lunes, octubre 08, 2007
A Touriño médranlle os ananos
Dicía eu hai pouco que a Touriño aínda non lle empezaron a medrar os ananos, pero algo me fai pensar que poden estar a piques de empezar a facelo. A actuación que tivo onte en Buenos Aires o noso Jack Nicholson subido de quilos que é Celso Parada se cadra non está mal como proba de que as hormonas dese crecemento están a facer efecto. Segundo informan hoxe algúns dos xornalistas que participan na excursión pagada a cargo dos contribuíntes, o famoso intérprete de Libro de familia sorprendeu os galego-porteños contando chistes de carreteiro mentres que non chegaba o presidente da Xunta.
Para mostra, un botón: "Nosotros le decíamos 'Carmiña, enséñanos el mejillón' , y Carmiña nos mostraba aquel su bichito bivalvo. Y yo, asombrado, nunca comprendí por qué en los libros a aquello le llamaban bivalvo. Gracias, Carmiña, por encendernos las bombillas de la niñez con tu mejillón como un chocolate sabroso". E outro botón: Celso Parada, falando da súa tía, dixo que se dirixía a el "con su sonrisa y unas enormes tetas" que apuntaban cara el como "un tsunami que amenazaba" e que lle daban ganas de "mamar, de estar mamando en sus pechos y en los pechos de todas las mujeres del mundo".
Colléronlle a gracia a este campión do humor bodevilesco? Pensar que, hai trinta anos, nos queixabamos de Xan das Bolas! Non me estraña que María Xosé Rubio, conselleira de Sanidade, e María Xosé Porteiro, famante delegada de Galicia en Arxentina, puxeran cara de noxo.
Mentres que ocurría todo isto, Pepiño Blanco aproveitou a ausencia do presidente da Xunta e a celebración do San Froilán en Lugo para anunciar a contratación das obras da A-54. Nin sequera quixo contar coa conselleira do ramo, María Xosé Caride. Debeu pensar en que andaría ocupada en levar auga á súa piscina. Días antes, Blanco convidou a comer a varios alcaldes da súa corda no agora xa pechado pero aínda famoso restaurante Chocolate de Vilaxóan, entre os que estivo Abel Caballero, alcalde de Vigo.
En fin, que Touriño non debería demorarse moito por América. Non vaia ser que lle medren os ananos e mesmo que algún deles vaia pensando en moverlle a silla.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
O do señor Parada é algo intolerable, pero tamén e de resaltar que hai responsabilidade da administración e que os seus "irresponsables" non poden mirar para outro lado e, desde logo, debennos aos cidadáns as explicacións pertinentes.
Caso contrario, a próxima vez que pase, será como se os chistes os fixera P.Touriño.
Hai tempo, Vicente Risco alcumou unha parte da xente da cultura que había en Ourense coa expresión "Os Artistiñas". Ben poderiamos hoxe utilizala, coa súa carga pexorativa, para referírmonos a un fato de actores, actrices, cantautores, cantatrices que pasan todo o día dicindo parvadas, pagados polo contribuínte, e pensando que son Charles Chaplin.
O caso do tal Parada xa é paradigmático. Que facía, ademais, en Buenos Aires? Tamén viaxou de moca coa comitiva do presidente da Xunta?
Hai popuco días foi Fernando Blanco, o nacionalista de Industria, o que gastou cartos a mazo levando a súa "troupe" a Tokio. Agora é Touriño o que quere emular a Degaulle trasladándose a Buenos Aires como se fora un Bush calquera. Manda chover na Habana cos nosos gobernantes. E queixábanse de Fraga! Non son eles iguais?
Escóiteme San Simón:
Non mesture vostede churras con merinas. Vicente Risco chamoulle "Artistiñas" a pintores como Quesada, escultores como Acisclo Manzano, etc. E non tiveron carga despectiva ningunha as súas palabras. Xa lle gustaría a ese neo(con) Xan das Bolas de Parada merecer o alcume de Risco.
Non se confunda.
A min o que menos me importa é saber se Celso Parada (vaia friki!) pode ser alcumado de "artistiña" ou de paparote maior do reino de Barriga Verde.
O que que me importa e me parece insultante é que un machista coma el poda ser incluído na "embaixada" galega que levou o presidente da Xunta a Buenos Aires. Isto non o permitía nin Fraga Iribarne.
Quedamos todos en Arxentina á altura do betún. No me extrañaría que volvan a aparecer chistes de galegos como os que xa non ergueron dor de cabeza en tempos pasados.
Vaia estreno que lle brindaron á nosa "embaixadora" Porteiro.
Non vai levar este tema o PP ao Parlamento? Pois leva cousas moito menos importantes.
Vaia pifiada a da equipa de Touriño. Cando aprenderán?
Publicar un comentario