jueves, octubre 04, 2007

Non hai nada como ser normal


Tiña eu un amigo moi "porreiro", que é como din divertido os portugueses, que cando lle presentabas a alguén mirábao aos ollos e inmediatamente espetáballe: E logo, ti canto pagarías por ser normal? O meu amigo xa moreu hai varios anos e isto que conto sucedía en tempos nos que aínda os políticos non se puxeran a normalizarnos a todos con leis dunha cousa e da outra.
Se Chatolas vivira, refírome ao meu amigo, seguramente dicía que xa somos normais. Ou polo menos igualiños que noutros lados. Temos menores de idade que conducen coches irrespectando as normas de circulación, fuxen da Garda Civil e rematan empotrando o vehículo contra os gardas. Conselleiras que lle enchen a piscina os bombeiros de Camariñas. Presidentes de goberno que veranean en casas que son propiedade de controvertidos anticuarios de Ourense. Menos a Fraga, probiño, temos de todo.
Ata temos un Concello, o de Portomarín (Lugo), onde a aritmética electoral (4 PP, 3 PSOE, 2 BNG) nos iguala mesmamente á Italia dalgunhas circunstancias repetidas. A alcaldesa, Silvia Rodríguez, é socialista e logrou o cargo grazas aos votos do BNG, pero para que lle asignaran o salario mensual tivo que contar cos votos do PP. Os nacionalistas pasaron dela neste caso. E agora, nun pleno que tivo lugar onte, vai Xoán Serrano, voceiro do PP, e proponlle a Xesús López, conseller en cap do BNG, que sexa alcalde mediante unha moción de censura na que contaría cos votos dos conservadores. E o nacionalista non dixo que non. Limitouse a responder que o estaban collendo por sorpresa e que agradecía o ofrecemento, de paso que manifestou que "a situación de desgoberno actual non pode manterse, pero nada máis polo momento".
Alguén ten aínda dúbidas de que xa somos "normalitos y corrientes"? Pois fíxese no que pasa con iso dos chanchullos inmobiliarios de Telmo Martín en Pontevedra. Despois de ser alcalde de Sanxenxo e de estar a piques de selo da capital do Lérez, descúbrese que cobraba sobreprezos en diñeiro negro que non debía reflexarse nos documentos de compra dos pisos que constrúe e vende. E a quen tiña de cobrador do frac? Pois a un irmán do alcalde nacionalista de Poio. Ou sexa, que somos normaliños de todo. Como en Italia, como en Marbella, como en calquera sitio. E para isto tanta lei de normalización lingüística? Anda que se non aplicasen ningunha e nos deixaran falar a todos como fan os cartiños na empresa esa de Telmo Martín, os galegos xa eramos normais e andariamos dereitos tamén no uso do galego. Non hai nada como ser normal. Antigamente tiñamos o embigo na testa, houbo unha mudanza e baixósenos á panza.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Anticuario de Ourense? E será o Santa Rita. Ou non? Presidentes de goberno? Pode ser Touriño?

Anónimo dijo...

Gajo Porreiro.....¿Equivalente luso de Tío Cojonudo?