¿Quen dixo que todo quisque anda correndo atrás da ocupación dalgún alto cargo na Xunta ou onde cadre? Non é este o caso de Xosé Manuel Beiras que, segundo publica esta semana A Nosa Terra, rechazou a presidencia do Consello Económico e Social (CES) que lle ofreceu o vicepresidente Anxo Quintana. Segundo informa o xornal nacionalista, Beiras recibíu formalmente este ofrecemento logo dunha xuntanza da Executiva do BNG e despois de pactar co PSdeG-PSOE o perfil para presidir este órgano consultivo.
O goberno tripartito estaba disposto a promover a Beiras para o cargo, pero impoñíalle deixar a Executiva nacionalista e a súa actual actividade política, algo que non aceptou o ex voceiro do BNG, que preferíu seguir a andaina que el mesmo encabeza a través do Encontro Irmandiño. Nos tempos que corren non deixa de ter mérito que alguén desbote o exercicio dun alto cargo que conleva unha remuneración que se aproxima á que percebe un conselleiro da Xunta, coche oficial e outras prerrogativas inherentes á presidencia do CES, un organismo que dispón actualmente de orzamentos anuais que pasan dos 1.200 millóns de euros
En realidade, non é a primeira vez que Quintana tivo na cabeza este nomeamento. E, en consecuencia, tamén Touriño xa que, segundo o pacto de goberno en vigor, correspóndelle ao BNG propoñer a persoa indicada para este cargo, logo de que o PSdeG-PSOE exercera este dereito na designación do Valedor do Pobo. Xa antes das eleccións do 2005 lle chegaron a Beiras campaíñas que tocaban nesta dirección, pero daquela eran ofrecementos dos que aínda non tiñan nada que ofrecer. Máis tarde repetíronse esas iniciativas ata que agora se fixeron patentes formalmente.
Hai quen di que esta movida de chapa no taboleiro do xadrez político galego tivo algo de intento de domesticar a Beiras, logo dunha etapa xa prolongada de exercicio pola súa parte da liña crítica que o caracteriza e que ultimamente se vén expresando a través dos artigos que publica no xornal compostelán Galicia Hoxe. As posicións do "señorito da Reboraina" de Brión acerca de Reganosa, a explotaciòn de canteiras no Courel ou as piscifactorias, por poñer tres exemplos, non están pasando desapercibidas nas moquetas de San Caetano. Tamén puido influír algo o desexo que podían ter algúns dirixentes nacionalistas de arredar a Beiras da posibilidade de que lle entraran ganas de presentarse como deputado nas próximas eleccións xerais.
Fose como fose, o caso é que Beiras segue nas barricadas do pensamento crítico galego. Ou sexa, que seguimos tendo o noso Jean Paul Sartre particular. Que sexa por moitos anos.
8 comentarios:
Á marxe de que un poida coincidir máis ou menos co seu pensamento, creo que se algo non se lle poderá negar xamais ao profesor Beiras é a súa honestidade e a súa coherencia.
(Que non son malos botes para navegar as augas deste mundo, por exemplo se un ten un proxecto que non leva o seu propio nome, senón que se chama Galicia.)
Boas noites, boa sorte.
Almiral Mouchez
Si, é certo, hai que recoñecerlle a súa honestidade e a súa coherencia. Pero tamén o seu divismo e súa querencia polos focos.
Almiral Mouchez está no certo como case sempre. O seu espírito ilustrado e progresista –non será un afrancesado?– elles ben acaído á razón e á liberdade.
A analoxía con Sartre, parecendo eloxiosa, ten mala intención?
Non me cadra, en todo caso, que sexa tan contrario a certas decisións da Xunta e o propoñan para o CES.
Polo que eu sei, non están descontentos con Egerique, a quen se lle acaba o choio en maio. Paréceme rara a xogada: non a acabo de entender completamente.
A xogada é moi sinxela. Se Beiras caese na trampa e se subira ó coche oficial, aceptando as condicións que lle impoñían, os da UPG e os de Quintana librarianse da mosca "cojonera" que os está poñendo en evidencia cada dous por tres. E a sociedade galega perdería unha das súas voces máis transparentes. Con tal de que Beiras cale a boca, son capaces de facelo arcebispo. Cardeal mesmo.
Eu sigo sen velo: Beiras pode ser mosca cojonera, pero as moscas cojoneras son necesarias. COnstitúen o alibi (como din os ingleses) a excusa perfecta da diversidade democrática dentro dun partido. Eu xa imaxino o que din os que están no cargo. Os que tocan moqueta ven esto como veleidades de vello cascarrabias.
En todo caso, vostedes cren que por un coche, uns cartos, o amigo Beiras ía estar calado? É pretensión inútil.
De todas formas, vivimos en épocas de poucos sartres e moitas persoas con criterio e credibilidade que poden dicir esas cousas sen iren de engagés pola vida. Pero moito receo que o paradigma Beiras aínda funciona.
Non me parece que Beiras sexa, xa so, unha "mosca cojonera", o ofrecimento ten moito de desexo de desactiviación, e o rechazo de confianza no futuro.
O BNG, está sen proxecto inserido nun pragmatismo suicida, de seguir así o futuro do BNG, estaría no PSdeG. Pero entón sobraría xa o BNG, e o nacionalismo desaparacería como opción.
Aprobeito tamén para saudar ao meu vello cibercoñecido Almiral MOuchez, que tal amigo, agardo que ben e coas mesmas ganas de polémica que sempre, é unha sorte coincidir con vostede.
Publicar un comentario