O tandem é unha bicicleta impulsada por dous usuarios. Ámbolos dous pedalean, pero só un deles dirixe o vehículo. O de atrás tamén leva guiador, polo conto de agarrarse, mais as funcionalidades deste segundo manillar non son iguais ás do que manexa o ciclista que vai diante. O usuario posterior non pode cambiar a dirección, pero suponse que se puxo de acordo co usuario anterior. Moi importante: antes de montarse cómpre acordar non só o destino senón tamén os camiños a seguir para chegar.
Existe, ademais, un compromiso explícito de compartir o esforzo que o empeño esixe evitando simulacións. Non se trata de facer que se pedalea, senón de pedalear ritmicamente ao son das necesidades que impoña o territorio e que esixa a velocidade requerida. A tecnoloxía posta ao servizo da relación impulso/velocidade chámase cambio de marchas e tamén é unha ferramenta posta nas mans do ciclista dianteiro, aínda que é certo que boa parte do delicado mecanismo atópase instalado debaixo das nádegas do ciclista posterior que, porén e como fica dito, non pode controlalo.
Alcanzado o acordo, correspóndelle ao ciclista dianteiro dirixir o vehículo, pero isto non o exime da obrigación de pedalear. Puidera ser que, concentrado nalgún momento en outear o horizonte, o vigor do seu pedaleo afloxe algo e iso é comprensíbel, pero non debe servir en ningún caso de excusa para tomar un respiro excesivo. É máis, hai quen sostén que o ciclista dianteiro debe dar exemplo ao que vai atrás, marcar o ritmo e introducir novos ánimos cando o require a orografía.
Da mesma forma, enténdese que o ciclista que vai diante debe moderar os ímpetos e a velocidade do tandem. Debe facelo mantendo unha interlocución fluída co outro ciclista e evitando no posíbel usar os freos que so manexa el, así como impedindo a necesidade de acudir a manobras de emerxencia (dirixir o vehículo á gabia, buscar intencionadamente unha caída en blando, etc.).
Tampouco está ben vista a participación de terceiros, que normalmente non están subidos ao tandem, ou utilizar procedementos traumáticos para provocar a caída (paos nas rodas, pedras no camiño, etc.).
A bo entendedor... de que e de quen estamos falando?
9 comentarios:
Boas noites a todos.
Don Perfeuto, vostede, como toda gran literatura, sempre no camiño do inaprensible...
(je ne le sais pas)
Almiral Mouchez
O do Perfeuto hoxe debeu beber cazalla. Mira que para saírlle unha retahila de cursiladas como as que publica nesta ditosa parábola. Foi o cazalla que lle fixo sentirse Moisés coas táboas na man.
Non parece vostede o mesmo, don Perfeuto. Deixe a literatura para que sepa e faga bo xornalismo, que é o seu, senón, escarallará o blog.
De acuerdo con el anónimo precedente. Cursi, simple y evidente. De todas formas, un mal momento lo tiene cualquiera.
Para min que estamos falando de Blanco Amor ("Las buenas maneras"), de Julio Camba ("Casa de Lúpulo") ou de Cortázar ("Instrucciones para subir una escalera"). Ou é simplemente de Touriño e Quintana?
A verdade é que o texto é previsible e un tanto cursi.
A min dame que a literatura dos blogs, si é que se lle pode chamar literatura, non está para istas lindezas. A xente que mira os blogs vai en procura doutras cousas. A cursilada é levar as iniciais na camisa ou xemelos de bolas de fío. Chamarlle cursi a unha divagación estéril pero con pretensións literarias paréceme moito.
O certo é que o blogueiro é un sentimental, un idealista. A solución é mercar un triciclo para cada un. Porque eu penso que son coma nenos e na bicicleta perde´rian o equilibrio.
Anómimo anterior: creo que estás equivocado. Otra cosa no, pero equilibristas, son unos equilibristas de cojones. Monociclos, la solución es comprarle monociclo y ¡ala! ¡todos al circo!
Publicar un comentario