cargo que se vai da Xunta poucos días despois de entrar en vigor a Lei da Función Pública que legalizou o polémico aguinaldo dos 15.000 euros.
Un amigo meu que ás veces tén bos arranques de humor xa fixo o chiste. "Agora Quintana vai aparecer nas viñetas co bocadillo valeiro ou cheo de burbullas", díxome. ¿E iso por que? pregunteille. "Porque xa non tén quen lle escriba", respondeume. Se cadra é o mellor que lles pode pasar aos dous, a Losada e máis a Quintana, que a súa relación remate sendo interpretada só en clave humorística.
O primeiro alto cargo da Xunta bipartita que sae pola fenestra, por moito que se disfrace a súa saída de demisión voluntaria por asuntos persoais, deixa tras de si unha ampla estela de navegante político estrafalario que foi capaz de afrontar as maiores tempestades de paso que contribuía a que as ondas acadaran cada vez maior altura. Salvouse de milagre dalgúns enfrontamentos protagonizados por el entre os funcionarios da Xunta, Policía Autonómica incluída, e engrosou excepcionalmente o seu curriculum de agit-prop case ata o punto de rematar semellándose, no papel que desempeñou na Xunta, ao que protanonizou Xesús Pérez Varela a carón de Manuel Fraga. Loxicamente sen cidades da cultura incluídas, pero con listas de xornalistas e de medios partidarios e contrarios comprendidas.
Non será Losada o alto cargo que deixa na Xunta a memoria do profesor universitario estilo british que se mete a político. Polo contrario, as súas maneiras rozando decote a grosería e as súas manifestacións de prepotencia marcaron unha parte do desenvolvemento autonómico dos dous últimos anos. ¿Onde irá parar agora este alevín de tiburón? Segundo parece, na Administración non queda sitio para el polo momento. É de supoñer que regrese á súa praza de profesor de Política na USC ou mesmo que se encarame á posta en marcha dalgún dos proxectos de medios de comunicación privados nos que vén traballando o BNG dende hai tempo.
O seu substituto, Xavier Ferreira, tamén é profesor da USC. Neste caso, de Dereito Administrativo. Outra vez, a herencia de Fonseca como subministración de cargos públicos. Nisto accionan igual Touriño que Quintana. A falta dunha escola de alto estudos administrativos tipo París, aquí é a Universidade a que nos vén dotando de "pedegés". Logo saen adiante as leis que saen. A endogamia universitaria comenza a reproducirse fora do campus.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Teño que dircirlle ao blogueiro, bloguista, blogaleiro ou como se chame que a súa actitude receante da Universidade se cadra esconde algún pasado univesitario frustrado. Non se entende, se non, que poña en solfa a contribución de profesores universitarios á nova Administración galega. Quen mellor ca eles pode contribuír ao seu desenvolvemento? Os obreirtos? Os empresarios?
Por favor, non caiamos na funesta manía de pensar que pensar é funesto. Nin pidamos, coma Millán Aastray, que morra aintelixencia.
Respóndolle a Unamuno:
Non me faga vostede dicir o que non digo. Nin vou berrar nunca que morra a intelixencia nin apartarei xamais de min "a funesta manía de pensar". Vostede saberá por que virou a súa mente cara a estas dúas "aportacións" do pensamento (?) fascista.
Limítome a constatar o que xa parece "atracción fatal" exercida polos profesores universitarios, tanto no presidente como no vicepresidente da Xunta, á hora de formar os seus "staffs". E a non dubidar de que tamén obreiros e empresarios, aos que se refire vostede, poden e deben terse en conta para formar equipos directivos. No que toca ao que digo de que asi se fan as leis, está claro que son dos que temos en conta a recente e mala experiencia do aguinaldo quincemil eurista. ¿Que quere que lle diga máis? ¿Amén? Pois non.
Pero de onde sacahe esa foto, ho? Vaia tres patas pra un banco! Parece que están cantando Asturias Patria Querida (a dos borracos, non a oficial).
Perfecto. Perfecto, quitáchesmo da boca,... Ca.... Veciño, noraboa polo blog.
José Manuel
A Pontenova
Despois de ler a conversación que mantivo o alto cargo cesado con xornalista da TVG, publicada por El País, pregúntome quen o foi o listo que escolleu a este especimen para facer de segundo do vicepresidente da Xunta. Vaia tropa! El e os que o apoiaron.
Publicar un comentario